0 Gardados para despois

Iria Veiga

A historia completa

O día 14 deste mes tivo lugar na facultade de Psicoloxía de Santiago de Compostela unha conferencia impartida polo xornalista Robert Whitaker, autor de Mad in America ou o máis recente Anatomy of an Epidemic. Nos últimos meses, a raíz da tradución ao español deste último título, este autor gozou de importante presenza mediática no Estado Español, protagonizando incluso unha polémica no xornal El País, con reaccións a favor e en contra dende diversos ámbitos. O feito de que un autor claramente alineado con teses anticientíficas imparta unha palestra amparado polo sistema universitario público debera ser un motivo de alarma e preocupación.

A tese básica de Whitaker é a seguinte: os psicofármacos non son eficaces, non palian as enfermidades mentais nin por suposto as curan, senón que incluso as agravan, polo cal estamos a asistir a un espectacular aumento destas patoloxías.

O feito de que un autor claramente alineado con teses anticientíficas imparta unha palestra amparado polo sistema universitario público debera ser un motivo de alarma e preocupación

Á marxe do falaz desta última afirmación, a causa no aumento das prescripcións en ningún momento se demostra, máis aló da mera observación da correlación (e correlación non implica causalidade). A pesar das opinións de Whitaker, a idea básica da inefectividade dos psicofármacos vai en contra do estado actual do coñecemento científico e do que sabemos sobre psicofarmacoloxía e bioquímica do sistema nervioso central. Sería o equivalente, para exemplificar, á afirmación de que o ser humano nunca chegou á lúa.

Como no caso da lenda urbana arredor da chegada á lúa, Whitaker tamén explica a consistente evidencia que soporta o uso dos psicofármacos nunha suposta conspiración por parte da industria farmacéutica. Calquera que o contradiga queda, pois, marcado como sospeitoso de ser un máis dos conspiradores.

A idea básica da inefectividade dos psicofármacos vai en contra do estado actual do coñecemento científico e do que sabemos sobre psicofarmacoloxía e bioquímica do sistema nervioso central

A crenza en conspiracións ou en pseudomedicinas e pseudoterapias consta de elementos comúns e coñecidos, que se poden illar en calquera delas. Por unha banda, presentan como certas afirmacións máis que dubidosas ou, como mínimo, moi matizables. Neste caso, o suposto incremento das enfermidades mentais. Como en todos os ámbitos da medicina, produciuse un aumento tanto das consultas como dos diagnósticos nas últimas décadas, pero inferir deste feito un aumento da incidencia de patoloxía é un salto sen rede. O maior acceso aos sistemas de saúde, a mellor detección e a maior esixencia da poboación en canto ao seu benestar explican sobradamente este incremento. No caso das doenzas mentais, as incidencias de entidades como a esquizofrenia mantivéronse basicamente estables en torno ao 1%.

Outra técnica habitual é mesturar verdades indiscutibles con feitos incomprobables ou directamente falsos, como por exemplo que a maioría das enfermidades mentais graves son crónicas e os fármacos non as curan, senón que tan só logran controlar parcialmente os síntomas. Desta verdade saltamos á afirmación (falsa) de que os medicamentos son ineficaces ou incluso producen as patoloxías.

Por último, sinalar como responsable a unha entidade poderosa e abstracta, como un goberno, un lobby empresarial ou un grupo amplo. Neste caso, a industria farmacéutica.

Insinuar que os gobernos (ou as compañías) non queren que saibamos a verdade, pero que esta existe e vainos ser revelada por un módico prezo, definitivamente, vende

A quen beneficia este tipo de información enganosa? Puidera pensarse que, se alguén defende a eficacia dos psicofármacos, faino porque ten intereses en común coa industria farmacéutica, e non simplemente porque os estudos así o demostran. Este é o argumento que manexa o autor ao longo da súa obra. Logo, se se defende a visión oposta, non hai ningún tipo de beneficio ou interese? Dalgunha maneira, preséntase esta visión como independente. En realidade, existen múltiples intereses potenciais que deben traerse a primeiro plano á hora de xulgar este tipo de afirmacións. Isto é unha práctica habitual en ciencia (declaración de intereses) que neste caso non se está poñendo de manifesto. En primeiro lugar, o beneficio máis obvio é a venda directa deste tipo de obras, que como todas cun compoñente polémico ou conspiranoico, teñen un amplo mercado. Vémolo acotío con temas de todo tipo, dende aqueles relacionados co misterio ou o paranormal ata os que sitúan o foco na alimentación, na saúde ou na política.

Varios dos colaboradores de Whitaker están relacionados coa Igrexa da Ciencioloxía, que se opón frontalmente aos tratamentos psiquiátricos como parte da súa ideoloxía relixiosa

Insinuar que os gobernos (ou as compañías) non queren que saibamos a verdade, pero que esta existe e vainos ser revelada por un módico prezo, definitivamente, vende. Pero ademais tamén existen grupos de presión con interese en desacreditar o coñecemento científico en xeral e a ciencia médica en particular. No noso entorno, se cadra o caso máis claro é o da Igrexa Católica, que periodicamente verte afirmacións claramente anticientíficas que supostamente apoian as súas ideas sobre temas concretos. A ineficacia dos preservativos para a prevención do VIH ou a polémica sobre o uso de células nai son dous bos exemplos de afirmacións contra o coñecemento científico actual. No caso que nos ocupa, varios dos colaboradores de Whitaker na súa web Mad in America están relacionados coa Igrexa da Ciencioloxía, que se opón frontalmente aos tratamentos psiquiátricos como parte da súa ideoloxía relixiosa. En varios dos artigos e colaboracións faise referencia a conceptos de tipo relixioso e non científico, como “alma” ou “espírito”, para falar das patoloxías mentais. Sexa cal sexa a adscrición relixiosa persoal de calquera deles, o certo é que o seu discurso referenda as teses anticientíficas deste colectivo.

É lícito que grupos de tipo relixioso traten de influír na percepción pública de temas como a psiquiatría, que non pertencen á esfera da ideoloxía, senón da medicina? No estado español estamos habituados a que así sexa, e que baixo o paraugas da liberdade de expresión se dea cabida a declaracións deste tipo que moitas veces atentan gravemente contra a saúde pública (volvemos ao exemplo do VIH). Porén, neste caso os voceiros estaban claramente adscritos a un credo concreto que atacaba os métodos anticonceptivos de barreira baseándose nun dogma de fe. O que non parece ético é tratar de facer pasar convicións de tipo relixioso ou ideolóxico como se fosen conclusións científicas. Non poñer de relevancia a cercanía ideolóxica dun autor cun determinado pensamento místico ou relixioso equivale a non formular a xa citada declaración de intereses: estánsenos furtando as ferramentas para xulgar criticamente o contido do discurso, os seus posibles nesgos, e a quen beneficia.

Acerca de Iria Veiga

Iria Veiga é psiquiatra no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. Ademais, é membro de ARP-Sociedade para o Avance do Pensamento Crítico