As vítimas da desigualdade en Galiza

Unha das grandes herdanzas que vai deixar A. Núñez Feijoo da súa xestión política ao fronte da Xunta de Galiza será a dunha Galiza enormemente desigual. A porcentaxe da poboación galega (23,8%) que vive en risco de pobreza ou exclusión social (XOSE CUNS TRABA, EAPN Galiza: Cara unha RISSGA das persoas. TEMPOS NOVOS, febreiro 2016), o número de familias (>30%) que non teñen ningún ingreso de traballo (CES.Galiza: Memoria 2014), e o número de familias (36,8%) que teñen dificultades para chegar a fin de mes (Fundación FOESSA: “Informe sobre exclusión e desenrolo social en Galicia”. 2014) son probas empíricas indiscutibles de que a desigualdade en Galiza disparouse dende a grande crise (2008) como non sucederá dende fai moitas décadas.

Estas evidencias e estatísticas confirman, asemade, que as causas deste crecemento tan forte das desigualdades son políticas. Son as políticas de axuste fiscal –con fortes recortes do gasto nos servizos públicos de benestar, nas infraestruturas básicas- de desregulamento laboral –que posibilitan maiores facilidades para os despedimentos e para impoñer recortes salariais- e privatización de activos públicos –maiormente servizos públicos- as que provocan aló onde están aplicándose, como por caso Galiza e España, un crecemento brutal das desigualdades. Vexamos algúns casos (*).

Non cabe xa dúbidas de que o mundo do traballo é un dos mais afectados pola desigualdade. As sucesivas reformas laborais (5 grandes reformas dende o ano 1984) que os respectivos gobernos (PSOE, PP) impuxeron en España e, xa que logo, en Galiza tiveron como obxectivos centrais baixalos salarios reais, reducir o poder sindical e incrementar o poder dos empresarios e directores executivos. Unhas reformas laborais que dispararon a desigualdade e tiveron como principais vítimas as clases traballadoras. Segundo nos sinalan as estatísticas oficias (Contabilidad Nacional. INE) desde que estoupou a crise a participación dos salarios no Produto Interior Bruto non parou de caer chegando a acadar o valor mais baixo de sempre (Galiza: 44,5%, España: 47,1%) mentres as rendas de capital, que non pararon de medrar, ascenderon ao mais elevado (Galiza: 45,5%, España: 42,9%): as ganancias en produtividade destes anos foron a parar as mans do capital. Unhas desigualdades que se reflicten tamén na ampliación da lenda entre as propias rendas salariais medrando espectacularmente o número de traballadores con salarios baixos fronte aos de salarios altos. Segundo datos da Axencia Tributaria preto do 31% do traballadores galegos empregados –uns 320.000- teñen un salario inferior ao SMI –son seiscentoseuristas-. Hai xente que atopa traballo pero son tan precarios que non pode saír da exclusión e a pobreza, i é que  a porcentaxe de traballadores galegos en risco de pobreza ascende ao 18,5% –uns 200.000 traballadores galegos- (INE):“1 de cada 5 traballadores galegos sofren pobreza laboral” pois teñen ingresos inferiores aos 325 euros (CIG: Informe laboral de Galiza 2015).

Este deterioro do salario real, moi significativo en Galiza –cuxo salario medio bruto é o 87,8% do equivalente medio español, sendo o terceiro mais baixo de España-, xunto ao elevado desemprego e as cativas prestacións por desemprego, explican que a emigración repintara de novo –dende que comezou a crise (2008), emigraron de Galiza preto de 120.000 mozos (IGE): de seren certas estas cifras suporían que mais do 41% dos mozos galegos, os mellor cualificados de sempre, emigran-. Unha emigración que afecta, maiormente, aos mozos das familias de rendas baixas xa que estas, a diferenza das familias de rendas medias e altas, non poden permitirse o luxo de teren os fillos na casa sen traballar. I é que por primeira vez na historia recente deste país “os fillos viven peor que os país”.

