Comedores escolares: Da realidade á ficción mediática

Cando lin o tratamento informativo que se lle deu ao servizo de comedores do Concello sentín un profundo malestar. Parecera que este asunto pasara a converterse nun tema de gravidade similar ós casos de corrupción política que se moven a diario polos xulgados de tantas cidades, aderezado con calificativos como culebrón, problema, desastre, peor imposible, modelo de incompetencia, incapacidade… adxectivos cargados de intencionalidade política. Podería aplicarse aquí aquel vello dito do mundo do xornalismo, “non deixes que a realidade arruíne un bo titular”.

Mentres todo isto acontecía a realidade dos nove comedores escolares municipais que xestionamos directamente desde o Concello era moi diferente. O alumnado comía (e comeu) todos e cada un dos días do curso escolar, con absoluta normalidade, arredor de 150.000 xantares. Algunhas persoas aínda o dubidan...

Certo que tardamos en resolver o procedemento de licitación en concurso público case seis meses. En calquera caso, non máis que outras veces, porque están involucrados tres departamentos distintos: educación, contratación e intervención, que teñen os seus tempos, as súas limitacións e as súas garantías administrativas e procedimentais, antes de chegar á Xunta de Goberno local previo paso pola Mesa de Contratación onde están representados, ademais, tódolos grupos políticos e os servizos xurídicos municipais. Foron efectivamente seis meses, pero tivemos que resolver non un, senón tres procedementos administrativos distintos e complexos. O primeiro, de carácter público e aberto; o segundo, negociado e o terceiro, de urxencia. En todos eles  participaron varias empresas do sector, algunhas renunciando incluso despois de resultar adxudicatarias, algo realmente insólito.

Estamos agora co procedemento de licitación do novo contrato para o curso que vén, o 2016-2017. Confío en telo asinado en agosto. Están publicados os novos pregos no perfil do contratante, na web do Concello. Alí figuran todos os requisitos, á vista de quen queira consultalos e, incluso, comparalos cos da Xunta. Melloramos a oferta económica e limitamos a súa influencia global a algo máis dun terzo da puntuación, 50 puntos dun total posible de 142. Incluímos as recomendacións dunha experta catedrática da Universidade de Vigo en relación cos menús, valores nutricionais, rotación e características. Haberá tamén un maior seguimento, máis exhaustivo aínda do servizo, e unha auditoría trimestral, cunha mesa de control con representación dos usuarios, da empresa adxudicataria e do concello. Limitamos a distancia máxima das cociñas,  a 180 Km, e incorporamos novas medidas de promoción da saúde, hábitos alimentarios e tamén de coñecemento e difusión do servizo entre toda a comunidade educativa. Moitas das melloras foron suxeridas polas nais e os pais, as direccións dos centros, ou polos delegados sindicais do persoal, logo das mesas de diálogo que mantivemos durante meses e das numerosas xuntanzas coas ANPAS da cidade. Pagamos, xa desde febreiro pasado, a media hora traballada e non percibida ate aquel momento polo persoal. E entre as melloras demandadas figura a da progresiva substitución da vaixela de plástico por vidro ou aceiro inoxidable, entre outros aspectos.

Cómpre saber que en Santiago de Compostela temos hoxe varios modelos diferentes de comedor escolar funcionando, de xestión directa da Xunta de Galicia, das ANPAS ou do Concello por delegación autonómica. Ningún deses estivo no foco mediático. Nin os prezos, nin as ratios, nin os menús, nin as temperaturas, nin a variedade, nada. Non falemos dos comedores dos centros concertados. Silencio absoluto. Os únicos problemas, segundo algúns medios, mira ti, estiveron nos nove comedores de xestión municipal. Curioso.

Para rematar, no servizo de madrugadores e de comedores escolares municipais de Santiago de Compostela comen aproximadamente 800 rapaces e rapazas, dun total superior ós 10.000 alumnos. Polo tanto, son algo menos do 10% do alumnado. Como vemos, a gran maioría vai comer ás súas casas, coas súas familias. Son as nais e os pais os que financian o servizo de madrugadores e de comedores escolares coas súas cotas, 2,93€ por xantar e día, até o de agora, cunha pequena axuda en concepto de subvención da Xunta de Galicia, cada ano máis minguante. Cómpre salientar que desde que chegamos ó goberno do Concello hai un ano, duplicamos as becas de comedor escolar para que todas as persoas que o precisasen puidesen acceder gratuitamente a este servizo. Os novos prezos serán algo superiores ós existentes polo incremento notable na calidade do servizo, pero en ningún caso estarán por riba da media do conxunto do Estado. A calidade, xa se sabe, temos que pagala.

E claro que si, o servizo estará dispoñible, como estivo este curso, para tódolos solicitantes no primeiro día de comedor escolar, en setembro, sen dúbida algunha.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.