De 'Brexit' a 'Black Friday': E agora que?

O 23 de xuño de 2016 será lembrado como o día en que o 52% dos británicos (na súa gran maioría ingleses) votaron a favor da saída da Unión Europea. Poucos contaban con este resultado: nin as enquisas, nin as casas de apostas, nin os analistas da City, nin tampouco un servidor. Mea culpa. Fixéralle caso ás miñas fontes no Foreign Office, pensando que terían bos contactos no MI5, e polo tanto saberían do que estaban a falar cando me dixeron que non me preocupase, que as enquisas subestimaban o voto a favor da pertenza. O máis normal é que o votante máis racional (e consecuentemente algo menos motivado) non participe nas enquisas, pero o día do referendo saia a defender o statu quo. Ao final os británicos sempre elixen a opción correcta, aseguráronme.

É a primeira vez na historia moderna do Reino Unido que o pobo votou en contra da opinión das súas elites

Non poderían estar máis trabucados. Malia ter a todo o establishment (os empresarios, os partidos, os  principais medios e a poderosa City de Londres) facendo campaña a prol da permanencia, esta é a primeira vez na historia moderna do Reino Unido que o pobo votou en contra da opinión das súas elites. Os efectos nos mercados foron proporcionais. O 24 de xuño de 2016 quedará na historia como o Black Friday inglés, tal e como prognosticou uns días antes do referendo  George Soros (si, o mesmo que provocou o Black Wednesday en 1992). A libra derrubouse un10% fronte ao dólar, chegando a cotizar a 1.33 fronte á moeda americana. Un nivel non visto en trinta anos. As bolsas europeas sufriron as maiores perdas desde a Crise Financeira Global de 2008, a peor parada a española cunha desfeita do 12%, a maior da súa historia.

Que pasou? E, quizais o máis importante: que significado ten o Brexit para o futuro da UE? Estamos ante o inicio da súa derruba? Antes de chegar a conclusións precipitadas, o importante nestes momentos é manter a calma e reflexionar. Os mercados sempre sobrerreaccionan cando hai incerteza. A vitoria dos "separatistas" explícase por varias razóns. A primeira é que durante máis de 20 anos a prensa e a clase política británica non lle explicaron á poboación en que consiste a UE. Unhas horas despois do referendo, Google indicaba que aumentaran as procuras desde chan británico preguntando: "que é a UE?" e "que pode pasar se o Reino Unido sae?". É dicir, moitos votaron sen ter coñecemento de causa, ou cunha imaxe distorsionada.

Durante máis de 20 anos a prensa e a clase política británica non lle explicaron á poboación en que consiste a UE

A emigración tivo un papel importantísimo. Máis do esperado. A gran maioría dos británicos cren que o Goberno (antes cos laboristas e agora cos conservadores) perdeu o control neste tema. Non é de estrañar. Durante anos prometéuselles (falsamente) que ían reducirse as cifras de novos inmigrantes e estas non pararon de aumentar. Isto foi un caldo de cultivo para os independentistas liderados por Nigel Farage. Este fenómeno poderíanos levar a pensar que o referendo o gañou a Little England illacionista, xenófoba e nacionalista post-imperial, que sempre se creu superior ao resto dos veciños do Club e que agora por fin quitou a carauta. Algo diso hai nisto. Non é unha casualidade que Escocia e Irlanda do Norte, e por suposto, as cosmopolitas Oxford, Cambridge e Londres votasen a favor de quedar, mentres que O Norte inglés optase polo Brexit.

