26-X, o 3-0 de Feijóo?

As postas en escena do fracaso do achegamento entre PSOE, Ciudadanos e Podemos deixan no aire un arrecendo a novas eleccións xerais. Non hai, claro, nada seguro. Tamén Catalunya estaba abocada o pasado xaneiro á repetición electoral ata que deixou de estalo. No entanto, nun contexto político español dificilmente comparable ao que deu lugar ao actual Goberno catalán, a cita coas urnas do 26 de xuño semella agora máis próxima e, con ela, volve estar sobre a mesa a posibilidade dun adianto electoral en Galicia que o presidente da Xunta pode decidir ata o propio día en que expira o prazo para ter que elixir unhas novas Cortes Xerais.

O argumentario oficial do PP galego segue sendo que a "estabilidade" da que goza Galicia grazas á súa maioría absoluta é motivo dabondo para que os comicios sexan cando tocan, no outono. No entanto, o propio Feijóo xa non pecha a porta de todo a un novo "calendario electoral" e a diluír as galegas nas xerais -algo inédito e con obvias connotacións simbólicas-se, como acontece a tal hora, non se dá ningunha combinación para formar o novo Goberno de España. 

Xunto ás contraindicacións do adianto Feijóo ten unha tentación á que xa sucumbiu hai catro anos

Mentres na axenda presidencial proliferan as inauguracións tan propias dunha precampaña, para dar o paso do adianto cumprirá ponderar, cando menos, tres factores. O primeiro é que o candidato Feijóo tería que compartir, a efectos prácticos, cartel electoral co candidato Rajoy, unha figura case tóxica se o obxectivo é mobilizar e recuperar o electorado que se afastou do PP nos últimos anos farto de tesoureiros, sobres, escándalos e recortes. Ao seu carón está outra contraindicación para o adianto: facer cadrar xerais e galegas amplificaría a imaxe de Albert Rivera como candidato total e aumentaría as posibilidades de que desembarcase no Pazo do Hórreo un partido laranxa que aos populares só lle é útil se gaña todo o que eles perdan e xuntos suman 38 ou máis. E a principal -por non dicir única- fonte de enquisas do país disque di que isto podería suceder, pero que non está, nin moito menos, asegurado.

Xunto ás contraindicacións hai, sen dúbida, unha tentación á que Feijóo xa sucumbiu hai catro anos. A de cachar os grupos da actual oposición tal e como o personaxe de Manuel Manquiña no xa mítico Air Galicia desexaba observar toda caste de actividade. Unha vez representado o 'sacrificio' do recunque, o PPdeG xa ten en marcha practicamente toda a súa maquinaria electoral. Ten claro o relato -nós ou unha "alternativa aterradora"- e como amplificalo. E ten, evidentemente, o Goberno da Xunta e todos os seus resortes. Mentres, o resto de formacións están, nunha interpretación benevolente do panorama, con moitos deberes por facer.

O PPdeG ten practicamente en marcha toda a súa maquinaria electoral. Ten claro o relato e como amplificalo, ademais de contar co Goberno e os seus resortes

Sería inxusto, é certo, afirmar con rotundidade que ninguén alén do PP ten nada feito. O BNG xa celebrou a súa Asemblea Nacional e comeza este sábado o proceso de elección dunha candidatura para a que a portavoz nacional, Ana Pontón, se perfila como mellor opción posible para a complexa contenda. No sempre gasoso, por novo e cambiante, espazo das mareas Anova celebra esta mesma fin de semana a súa Conferencia Nacional e o proceso das Mareas en Común organiza unha nova xuntanza para perfilar os mecanismos cos que se queren situar como "base" da confluencia. Ao tempo, Podemos Galicia vota nas eleccións internas coas que aspiran a pacificar a organización.

Son, en calquera caso, pasos previos á selección das persoas que se porán á fronte das que pretendan ser alternativas electorais ao PP. Como tamén o son os pasos que a atribulada comisión xestora do PSdeG está a dar antes de convocar as primarias cara ás que, cando menos polo momento, os descartes -os voluntarios, os ambiguos e os casuais- están a xerar moito máis ruído que as posibles opcións para encabezar unha candidatura determinante. No campo dos interrogantes está tamén como concorrerá Compromiso por Galicia. E, ollo, tamén se logra representación Democracia Ourensana, a histriónica formación localista coa que, como diría un exlíder político galego, o electorado de Ourense quixo "dar unha colleja" aos seus dirixentes de sempre pero "pasouse de freada". De momento, xa ten candidato.

A mera posibilidade dun cambio de goberno obriga as formacións eventualmente chamadas a compoñelo a elaborar programas tan ilusionantes como realistas e rigorosos e a teren persoas capaces de coller as rendas da Administración galega

A aclaración das fórmulas de concorrencia e de persoas para lideralas non é, non obstante, o único traballo que a esquerda do país ten por diante. A mera posibilidade dun escenario de cambio de goberno obriga as formacións eventualmente chamadas a compoñelo a elaborar programas tan ilusionantes como realistas e rigorosos -non abondan manifestos- e ao nada poético pero esencial labor de acumularen na axenda un bo número de nomes de mulleres e homes capaces de coller as rendas da Administración galega e poñela a andar no rumbo que consideren bo.

No caso de non abordaren ese traballo, un posible adianto electoral -e mesmo a convocatoria en outubro- situaría os de Feijóo na mellor conxuntura, dentro das circunstancias, para facer subir un 3-0 ao marcador electoral galego da era post-Fraga. Ese é o resultado dun equipo que anota tres tantos fronte a outro que non marca ningún. Pero tamén o de quen gaña por incomparecencia de quen tiña que estar enfronte.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.