O Reino Unido máis alá do Brexit: sobre migración e exclusión na véspera do referéndum británico

Durante a campaña do referéndum británico pola permanencia na Unión Europea, decidín non intervir moito nas redes sociais, á parte de compartir algunhas das entradas escritas por amigos británicos que apoian a opción Remain (Quedar). Creo firmemente na necesidade de democratizar a sociedade, e polo tanto apoio a convocatoria dun referéndum, como fixen no caso de Escocia e na posibilidade dunha consulta en Cataluña.

Quedar ou non na UE é unha decisión que teñen que tomar os cidadáns británicos/as, quen deberían ter a soberanía para decidir o seu futuro

Quedar ou non na UE é unha decisión que teñen que tomar os cidadáns británicos/as, quen deberían ter a soberanía para decidir o seu futuro. Os argumentos para quedar ou marchar parecen ter sido manipulados en certa medida por ambas as dúas partes (sobre todo por parte de Leave (Marchar), para ser honestos), mais semella claro que a marcha do Reino Unido tería un efecto negativo para a súa economía. Porén, e mesmo se ese é o caso, os británicos/as teñen todo o dereito de abandonar a UE se iso é o que queren. O que me preocupa é o uso dos migrantes como arma electoral feito por parte dalgúns dos líderes de Leave e as posibles consecuencias que este uso pode ter para a sociedade británica.

Como cidadán da UE que vive no Reino Unido, síntome moi agradecido polas oportunidades que me brindou este país (Gales en particular). Desde a miña chegada, hai xa máis de dez anos, sentinme benvido e tratado con agarimo (tanto no traballo como en calquera lugar ao que fun), e agora podo dicir a moita honra que o meu fogar está no norte de Gales. Con todo, non podo evitar sentirme aludido polos comentarios sobre os migrantes feitos dentro da onda de intolerancia e racismo desencadeada por UKIP (Partido pola Independencia Británica) e outros partidarios de Leave.

Eu non vin a este país para destruílo, para cambiar a súa forma de vida nin para aproveitarme das axudas que dá o Estado. Como moitos outros, vin a traballar, e puxen o miña educación ao servizo do meu país de acollida

Parece, según eles, que todos os problemas presentes e futuros da sociedade británica están causados pola presencia de migrantes no país, e que se arranxarían se marchasen. Eu non vin a este país para destruílo, para cambiar a súa forma de vida nin para aproveitarme das axudas que dá o Estado. Como moitos outros, vin a traballar, e puxen o miña educación ao servizo do meu país de acollida para contribuír, dentro das miñas posibilidades, a crear unha sociedade mellor. Poño todo e meu empeño en facelo ben e tiven a ledicia de ensinar a varias xeracións de estudantes británicos.

Para un home branco, heterosexual e non musulmán, esta é unha sensación que non é habitual nos países occidentais: a de ser diferente

Onte, aínda así, experimentei unha unha desacougante sensación ao ir coa miña parella a recoller unha receita (que en Gales son totalmente gratuítas) á farmacia. Comecei a pensar, ‘e se alguén me pregunta de onde son?, e se me din que non podo usar o NHS (servizo nacional de saúde) por non ser británico?’. Durou un momento, e nada cambiara: a xente ao meu redor seguía a ser igual de amable ca sempre. Pero só o feito de que pensara neses termos reflexa o poder que o discurso racista de parte dos medios e os políticos que apoian o Brexit pode ter na xente. E se o tivo en min, o suposto ‘outro’ desta malévola ecuación, como será naqueles que son o obxectivo desa visión manipuladora dos migrantes? Despois de que esa rara sensación se disipara, e a miña mente racional funcionara de novo con normalidade, lembreime a min mesmo que estivera pagando impostos relixiosamente desde a miña chegada e que de feito eu apenas usara o NHS no meu propio beneficio, que estivera contribuíndo ao funcionamento da sanidade pública (e moitas outras cousas) co meu traballo e o meu salario. Mais neses breves instantes, puiden dalgún xeito experimentar o que unha sociedade baseada no medo, o racismo e a intolerancia pode causar nun individuo. Para un home branco, heterosexual e non musulmán, esta é unha sensación que non é habitual nos países occidentais: a de ser diferente. Existe desde sempre para aqueles que non son parte da heteronormatividade, que teñen unha cor de pel diferente ou practican unha relixión considerada estraña. Xente que algúns pensan que non ten o dereito de formar parte da súa sociedade ou mesmo de existir. Estou levando a cuestión ao estremo, son consciente: iso sería un réxime fascista. Mais xa ten sucedido, e é o lugar onde algúns do partidarios de Leave queren levar a un país que durante moito tempo se sentiu orgulloso da súa multiculturalidade e tolerancia. Ese pode ser o país que os británicos terán que recuperar se os que están a favor de Leave teñen éxito.

Pase o que pase este xoves, os británicos/as non deberían deixar que o racismo e os prexuizos lles arrebatasen o seu país

Decidín permanecer en silencio durante a maioría da campaña porque non me corresponde dicir se o Reino Unido debe quedar ou non na UE, xa que esa é unha decisión que deben tomar os británicos/as. Marchar implicaría unha serie de problemas prácticos para os/as cidadáns da UE, mais teríamos que afacernos, simplemente. Porén, pase o que pase este xoves, os británicos/as non deberían deixar que o racismo e os prexuizos lles arrebatasen o seu país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.