Non é casualidade que Escocia e Irlanda do Norte, e por suposto, as cosmopolitas Oxford, Cambridge e Londres votasen a favor de quedar, mentres que 'O Norte' inglés optase polo Brexit

Con todo, a división non é tanto xeográfica, nacional, ideolóxica nin cultural, senón máis ben social. Os que votaron a favor da saída son maioritariamente os perdedores da globalización. Individuos de máis de 50 anos de idade, sen estudos, do ámbito rural ou clase obreira, e cuns ingresos baixos. Este conxunto de persoas, sen conexión aparente máis que o seu rexeitamento ás elites, lograron unha sorte de rebelión das masas. Con este voto conseguiron sacudir os alicerces do establishment. Tanto que forzaron a dimisión do até o de agora primeiro ministro David Cameron, que lograra unha maioría absoluta nas últimas eleccións. A mensaxe desta masa descontenta poderíase interpretar da seguinte maneira: dános igual o que nos diga o goberno e os expertos. A nós vainos (relativamente) mal, e estamos dispostos a arriscar que lle vaia peor ao país -sobre todo se tamén os de arriba sofren dunha vez- mentres consigamos un cambio de rumbo... O que sexa.

Os que votaron a favor da saída son maioritariamente os perdedores da globalización. Individuos de máis de 50 anos de idade, sen estudos, do ámbito rural ou clase obreira, e cuns ingresos baixos

O significativo deste referendo é que os que pediron cambio non son os mozos radicais. A maioría son persoas de idade avanzada, tradicionalmente máis conservadoras, con máis que perder e remisas ao cambio. Como se explica isto? Hai dúas posibles respostas, non excluíntes. A primeira é que a desigualdade no Reino Unido chegou a tal punto que moita xente maior quedou sen activos e polo tanto ten pouco que perder. A segunda é que aínda que teñan propiedade e aforros estean atemorizados cos cambios e a incerteza que se lles veñen enriba. A globalización, as novas tecnoloxías, a mestizaxe, a emerxencia de China, o terrorismo... A lista é longa. Para eles votar Brexit é un acto rebelde e romántico á vez. Un desexo de volver ao século XX onde todo era máis doado e predicible, e a libra esterlina compraba máis que unhas simples vacacións en Benidorm.

Os que pediron cambio non son os mozos radicais. A maioría son persoas de idade avanzada, tradicionalmente máis conservadoras, con máis que perder e remisas ao cambio

Como debería reaccionar o resto da UE fronte a este desafío? A tarefa non é fácil porque, salvando as idiosincrasias dos países, o descontento das masas é patente e crecente, de Finlandia a Portugal e de Grecia a Irlanda. Unha opción, tantas veces proposta, sería completar a unión monetaria cunha unión económica, fiscal e política. Moitos o verán agora máis factible que a Pérfida de Albión xa non poderá pór cambadelas. Pero iso é unha solución a longo prazo. A partir do luns os líderes europeos, sobre todo os nacionais, que se agocharon durante moito tempo, deberían dedicar os seus esforzos a dúas cousas. Primeiro explicarlle á xente por que no longo prazo a actual unión monetaria necesita unha unión económica, fiscal e política para competir nun mundo globalizado. Esa explicación ten que subliñar os beneficios mutuos, pero non pode obviar os sacrificios que nos esperan.

Os líderes europeos, desde o luns, deben explicarlle á xente por que no longo prazo a actual unión monetaria necesita unha unión económica, fiscal e política para competir nun mundo globalizado

Acto seguido, con todo, estes mesmos líderes deberían recoñecer que comprenderon a mensaxe de descontento da xente e que van tomar medidas. As reformas institucionais virán máis adiante, pero nos próximos seis meses van reunir os maiores expertos en educación e formación, ás asociacións de grandes empresarios e de pemes, e sindicatos de Europa para deseñar un plan conxunto de innovación e emprego para a UE. Este plan non será nin keynesiano nin hayekiano. Nin dirixido pola man pública nin un produto exclusivo do libre mercado. O establishment europeo debe superar dunha vez os seus dogmas ideolóxicos. As asociacións público-privados poden ser tremendamente efectivas. Está demostrado. O obxectivo debería ser claro: volver xerar ilusión no proxecto europeo. Pero para iso hai que conseguir que a UE sexa capaz de mellorar dunha maneira concreta a vida de millóns de traballadores. Se isto non se consegue, teremos máis Black Fridays á vista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.