O Pegamento Verde: Que é a Ecoloxía Política?

Relativamente nova e filla do Maio do 68, a Ecoloxía Política é unha corrente ideolóxica na que se cuestiona o produtivismo e o crecemento ilimitado nun planeta finito. É dicir: por que temos que consumir bens de duración limitada aos que podemos acceder unha parte moi limitada da poboación mundial? Por que temos que producir cada vez máis cando se desbotan tantos produtos e tantos alimentos? Por que somos tratadas como consumidoras en lugar de como cidadás? Por que se nos prometeu que o crecemento perpetuo traería o benestar ao planeta?

A óptica da Ecoloxía Política fainos pensar que o ritmo de produción que está a soportar o planeta non é necesario para o benestar das persoas. Nós non necesitamos roupa feita en condicións de escravitude, nin a obsolescencia programada. O que todas as persoas precisamos é comunidade, un fogar, cambiar as nosas dinámicas de consumo e a relación existente entre as cidades e o rural, que cada vez semellan máis afastadas.

Maio do 68 foi un punto de inflexión: Esas revoltas estaban compostas dunha masa crítica moi heteroxénea pero conectada como pacifistas, feministas, artistas, libertarias, activistas medioambientais ou autoxestionarias en contra da cultura do progreso ilimitado, consumista, xerárquico e patriarcal. Estas foron as nosas sementes. As catástrofes de Chernóbil e os ensaios no atolón de Mururoa cambiaron a forma de ver o ecoloxismo, mentres que, recentemente, os estudos sobre o quecemento global e Fukushima fixéronnos ver que temos que tomar as rendas para cambiar un modelo de economía caduco e suicida.

Non queremos ser confundidas con meras ambientalistas, que si se poden integrar en partidos tradicionais de esquerdas e dereitas porque pensan que os problemas poden ser resoltos con intervencións puntuais. Nós temos un sistema de pensamento político global e autónomo que responde a unhas necesidades concretas, como explica o voceiro de EQUO en Europa, Florent Marcellesi.

A Ecoloxía Política propón unha alternativa global á sociedade industrial en vistas de que o capitalismo e o marxismo máis ortodoxo non foron quen de prover democracia, xustiza social e sostibilidade ecolóxica. Nós presentámonos como unha terceira vía para conquistar eses cambios introducindo conceptos como solidariedade planetaria, interxeracional e interespecies. Por estas razóns, a ecoloxía política está vencellada claramente á radicalidade democrática.

Cremos firmemente que temos que pasar da democracia representativa á democracia participativa. Un modelo descentralizado e participativo é o mellor xeito de satisfacer as necesidades vitais da poboación. A descentralización do control dos recursos, especialmente os enerxéticos, e a transmisión do dereito de voz e voto ás comunidades locais son o mellor camiño para acadar un desenvolvemento compatible coa capacidade da Terra.

EQUO promove Onda Verde como un novo Maio do 68. Queremos que todas as activistas ambientais e decrecentistas nos xuntemos con pacifistas, feministas, artistas, libertarias, activistas medioambientais, autoxestionarias e toda aquela persoa que no seu corazón e na súa cabeza saiba que a cultura do progreso ilimitado é unha mentira consumista, xerárquica e patriarcal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.