0 Gardados para despois

Manuel Suárez Suárez

A urxencia dunha solución para o Centro Galego de Bos Aires

Dona Diáspora está cada día máis preocupada xa que a crise do Centro Galego de Bos Aires non se soluciona. Levamos máis dun ano con idas e vidas pero sen poñer por escrito nun documento as bases do acordo ou convenio de colaboración para a recuperación da nosa histórica entidade na capital arxentina. Se hai vontade de arranxar e así o manifestan tanto desde a Xunta [Sr. Camba] como desde o propio Centro [Sr. Vello] é o momento de desenguedellar o enredo e poñer na cancha aos mellores dianteiros que son a presidenta Fernández e o presidente Feijóo.

Se hai vontade de arranxar e así o manifestan tanto desde a Xunta [Sr. Camba] como desde o propio Centro [Sr. Vello] é o momento de desenguedellar o enredo

Ben, imos por partes. A ninguén máis ou menos informado se lle escapa que o noso presidente estivo na Arxentina e non visitou a dona Cristina. Aquí estiveron de visita os presidentes arxentinos Alfonsín e Menem e tamén Fidel Castro e os presidentes uruguaios Lacalle e Sanguinetti. Algo está a pasar que non cumpre as normas protocolarias e que está prexudicando os intereses galegos na Arxentina sen esquecer que o Centro Galego forma parte do valioso patrimonio material e inmaterial da emigración galega. O presidente Fraga recibiu con todos os honores un ditador comunista e non pasou nada, non si?

O arranxo non será posible sen a colaboración das dúas administracións. A galega poñendo euros enriba da mesa e a arxentina concedendo prazos para o pagamento das débedas cos organismos públicos

O arranxo non será posible sen a colaboración das dúas administracións. A galega poñendo euros enriba da mesa e a arxentina concedendo prazos para o pagamento das débedas cos organismos públicos que no seu día deixou sen pagar a empresa concesionaria da xestión sanitaria no Centro Galego. Quere dicir que a recuperación beneficiará por igual a Galicia e a Arxentina xa que os asociados son emigrantes ou descendentes. Non hai que furar máis na ferida da fracasada privatización e avanzar para non quedarmos atoallados ao albur das correntes do Río da Prata.

Dona Diáspora leva máis dun século polo mundo da emigración. No seu corazón emigrante garda alegrías e penas pero sempre sentiu ser parte activa do espírito emprendedor e solidario dos fillos de Galicia. Se ben nunca falou co presidente Feijóo, sabe que don Alberto non quere pasar aos libros de historia como o enterrador do Centro Galego de Bos Aires. O presidente ten un compromiso co seu paisano Prada Chamocín e por nada do mundo o quere desilusionar. Na súa vindeira visita a capital arxentina visitará o cuarto onde faleceu o egrexio don Rodolfo dos Peares para renderlle unha sinxela homenaxe de agradecemento a quen fixo sempre os maiores esforzos para a busca do consenso integrador nos debates do Centro Galego.

Se ben nunca falou co presidente Feijóo, sabe que don Alberto non quere pasar aos libros de historia como o enterrador do Centro Galego de Bos Aires

Agora podemos facer números, a xeito de suxestión xa que as cifras que se barallan só as coñece o secretario xeral de Emigración. Se falamos de 7 millóns de euros temos a posibilidade de repartilos do seguinte xeito: a) 3,5 millóns para o Centro Galego [ingresados na súa conta]; b) 3,5 millóns para AFIP [Administración Federal de Ingresos Públicos]. Os cartos que se entregan permitirán que a Xunta de Galicia estableza por escrito unha serie de recomendacións que sexan o roteiro obrigado que leve a unha efectiva consolidación dos servizos sanitarios mantendo os postos de traballo [máis de
1300 empregados] xunto coa mellora da atención e do benestar dos asociados. 

No convenio pódese incluír unha claúsula sobre o nomeamento dunha especie de supervisor-colaborador que estea a beira do presidente do Centro Galego para apoiar e asesorar no intenso labor de recuperación da saúde perdida. A persoa designada non poderá ser imposta, sen máis, senón que deberá de recibir o “placet” por parte da directiva do Centro Galego. Non estamos falando dun interventor ou fiscalizador das contas. Estamos pensando nun compañeiro de singradura, unha persoa comprometida co futuro que sexa un firme Valedor do Patrimonio Galego nas terras arxentinas.

Diante dos xornalistas comunicará que será recibido pola presidenta Fernández a quen convidará oficialmente para unha visita a Galicia

Cando estea redactado o convenio o presidente da Xunta viaxará a Bos Aires para proceder a súa sinatura no edificio da avenida Belgrano. Diante dos xornalistas comunicará que será recibido pola presidenta Fernández a quen convidará oficialmente para unha visita a Galicia. Lembrará que dona Cristina é unha neta da emigración e que terá o pracer de acompañala ata a aldea de Mazaeda na Fonsagrada onde os seus familiares [Adela, Manuel e Óscar] terán a mesa preparada para xantar un saboroso butelo. Logo do café, de pota naturalmente, os seus curmáns terán présa por ensinarlle un arborado monte da aldea. Moi compracidos e sorrintes dirán que aqueles fermosos carballos son seus xa que o terreo aínda está rexistrado a nome do seu avó Pascasio
Fernández Gómez.

Acerca de Manuel Suárez Suárez