Povisa tentou pescar nas augas revoltas

A polémica do Hospital Álvaro Cunqueiro: relato cronolóxico (II)*

Novembro de 2015: A situación de caos provocada polo apresurado traslado dos hospitais públicos (Xeral e Meixoeiro) ao Álvaro Cunqueiro xerou un clima de gran preocupación na poboación de Vigo. O hospital privado Povisa aproveitou o momento para animar aos veciños de Vigo, Gondomar, Nigrán, Baiona, Cangas e Moaña -que viñan recibindo asistencia nos hospitais públicos da cidade-, para solicitar un cambio de hospital de referencia para que fosen atendidos nese centro. O concerto singular asinado entre Povisa e Sergas recoñece a posibilidade de que a poboación destes concellos escolla o seu hospital de referencia no mes de novembro de cada ano de vixencia do citado concerto. O certo é que, ata o momento, o tráfico de pacientes foi en sentido inverso: en 2014 uns cinco mil usuarios de Povisa solicitaron o cambio a un hospital público.

En novembro de 2015 a empresa propietaria de Povisa fixo unha intensa campaña de marketing nos medios para tentar aproveitar o clima de incerteza creado na poboación e recuperar os pacientes anteriormente perdidos. Povisa recibe cada ano case 75 millóns de euros e ten asignada unha poboación de preto de 140.000 persoas ( recibe 535 euros por cada tarxeta asignada); de aí o enorme interese por aumentar esta asignación, a pesar de ser un hospital denunciada en varias ocasións por presentar numerosas eivas na calidade asistencial. É, con moita diferenza, o campión de Galicia no que respecta ás listas de espera. Tamén cómpre destacar que a cantidade que recibe é superior ao canon do HAC (72 millóns anuais) aínda que o número de camas que ofrece Povisa (405) non chega á metade do novo centro (858).

As plataformas da sanidade pública do Morrazo publicaron un manifesto para denunciar a campaña de Povisa no que afirmaban: "Dende o Morrazo, consideramos que este é un derroche de recursos materiais e humanos sen precedentes. Non recordamos unha campaña mediática e económica tan brutal, como a que estamos presenciando na Area Sanitaria de Vigo e sospeitamos que o seu obxectivo non é outro que puramente mercantil para recuperar as 5.000 cartillas que perdeu o pasado ano". Afirman que Povisa non ofrece a mesma calidade asistencial que os hospitais públicos e que o HAC ten moitas deficiencias por culpa do modelo imposto polo goberno de Núñez Feijoo, pero ese hospital ten que ser recuperado para o dominio público, cómpre reverter a situación e frear a campaña de Povisa, que pretende desprestixiar a sanidade pública para conseguir beneficio propio.

SOS Sanidade Pública pronunciouse sobre o tema. Recorda que Povisa ofrece moitos menos servizos que o outro hospital. Carece dos servizos de obstetricia, de hemodinámica, de cirurxía cardíaca ou de psiquiatría, ten un 16% menos de camas  e un 30% menos de médicos por cama que o CHUVI. Ten, ademais, 157 días de espera cirúrxica media, fronte aos 65 da media dos hospitais públicos do Sergas, polo que sería unha insensatez que os cidadáns cambiasen a Povisa. Tamén os alcaldes do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña) fixeron unha declaración en defensa dunha sanidade 100% e de calidade e rexeitan que a veciñanza do Morrazo cambie o seu centro de referencia sanitario por Povisa.

 

*Le aquí a primeira parte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.