A memoria histórica, fundamento para unha democracia real

A democracia pode ser moitas cousas pero para min o que realmente a define é a memoria, sen ela considéroa unha democracia fallida, por moita separación de poderes na que tente refuxiarse. Sen memoria atopámonos con un pobo amorfo que discorre sen coñecerse a si mesmo e polo tanto vive nunha caricatura de democracia, pode chegar a ser moi feliz pero será a felicidade do idiota que non sabe onde vai porque tampouco sabe de onde ben e  un pobo idiotizado deixa de selo no seu sentido construtivo para converterse nunha masa  anquilosada na súa estulticia, propicia á manipulación do seu pensamento e da súa vida. Memorizar o noso pasado inmediato, sacar as consecuencias e actuar en función do seu comportamento na realidade actual, resulta imprescindible para efectivizar o avance cara unha democracia digna de tal nome.

Así temos, como a ocultación pactada do noso pasado totalitario durante anos, provocou que a xenética franquista se enquistase na nosa sociedade impulsando a súa ignorancia para os máis mozos, o desinterese para os que o viviron, a tranquilidade de conciencia para os proclives a aqueles tempos e a censura enmudecedora para os que intentaban abrilo.

No ano 2008 cando saíu a popularmente coñecida como “lei da memoria histórica”  que, sen dúbida, por moitas eivas que tivese, foi entreabrir unha porta para  tratar  por fin  ese pasado inmediato de horror que padecemos, escribía eu, no desgraciadamente fenecido xornal A Peneira, “é unha lei que… augúrolle moitas dificultades na súa aplicación tal como están as cousas. Daí o traballo que van ter as numerosas asociacións relacionadas coa denominada memoria histórica de vixilancia e actividade, simplemente para asegurar o seu cumprimento”.

É así é, dificultades políticas, dificultades xudiciais, incluso dificultades cidadáns e dificultades da propia lei, soamente grazas ao tesón e o compromiso das asociacións da memoria histórica e doutras moitas organizacións particulares e algunhas institucionais  con memoria,  puídose comezar a visibilizar que en España houbo unha ditadura da que Galiza foi unha vítima propiciatoria especial. Se non fose por estas entidades a lei quedaría nunha entelequia ante o desleixo duns gobernantes e a decidida oposición doutros.

Saber o que significou a ditadura franquista fronte o rexime republicano legalmente constituído, é fundamental para que  as persoas valoren realmente o que é a liberdade e isto debería ensinarse xa nas idades escolares a partires de certa idade.

O necesario retiro dos símbolos e nomes de representantes e fideles do franquismo que avergoñan  os nosos lugares  e  as nosas rúas para substituílos por nomes realmente egrexios ou tradicionais, debería poder explicarse públicamente a través todos os medios de comunicación, para a súa aprobación popular e conseguir, así, unha cidadanía ilustrada.

A actuación fascista aplicada en Galiza, onde a ocupación do territorio indefenso, polos golpistas, foi inmediato, o que deu lugar a uns anos de barbarie humanicida, de conculcación absoluta dos dereitos humanos, que debería relatarse e denunciarse a través dun grande “Memorial”  (independente doutros centros) situado nunha cidade popular estratéxica como Santiago de Compostela (mira por onde podía dárselle verdadeira utilidade a espazos do “Gaiás”) o cal  contribuiría a acadar unha cidadanía máis humana.

Apoiar as vítimas existentes na procura dos restos dos seus familiares asasinados naquelas épocas coa intención de recuperar os seus corpos para levalos a un lugar de descanso eterno coñecido pola súa familia, introdúcenos nun exemplo   dignificador.

Axuizar a quen dun xeito fehaciente fose presunto culpable  de delitos de sangue ou tortura tería por obxecto, non a vinganza, se non amosar que a xustiza é igual para todos.

En definitiva,  espallar con rigor unha triste memoria que aínda está aí pesándo como unha lousa na nosa democracia: educaríanos na liberdade, formaríanos na ilustración, reafirmaríanos no humanismo, sensibilizarianos na dignidade e comprometeríanos coa xustiza, bases fundamentais para conseguir unha democracia real.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.