Estamos a tempo de deixar de ser uns cepos

Vaiamos todos xuntos a manifa do 25X, ou día de Galiza, día da patria. día da matria, ou día do pobo, sinónimos para expresar o mesmo. Tendo en conta que somos diferentes e diversos, nunca antes o soberanismo debeu amosar máis forza conxunta que neste momento. Se somos capaces de estar xuntos na rúa defendendo un traballo digno nas folgas xerais, ou na contra dos recortes na educación ou na sanidade. Se nos mobilizamos contra a violencia machista e contra as horrendas guerras do imperialismo. Se nos xuntamos para autoorganizarnos erguendo centros sociais, escolas alternativas, asociación culturais, veciñais ou de defensa do territorio. Porque razón non iamos ser capaces de  reunirnos as persoas soberanistas deste país arredor da manifestación que reivindica a nosa plena soberanía como pobo ?.

Porque seguir escenificando unha división case total, cando na práctica non é así ?. Son activista social e militante do PCPG, e creo que teño amizades en practicamente tódalas organizacións soberanistas deste país e colaboro sempre que podo en actos e traballos de case todas. O 24 irei a manifestación da mocidade independentista, exemplo de unidade e de claridade nas ideas, con moitas ganas e ilusión, e impórtame ben pouco que a miña organización non sexa convócante. Despois irei a cadea humana en apoio aos presos convocada por Ceivar. Máis tarde tomarei unhas garimbas coa xente do Skarnio e no Pozo e de alí irei a romperme os ósos no Festigal ou na Jornada de Rebeliom Juvenil. Cando o 25 esperte medio mareado non me gustaría ter que elixir entre dúas ou incluso tres manifestacións diferentes para reivindicar en esencia o mesmo, que somos un pobo e queremos ser ceibes e soberanos, e podemos ter discrepancias nos métodos de traballo e loita, pero non na reivindicación de base do noso día nacional.

O que pido neste artigo, non é algo recente, tratase dunha reivindicación histórica de moitas organizacións e persoas, que entendemos que o 25X é o día de celebración dunha nación, o momento de visibilizar a forza dun pobo organizado en tódalas frontes, e non o momento de priorizar só a visibilización de organizacións partidarias concretas. Esta unidade ten que partir da base de presupostos firmes e claros, a soberanía do noso pobo só pode pasar por rachar co reino de Espanha, a U.E e a OTAN. Quen siga mantendo posicións reformistas e fracasadas reiteradamente, como a imposible reforma do reino espanhol, da U.E  dos mercaderes, ou seguir aceptando o terrorismo bélico da OTAN, que organicen a súa propia manifestación.

Chamarme iluso pero míroo ben sinxelo. O día e o lugar xa o sabemos, agora entre tódalas persoas e organizacións que nos consideremos soberanistas, temos que acordar unha hora e unha frase común que levara a faixa de cabeceira. Soberanía e socialismo podería quedar ben, ou soberanía e independencia, e así evitar o posible arribismo de hipócritas cínicos que sempre defenderon e defenden a opresión espanholista. Ou felizmente a frase podería ser simplemente e ben grande, SOBERANÍA.

Detrás desta faixa de cabeceira podemos ir tódalas persoas e organizacións que acreditemos en loitar pola soberanía do noso pobo. Deben estar tódalas pancartas e faixas de tódalas organizacións, pois isto non demostra división nin afán propagandístico, senón que visibiliza a diversidade e pluralidade que ten o soberanismo galego. Somos moito máis fortes e estamos moito máis enraizados nesta país, do que a meirande parte da sociedade galega pode percibir polo filtro dos medios de comunicación de masas da banca e das multinacionais.

Organizacións políticas, sindicais e sociais xuntas. O BNG, Indepentistas de Base, PCPG, FOG e Briga etc. A CIG, Erguer e os sindicatos labregos. Queremos Galego, A Mesa, ADEGA, ORGACCMM, Mar de Lumes, S.O.S Sanidade, as plataformas dos mariñeiros e dos gandeiros, as plataformas dos estafados pola banca e de afectados pola vivenda, síntoo se deixo algún por citar.

Sexa defendendo os nosos sectores produtivos e un traballo digno para non emigrar, sexa na defensa da nosa lingua e da nosa cultura propias ou na defensa da igualdade e do dereito a vivenda, educación ou sanidade. Todos e cada un de nos, dentro da fraternidade internacionalista, defende unha parte da nosa soberanía como pobo.

Avante un 25X de unidade e loita.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.