O porvir de Galicia

Galicia está nunha encrucillada. Na próxima consulta electoral xógase o seu futuro. Podemos continuar pola senda trazada nos últimos anos polo goberno do PP, que nos levou a ser un país máis vello e máis pobre, ou tentar recuperar a confianza en nós mesmos e alimentar a ilusión de construir un futuro mellor para os nosos sucesores. O porvir de Galicia está nas nosas mans.

As políticas impostas por Núñez Feijóo levan camiño de converter a Galicia nunha xeografía desolada. A poboación decrece e a mocidade fuxe na procura dun futuro lonxe da terra (aquí máis do 50 por cento está sen emprego). A mal chamada “austeridade” foi aplicada como un castigo sobre a clase traballadora e as capas máis desfavorecidas da sociedade. A reducción de gasto público e a restricción da protección social e dos servizos públicos -sanidade, educacion-, provocou moita dor na xente, mais non conseguiu reducir a débeda, senon todo o contrario. Despois de oito anos de goberno de Núñez Feijóo somos un país máis pobre e tamén máis endebedado. Non é un gran xestor, como adoita presumir. Pero ten un mérito, xa que cumpriu á perfección a misión que tiña encomendada: poñer a Administración e os fondos públicos ao servizo das  corporacións financeiras e das empresas afíns. Eles saberán recompensar o seu labor.

Despois de que o lehendakari sinalase o día das eleccións autonómicas (en Euskadi e tamén en Galicia), para finais de setembro, ábrese unha nova porta á esperanza. Desde o poder e os medios de comunicación cómplices (Voz de Galicia, TVG…) tentan debuxar a imaxe dunha oposición enfrontada e débil. Mais o certo é que -coas dificultades propias dun proceso tan apresurado como este-,  tanto o PSdG como En Marea presentan dous excelentes candidatos que, a pouco que as organizacións traballen e a sociedade se mobilice, terán unha opción seria para desaloxar do poder ao PP. Os dous teñen claro que non disputan entre sí . Saben ben cal é o enimigo principal e que o obxectivo é conseguir o sorpasso sobre o Partido Popular.

Luís Villares e Xaquín F. Leiceaga son dous homes de ben, dúas persoas prestixiosas, serias e solventes, cunha notable traxectoria profesional, que agora dan un paso adiante para tentar virar o rumbo deste país desde o goberno da Xunta. Non vai ser doado, pero teñen a formación e o compromiso necesarios para afrontar o empeño. Teñen tamén un talante conciliador, favorable ao diálogo, que lles permitirá procurar acordos e puntos de encontro en beneficio da maioría social.

Porque o que Galicia precisa con urxencia é recuperar a autoestima e a ilusión colectiva. E hai que desaloxar do goberno a esta facción que ocupou o poder, nos últimos oito anos, cunha finalidade ben definida: poñer a Xunta ao servizo do capital e facilitar a realización de negocios a expensas do diñeiro público. Núñez Feijóo, o home que andaba en malas compañías, poderá ir para Madrid (cidada que visita con asiduidade para buscar proxección política) ou viaxar a Salvador de Bahía (dixo nunha ocasión que ese será o seu destino cando se retire). Pois alí terá moito sol e outras cousas que lle permitirán ter un gozoso retiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.