O CES, na memoria anteriormente citada, denuncia un déficit de cobertura de asistencia social en Galiza (CES.Galiza: Memoria 2014) que fomenta a desigualdade. Algo que está fora de dúbidas. A política de axuste fiscal ten causado un enorme dano a atención sanitaria pública en Galiza. Dende que o Sr. Feijoo é Presidente da Xunta de Galiza (2009) o orzamento público galego para a atención sanitaria diminuíu nun 14% -3% de media anual- o tempo que se producía unha intensa penetración do capital privado. Unha redución no gasto  (M. MARTIN: Deteriorización asistencial e privatización. TEMPOS NOVOS febreiro 2015) que ten como vítima principal a Atención Primaria (AP), cuxo abandono e marxinación prexudica particularmente aos pacientes mais vulnerables –como por caso os pacientes con doenzas crónicas- e, en xeral, aos de rendas mais baixas, que por falta de recursos non poden ir a sanidade privada como si poden os galegos de rendas altas –téñase en conta ademais a importancia da AP nun país con tal dispersión xeográfica e tan relevante peso das persoas maiores-. Como ten moi ben documentado a OMS (Organización Mundial da Saúde:  Informe 2010) e demostran tódalas evidencias –como por exemplo os casos dos Estados Unidos e Gran Bretaña (PNUD: Informe sobre desenrolo humano)- os recortes do gasto público na atención sanitaria afectan a mortalidade e a esperanza de vida das persoas, sendo por outra parte unha causa de redución da equidade no acceso ao sistema sanitario público establecendo auténticas restricións que afectan aos cidadáns mais vulnerables       –velaí por caso en Galiza os afectados pola hepatite C, os pacientes que precisan da hemodiálise ou dos servizos de saúde mental (Mª LUISA LORES: O desmantelamento dos recursos. TEMPOS NOVOS febreiro 2015)-. En relación o sistema de copago, que acompaña aos recortes, a mesma OMS sinala que os seus efectos maniféstanse especialmente na infancia, nas persoas maiores, nos discapacitados, nos doentes crónicos, nos sectores de poboación con menos recursos e nos inmigrantes (OMS……), en definitiva nos sectores de poboación mais vulnerables.

Unha das maiores e mais fundamentadas criticas que, dende moitos sectores, fáiselle a chamada Lei Wert –que o goberno galego apoia e defende sen fisuras- é a de que fomenta a desigualdade no ensino ao favorecer aos estudantes procedentes das familias ricas en prexuízo do resto de estudantes. Facer –especialmente en épocas da crise como na actualidade- que o estudar sexa mais caro –un 14% en Galiza- e fomentar a desigualdade educativa e impedir o acceso aos estudios –especialmente aos superiores- aos estudantes de familias de rendas baixas (Informes PISA). As evidencias son cuantiosas: así estamos vendo por unha parte como os impagos nas Universidades galegas multiplícanse facendo que se incremente de xeito moi preocupante o risco de que cada vez mais alumnos teñan que abandonar os estudios universitarios por falla de recursos para pagalas taxas (“Na UDC estamos vendo como xa hai xente que renuncia a matricula cando chegan ao segundo o terceiro prazo de pago porque non poden asumir o custo. Temos un índice de renuncias nun 40% superior ao do ano anterior”. X.L. ARMESTO exreitor da UDC). Por outra parte, os recortes nos orzamentos públicos do ensino escolar, amais de beneficiar ao ensino privado, afectan tanto a propia calidade do ensino público –menores recursos, menos medios, menos persoal- como  prexudica maiormente aos escolares procedentes de familias con rendas baixas: que en época de crise como na actualidade, con un elevado desemprego e caída de ingresos, fáganse recortes nos comedores escolares resulta, cando menos moi temerario. “Os expertos no ensino demostraron que a fame e unha alimentación inadecuada dificultan o aprendizaxe. Por iso son tan importantes os programas de becas de comedor” (J. STIGLITZ O prezo da desigualdade). Asemade unha política que fomenta a desigualdade educativa incide negativamente na economía facéndoa menos produtiva e competitiva (J. STIGLITZ…): non por casualidade os países europeos que invisten mais diñeiro público no ensino i en investigación –os países nórdicos, Alamana. Francia …-, están entre os mais produtivos e competitivos do mundo ao tempo que mais igualitarios.

Se repasamos o subliñado vemos como este crecemento de tales desigualdades responde a implantación dunhas políticas neoliberais que en Galiza, como en España, defenden claramente un interese de clase: das clases de rendas altas fronte as clases de rendas medias e baixas –as clases populares-. Co apoio dos diferentes poderes  públicos mentres as clases de rendas altas –rendas do capital- viven cada vez mellor, as clases de rendas medias e baixas –rendas do traballo- vivimos peor.

(*) Por razóns de espazo deixo para vindeiros artigos o detalle doutras políticas que tamén fomentan a desigualdade en Galiza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.