Da divagación á predición

Nun pequeno artigo que publiquei neste mesmo xornal dixital titulado “Divagacións electorais” no que expuña, como coreografía do mesmo, a miña enquisa cualitativa das eleccións galegas que rematan de celebrarse, referíame sobre todo ao morbo nas relacións Marea-Podemos ante a disxuntiva de ir xuntos ou separados, discusión que naqueles intres tivo o seu suspense, matinando se ir  todos co nome de Marea, de incluir o nome de Podemos ou incluso  presentarse separados e as implicacións que iso tería para o resultado electoral. Despois dunha serie de vicisitudes a cousa rematou coa irrupción de Pablo Iglesias, que previndo un  posible fracaso do seu partido ao enfrontarse a unha Marea co temido Beiras no medio, ordenou a integración individual de Podemos en Marea como única marca electoral.

Se foron xuntos non quere dicir revoltos, e agora verase como discorre o invento de unir dúas  ideoloxías básicas diferentes nunha soa organización. Unha cunha posición social nacionalista e outra cunha posición social españolista (non nacionalista se se quere), así observamos a curiosidade dunha militancia que agora ven ser un pouco nacionalista e outro pouco non nacionalista, resulta como o da preñada que dicía que estaba un pouco embarazada. Ou hai  algunha delas que caia do cabalo e convértase na outra, ou os perfís diferenciados de cada unha tarde ou cedo sairán a luz e os problemas comezarán. Se non entramos na metafísica, paréceme físicamente imposible unha convivencia continua no tempo e na vida partidaria de dúas faccións con bases ideolóxicas distintas.

Deste xeito, supoño que Podemos, o terceiro partido estatal, con millóns de votos e con vista ao fronte de acadar no futuro o goberno de Madrid, non terá intención de invisibilizarse en Galiza nun partido estrictamente galego baixo o nome de Marea a quen ata ao  mellor reprocharánlle de coartarlle o seu espallamento en Galiza como tal Podemos agora que os resultados electorais non foron como esperaban.

Hai que ser todo o fraternais e solidarios que poidamos entre os que defendemos a xustiza social, a igualdade e o ben común, pero cada un dende a súa perspectiva transformadora (dende a súa casiña) que para uns concrétase unicamente nas persoas da que consideran a súa propia nación: España, e para outros exténdese como condición necesaria á emancipación da súa  propia nación: Galiza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.