Por que e para que a COP?

Escrito por: Bran López Luengo, Sofía Marbán Lorenzo, Águeda Novo Pérez, Lois Baúlo cordal

O pasado mes de decembro tivo lugar a maior cume mundial contra o cambio climático da década, coñecida como COP 21 ou París 2015. A vixésimo primeira Conferencia das Partes, era o cumio no que se sentaban os 195 países asinantes da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático. Neste tratado internacional de 1992 recoñeceuse a importancia do quentamento global, e propón o desenvolvemento de medidas concretas ao longo de varias cumes. Nesta ocasión tratábase de buscar un protocolo que substituíra ao de Kioto e que se empezaría a aplicar a partir do 2020. Un compromiso vinculante internacional para a redución dos gases de efecto invernadoiro e que reducira o aumento da temperatura global.

Activistas de Amigos da Terra estivemos alí presentes, xunto a outros varios de miles dun enorme e variado crisol de movementos sociais, en mobilizacións e accións de rúa que deron voz á xente de todo o mundo. Así participamos nas numerosas actividades que se programaron en París durante o cumio, como reunións que se levaron a cabo no "Centquatre" ou Zona de Acción polo Clima, un centro cultural convertido durante máis dunha semana nun fervedoiro de ideas e actividades, un espazo de debates e obradoiros, en fin, de converxencia colectiva, promovida pola Coalición Clima 21, unha plataforma que agrupa a máis de 130 organizacións da sociedade civil  que organizou mobilizacións cidadás en París con motivo da COP21. Tamén puidemos estar en “Lle Bourget”, o recinto onde se deron cita as delegacións oficiais e os medios de comunicación.

O espazo dedicado á sociedade civil foi bautizado como Espazo Xeración Clima, ao que se podía acceder sen acreditación, non como ao resto dos recintos oficiais de negociación multilateral. Igualmente tivemos ocasión de participar en actividades de protesta multitudinarias, así o sábado 12 de decembro participamos nun mosaico humano de militantes ecoloxistas a través dun sistema de xeolocalización para despois participar na finalmente autorizada manifestación “Red Lines”  ou liñas vermellas. Esta marcha congregou a miles de ONG e asociacións unidas por unha longa pancarta de tea vermella que se despregou ao longo da avenida Grande Armée por manifestantes vestidos de vermello e agarrando unha flor (en homenaxe ás vítimas presentes e futuras do cambio climático) ou un paraugas do mesma cor. As liñas vermellas representaban as esixencias e compromisos a non traspasar nas negociacións (fin dos combustibles fósiles, reducir e manter a temperatura global ao 1,5ºC, garantías de inclusión e cumprimento dos dereitos sociais, enfoque de xénero, etc.)

No referente ao acordo final, a pesar de que a COP21 chegaba con moi altas probabilidades de que se asinara, a pesar dos perigosos precedentes de fracaso das negociacións que se viran no marco de Nacións Unidas, sabíamos que se ían descafeinar suficientes elementos do acordo para permitir aos países máis problemáticos a súa firma. Como por exemplo que non fora legalmente vinculante, non marcaba diferencias entre países ricos e empobrecidos, non se mencionaba o abandono dos combustibles fósiles, etc.. Entón por que e para que a COP? Isto nos cuestionábamos e nos preguntaban... tanto antes como despois de vivir a experiencia.

O por que de loitar contra o cambio climático ten unha resposta científica: a nivel cartesiano existe un consenso, a día de hoxe non hai dúbidas reais (a parte dos cuñadismos fundamentalistas que se aferran á comodidade e incredulidade) de que a nosa Terra vaia deixarnos na estacada. Tras varias COP, a causa humana está identificada. A estas alturas do século XXI o que se cuestiona non é a que nos enfrontamos, senón como o facemos. O debate caldéase en sintonía co ambiente, con estratexias de acción condicionadas por intereses contrapostos que nos afectan a nivel macro e micro, coa desigualdade xeográfica e de poder, co prisma económico como pedra angular e o curtopracismo político como escusa para actuacións minimalistas de último momento.

Sendo cada día este último momento, a angustia apodérase da dinámica individual, xerando unha sensación de impotencia e frustración exacerbada e que nos acubilla baixo o letargo da indefensión aprendida. A cidadanía informámonos, preocupámonos. Pero, para que? Que facemos agora? Xa son consciente, xa teño o medo metido no corpo, pero que podo facer eu? De que serve ir manifestarse se non nos van escoitar, se os acordos xa están feitos e as liñas trazadas?

Efectivamente, as persoas identificadas como activistas enfróntanse ás mesmas cuestións. Entón, para que? Insisten de novo ao redor... Ademais de participar nas manifestacións, nos Action Games que dan visibilidade e sonoridade entusiasta, o encontro en París tamén nos permitiu asistir a conferencias entre as que se atopaba a de Naomi Klein, autora de “Isto cámbiao todo: o capitalismo contra o clima”. Nun dos seus libros anteriores, “A Doutrina do Shock”, a xornalista identificaba esta como o núcleo da panacea táctica do capitalismo contemporáneo, defendida por Friedman e argumentada como segue: “Só unha crise – real ou percibida- dá lugar a un cambio verdadeiro. Cando esa crise ten lugar, as accións que levan a cabo dependen das ideas que flotan no ambiente. Creo que esa ten que ser a nosa función básica: desenvolver alternativas ás políticas existentes para mantelas vivas e activas ata que o politicamente imposible se volve politicamente inevitable”.

O enfoque utilizado polo capitalismo ante as crises, pode ser aproveitado por todos e todas. É necesario manter as ideas, as boas, as correctas, as únicas que permitirán favorecer unha continxencia climática que evite desatar o caos do que temos consciencia. Así, o obxectivo do activismo está claro: abramos xanelas, deixemos entrar a claridade, empapémonos de información, procesémola, comprendámola e apropiémonos dela para  buscar e apoiar solucións conxuntas que minimicen os riscos globais cando nos toque actuar.

E cando me toca a min actuar? Que fago eu en todo isto, se ninguén me escoita, se non podo? Revisemos o que se pode... Nos encontros da COP non só se está aberto a recibir información, a aprender, senón tamén a compartir experiencias, a pensar, a recargar enerxía e a actuar. Isto é o que permite manter as ideas vivas, revisar as propias circunstancias e reformular pequenos cambios que poden ter un efecto bolboreta. Vale, vou á COP, vou ás conferencias, léome os artigos e vexo os documentais, agora que? Miro ao meu redor e que fago? Quen está? A quen vexo? Que fai de interesante tal persoa, tal organismo, que vaia acorde cos meus principios, xa establecidos, e como podo dar impulso respecto diso? Que temos no noso día a día para eses pequenos cambios? Algúns recursos están dispoñibles, non hai por que facer grandes xestos nin grandes renuncias, non temos por que denominarnos como radicais e utópicos. Apostemos pola sinceridade e coherencia con nós mesmos, analicemos a nosa pegada e as nosas posibilidades. Que opcións teño para reducir as miñas emisións? Que aspectos nocivos estou a fomentar actualmente e que alternativas teño para apoiar o que me beneficia como terrestre? Cales son as miñas capacidades? En que sentido quero ser protagonista no cambio climático?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.