Con Luís Villares. Nova política en Galicia

-Sinceridade

Non é por narcisismo, senón por un acto, que creo necesario, de sinceridade política. Un ben que segue sendo escaso incluso nestes tempos de tensión política.  Debo manifestar que son un inscrito en Podemos Galicia, asinei, no seu momento, o manifesto da Marea de Vigo e agora o manifesto da Marea Galega.

Teño 59 años e pertenzo a esa xeración de galegas que, desde os 80, vén pensando que existe un espazo de transformación política máis alá do PSOE da reconversión industrial, do si á OTAN e da reforma (pro-déficit de igualdade) do artigo 135 da constitución do reino de España. Tamén sei que a miña xeración viu pasar o sol pola porta coa frustración do período bipartito (2005/09). E aquilo non foi só por sermos máis ou menos  acomaditicios ao poder, senón porque algo se fixo mal e moi mal. Cando espertamos o dinosaurio seguía alí.

Pertenzo a esa xeración de galegas que, desde os 80, vén pensando que existe un espazo de transformación política máis alá do PSOE da reconversión industrial, do si á OTAN e da reforma (pro-déficit de igualdade) do artigo 135 da constitución do reino de España

-Escoitando a Luís Villares

Nunha tarde tórrida deste agosto politicamente inquietante asisto a unha intervención do candidato Luís Villares que, coa humildade dos grandes, nos pide o voto para a súa candidatura á presidencia da Xunta a un reducido grupo de xente en Vigo.

Como se alguén prendese un aire condicionado balsámico, sinto as súas palabras como as primeiras que nos últimos meses entendo construídas coa paixón por Galicia e coa esperanza de que outra política é posible. Fala co acento do pragmatismo laborioso de quen sabe que ás leis se lles debe esixir o máximo, ou mesmo cambiar, e co acento da nova política porque hai "relato" e épica suave, pero luminosa, nas suas propostas. Desde a radicalidade democrática pódense enfrontar os desafiuzamentos,  o saqueo  privatizador do aforro galego ou a privatización semiencuberta da sanidade pública.

Xestionar ben as capacidades de autogoberno xa transferidas e avanzar en máis competencias é, para el, a mellor estratexia para que a conciencia nacional das galegas e galegos sexa un proceso dinámico de vontade civil e colectiva que constrúa máis democracia e solidariedade.

Seguro que a serenidade e a intelixencia emocional non se citan no Príncipe de Maquiavelo, pero son cualidades que se intúen abondas en Villares. Transpira e respira o mellor do galeguismo republicano e da nova política.

Seguro que a serenidade e a intelixencia emocional non se citan no Príncipe de Maquiavelo, pero son cualidades que se intúen abondas en Villares

-Verbalismo cainita

Estes oito meses aciagos da nova política en Galicia, que non daba saído da incubadora, viñeron marcados por estériles e desalentadores discursos na antiga AGE, en Podemos Galicia e nos movementos municipalistas de base. O cainismo constatouse neses rifirrafes esotéricos entre Yolanda Díaz e Beiras, no propio erratismo dubitativo do mesmo Beiras (de quen, afortunadamente, temos outras moitas  cousas boas para honrar na nosa memoria), na endogamia sectaria entre os electos de Podemos no parlamento español e os "podemitas integristas"  que se concentrou nas peores intrigas e en sabotear secretarías xerais e, finalmente, nesa críptica elucubración dos movementos municipalistas sobre o arcano do "partido instrumental".

Publícanse estes días os datos de desemprego en Galicia que constatan a  cronificación  do emprego precario, a falta de cobertura á cidadanía en paro é o desemprego estrutural da xente nova e as mulleres. Arden os montes. E nós discutindo no patio de atrás.

Fixeron ben os tres alcaldes do cambio en xestionar o desconcerto, pero esqueceron explicarnos o do partido instrumental, concepto que nin aparece en décadas de literatura política, nin sequera a carón da moi invocada idea de "unidade popular". Tamén arriscaron de máis en ter tapado tanto tempo o "tapado" Villares. Aínda ben que a aposta, amais de sorprendente, ten os datos do acerto completo.

