Hillary Clinton, Claire Underwood e o feminismo neoliberal

Primeiras damas atractivas, formadas, impecables e educadas no neoliberalismo que se postulan á presidencia dos EUA. É imposible non facer paralelismos entre Hillary Clinton e Claire Underwood, a protagonista feminina da exitosa serie House of Cards.

Ámbalas dúas viven aparentemente inmersas en relacións tradicionais heterosexuais e monógamas, mais en realidade aceptan a infidelidade e manteñen relacións abertas que habitualmente non son toleradas pola sociedade á que elas representan. Certo é, que o feito de abandonar este matrimonio, tería suposto a perda dun statu quo de poder. Isto evidencia o trasfondo económico deste tipo de relacións, sobre o que teorizaba Engels na “Orixe da familia, a propiedade privada e o estado”.

Todo son similitudes entre estas dúas abandeiradas do feminismo para as elites. Defensoras do aborto para quen poida págalo, e de rachar co teito de vidro para que aquelas que teñan posibilidade de estudar e capital para inverter, poidan chegar ben alto. Resulta sinxelo apuntar cara desigualdades tan evidentes  como a fenda salarial e condenala, mais mentres sigamos as regras do xogo que marca o FMI, o capitalismo e o patriarcado seguiranse a cebar coas mulleres. Elas, mentres tanto, seguen a alimentar o monstro, aplaudindo o pinkwashing e sostendo inciativas, supostamente para mulleres, nas que a única que gaña é a banca.

Implicadas en ONG’s desde o cumio do imperialismo máis cruel; pel de cordeiro que esconde mentes desapiadadas, capaces de apoiar a guerra de Irak e a intervención en Libia ou en Siria. Como Hillary, a “Defensora para nenos e familias de Arkansas” mentres as bombas caían sobre Kabul, mentres se subministran armas a Estado Islámico e Fronte Al Nusra, mentres as refuxiadas morren tentando fuxir da súa barbarie. En definitiva, un simple lavado de cara á lóxica dun sistema que precisa da guerra para soster a súa estrutura.

House of Cards ofrécenos en Claire Underwood  un espello de Hillary no que observamos como se desenvolve a vida privada dunha muller nesta situación. Sempre á sombra do seu marido; vivindo comodamente, mas sen conformarse con iso. Labrándose a súa propia carreira na política con tanta ou maior capacidade do que el.

Preséntannos a una muller fría e calculadora, con intereses propios nos que o seu compañeiro non representa mais do que una ferramenta para acadar o éxito.  Ela é, en definitiva, o equivalente a Frank Underwoood, mais tendo que enfrontar a discriminación de xénero. Con todo, os guionistas fan que o espectador medio a perciba como a “mala” da serie, fomentando a empatía do televidente co seu marido desde o principio.

Ambos son igual de cínicos, de egoístas e de crueis; mais o resultado final de aplicar estas personalidades nos distintos xéneros é que representan prototipos enfrontados: el é o triunfador, ela unha trepa sen sentimentos.

Os esforzos de Claire Underwood por chegar ao cumio, danlle un punto de vista feminista interesante á serie. Estes esforzos van sempre dirixidos a ela mesma e non ao xénero feminino, algo habitual no feminismo neoliberal. Podemos partillar certas batallas con estas mulleres aínda que a nosa loita é outra. Vese claramente na serie, como Claire despreza a outras mulleres de menor nivel económico simplemente pola súa posición social. Non as considera como iguais. Non comparte barricada con elas. Non obstante esta relación si adoita producirse á inversa, sendo habitual que mulleres de clase media ou baixa apoien a aquelas privilexiadas que rachan coa norma e chegan ás cúpulas. Son moitas, por exemplo, as mulleres de clases populares que teñen aplaudido ultimamente a candidatura de Hillary. Deitan nela as súas esperanzas. Unha autodenominada feminista no máis alto do poder mundial para mudar as cousas.  Erro. Non virá do establishment o cambio que precisamos.

O seu feminismo neoliberal é unha trampa, non é máis que individualismo pintado de lilás. As súas figuras destacadas son mulleres privilexiadas, incapaces de sentir ou empatizar con quen alén da discriminación de xénero, sofre a cotío outras opresións por mor da súa raza, cultura ou clase.

Este tipo de feminismo é só un engano máis para impedir que as alianzas entre mulleres se fagan fortes, que tomemos conciencia e sinalemos ao verdadeiro culpable: o sistema.

É preciso profundar no feminismo e loitar por cuestións que nos afectan ao groso das mulleres, independentemente da raza, a cultura, a posición social, ou calquera outro factor que, a piori, puidese dividir a loita. Para acadar a fin do patriarcado necesitamos unha fronte común, e para iso é preciso ter claros  os referentes; deixarmos as Hillarys, as Claires, e as súas alianzas puntuais, e tecer redes de mulleres desde unha óptica de clase.

Poñer en valor ás activistas de base das organizacións, dos sindicatos, dos movementos sociais. Mulleres que se enfrontan ao que estas e a moito máis. Que dende as rúas até o parlamento traballan diariamente por mudar a nosa situación,  a de todas, e non a dunhas poucas privilexiadas. Esas que saben que as alianzas puntuais non van mudar un sistema que nos cousifica, nos mercantiliza e nos silencia. Só mediante a ruptura co sistema actual, e poñendo rumbo ao socialismo, poderemos acadar a verdadeira igualdade. Só organizadas conseguiremos saír do capitalismo.

Mentres tanto, se está por chegar a primeira presidenta dos EUA, que esta sexa Claire Underwood. Polo menos teremos algunhas horas de entretemento, e as mortas serán só de ficción.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.