0 Gardados para despois

Antón Sánchez

“Feijóo: o gobernante impasíbel”

O goberno de Feijoó é coma unha enorme caixa decorada con cinchas de cores e celofán, brillante coma os espellismos. Un agasallo que, ao abrilo, só atesoura nun recuncho un mísero vale que convida a seguir buscando. Unha caixa de promesas, unha tras doutra. Así é: por fora é o campión do déficit, “o bo xestor” que cadra números macro, mais por dentro é o disciplinado artífice do austeritarismo que impoñen unha UE desnortada mailo estado español no noso país. Man de ferro, en luva tamén de ferro, que aplicou obedientemente e sen piedade todo o serial de recortes. Só abriu a man para a propaganda, cousa que se incrementa en período electoral.

Desmontar a Feijoó non é tarefa complicada a pesar da imaxe beatífica alentada desde determinados ámbitos. Como nos espellos de Valle Inclán, a súa realidade está deformada: chega con percorrer hospitais e falar con pacientes e profesionais da saúde pública precarizados, ou visitar aos traballadores dos estaleiros. Chega con acompañar aos gandeiros nas súas mobilizacións pola crise dos prezos do leite, estar cos ex mariñeiros de Long Hope ou do cerco, tanto tempo acampados diante de San Caetano. Abonda con observar o calvario de moitas mulleres galegas ás que a Xunta mandou a abortar a clínicas madrileñas, retirándolles mesmo as dietas por día. Ou con ler que a Fiscalía acusa ao Goberno da Xunta de homicidio por retrasar fármacos para a hepatite C  por “razóns orzamentarias”.

É suficiente con ollar como arde Galiza mentres o “bo xestor” esquece a produtividade e a prevención do monte e privatiza servizos. Suficiente con contar o espectacular devalo da poboación e ver á mocidade sen futuro na súa terra buscándoo fóra coma antigamente. Suficiente con analizar os dados do paro e os de destrución de emprego, moi por riba da media do Estado no eido industrial, o agro, a pesca ou o peche de pequenas empresas. Ver como imos camiño dun rural deserto. Chega ver como asistiu impasíbel ao desmantelamento e venda, a prezo de saldo, de NCG e o aforro noso ou con dispor das pensións e dos salarios máis baixos. Ou a parálise do sector eólico e das enerxías renovables, en colaboración co inefable Soria. 

Pero o conto non remata con este breve dietario aínda que resulte clarificador para desmontar ao gobernante impasíbel. Aforrou porque o fixo a costa de sacrificar as necesidades máis inmediatas dos galegos e galegas. E mentres recortaba e “aforraba” paseou polas televisións da caverna mediática vendéndose coma un mago das contas para que fóra pensen que non ten mácula.

Nunca choveu que non escampara. Hai saiba nova, e hai alternativa a este xeito de facer. Existe unha sociedade viva e rebelde, que non se conforma cun esquema que nos condena a ir sobrevivindo e a padecer mal goberno. A que aspira a un país xusto. Unha sociedade que se mobiliza cansa de gobernos que intentan poñer por riba dos ecosistemas e da saúde os intereses de multinacionais de extracción de ouro, ou da produción acuícola, sacrificando comarcas enteiras se fixera falta. Que sae á rúa e lle fai fronte a quen fai da sanidade e do ensino negocio para moi poucos.

Galiza é vangarda europea en proxectos políticos de unidade da esquerda transformadora cuxo capital máis importante é a cidadanía que contribúe a conformar ferramentas coma En Marea. Somos a alternativa real e segura doutro xeito de facer política e políticas para a maioría da xente. Feijoó sábeo, por iso é presa duns nervos que o empurran a facer anuncios de maneira compulsiva. Todo o que non fixo durante as maiorías absolutas.

Pero o pobo ten memoria.

Acerca de Antón Sánchez

Antón Sánchez é Portavoz Nacional de Anova e Vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galiza