Os alcaldes do cambio arriscaron de máis en ter tapado tanto tempo o "tapado" Villares. Aínda ben que a aposta, amais de sorprendente, ten os datos do acerto completo

-Pensando no BNG en Vallecas

Hai uns meses Carolina Bescansa convidoume a un mítin no barrio madrileño de Vallecas. Existen outros mundos, pero están neste. Nunca agradecerei bastante esa experiencia. Alí falaban con paixón de dereitos sociais, de igualdade e do... dereito a decidir das nacións da plurinacional España. Non me parece prioritaria a independencia de Galicia (senon o máximo avance democrático no autogoberno) pero bastante menos me preocupa a unidade de España. Despois duns cantos séculos non parece aliviar a desigualdade melancólica da xente.  E si me reconforta sentir a solidariedade vallecana. Alí comprobei que Pablo Iglesias non é propiamente un patriota español. É de Vallecas. Viva Vallecas ceibe!

Alí lembrei a miña admirada Ana Pontón. Pregúntome se non ten máis sentido que esas contraditorias estratexias de aliarse nas europeas cos de Pujol ou con Bildu, confluír en todas as convocatorias electorais con forzas estatais que si defenden a plurinacionalidade e a radicalidade do estado de benestar. Velaí outra novidade da nova política en Galicia.

As doses máis contundentes do autogoberno de Galicia non serían pensables sen a existencia histórica do nacionalismo de esquerdas. Bótamolos en falta na confluencia.

As doses máis contundentes do autogoberno de Galicia non serían pensables sen a existencia histórica do nacionalismo de esquerdas. Bótamolos en falta na confluencia

-Ideas, persoas e organizacións

Cada día teño máis problemas para distinguir a "Ciudadanos" da igrexa da ciencioloxía, máis certezas de que, amais de defender o inmobilismo social e o IBEX 35, o PP e o PSOE non son outra cousa ca perversos clubes de políticos profesionais ou non acabo de entender como o desconcertante Monedero é unha referencia en Podemos.

Quero dicir con isto que agora, que tanto se fala de "xente", como suxeito político do cambio, se cadra, nunca se botou tanto en falta a importancia das persoas para executar ideas e converter os programas en eficiente intervención política.

Non sei nin me preocupa como rexenerar o PP (alá eles!) pero si superar a  decadencia  mediocre do PSOE e, sobre todo, superar os atrancos para construír "organizacións" que ten a nova política. Anova e Esquerda Unida poderian explicarnos aos electores a autodestrución e irrelevancia de AGE no parlamento galego, Podemos Galicia a súa endogamia solipsista e a Marea garantir que a presenza na súa cúpula de foros que en 2009 afirmaban vehementes que non se podía nin respirar fóra do BNG ou que equiparaban o avance de Podemos nas europeas de 2014 co fenómeno electoral de Ruiz Mateos ou de Gil no pasado político español, non van frustrar  outra vez a unidade popular.

Estes anos de PP na Xunta, conseguiron que os membros do goberno de Galicia sexan irrelevantes socialmente. De Feijóo só se fala cando se especula co seu futuro na política española

Falamos de persoas e xa imos sabendo que Villares é boa xente e que é brillante. Estes días coincidín nalgún acto empresarial co conselleiro de Economía. Non tiña nin idea de quen era. O mesmo cunhas declaracións radiofónicas da conselleira  de Medio Rural. Estes anos de PP na Xunta, conseguiron que os membros do goberno de Galicia sexan irrelevantes socialmente. De Feijóo só se fala cando se especula co seu futuro na política española. A Xunta non é unha deputación grande, é un instrumento de cambio social e avance democrático da cidadanía de Galicia.
O nome de Luís Villares pode chegar tarde, pero a tempo para sorprender neste ermo político. Se logra facerse visible. As galegas e galegos xa levamos demasiados anos votando como para pensar que o inimigo é un escuro axente externo ou que os votantes son víctimas dalgún estupefaciente, por clientelar que sexa.

Os tempos son chegados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.