Rodrigo Rato, as tarxetas black e outras indecencias

Comezou xa o xuízo das chamadas tarxetas black ou opacas de Caja Madrid e Bankia, onde Rodrigo Rato é un dos principais acusados, pero non chega á opinión pública con claridade que Bankia era, realmente, un chiringuito do PP e que Rato, significado dirixente do PP durante moitos anos (ministro e Vicepresidente do Goberno), está tamén implicado noutros moitos casos de corrupción. Agora que os medios de comunicación están centrados na dimisión de Pedro Sánchez e os problemas do PSOE, sirva este artigo como información complementaria, que se pode ampliar consultando o libro Indecencias e corruptelas, que publiquei en 2015.

Cando o PP estaba na oposición e Rodrigo Rato era o portavoz do Grupo Popular no Congreso (1989-1996), eran famosas as súas arengas e declaracións contra a corrupción e o fraude fiscal. Hoxe sabemos polos papeis de Panamá que Rato, encargado como ministro de perseguir a todas as persoas defraudadoras con Facenda, tivo durante anos sociedades opacas en paraísos fiscais e utilizou o bufete panameño Mossack Fonseca para liquidar Westcastle Corporation e Red Rose Financial Enterprises, onde tiña gardados 3.672.410 euros. Foi detido durante sete horas pola Policía Xudicial, axentes de Aduanas rexistraron o seu domicilio e despacho, e está acusado dun fraude fiscal de 5,3 millóns de euros, branqueo de capitais, corrupción entre particulares, administración desleal e fraude a Facenda.

Concedeu un crédito de 350 millóns de euros ao Valencia Club de Fútbol cando presidía Bankia e aproveitou o cargo para introducir na construción do novo estadio a Edifica Grupo, unha empresa da súa trama. Tamén concedeu un crédito de 2,2 millóns de dólares a Lazard, ocultando os seus intereses neste banco de inversións. Facturaba traballo de asesoría para Telefónica a través da empresa Kradonara 2001 SL, que controlaba, para aforrar no pago de impostos.

A Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil alertaba de presuntas irregularidades en COR Comunicación SL, propiedade da familia Rato, que subscribiu servizos de publicidade  con Endesa por 25,8 millóns de euros entre 2008 e 2013, e que despois subcontratou con Media House (16,4 millóns) e Macal (5,2 millóns de euros). Rato ocultou a Facenda que tiña negocios en publicidade a través de COR, que ten como clientes a importantes medios de comunicación.

Está investigado tamén polo suposto cobro por Kradonara –a través da sociedade Vivaway, radicada no Reino Unido–  dunha comisión de 835.025 euros entre 2011 e 2012, que pagaba Albisa Inversiones y Asesoramiento, propiedade de Alberto Portuondo, por contratos publicitarios de Bankia con Publicis Comunicaciones e Zenith Media por importe de 46 millóns de euros. Habería outra “mordida” de 189.704 euros que a UCO relaciona con irregularidade noutras adxudicacións na área de marketing do banco.

Segundo a Axencia Tributaria, Rato participa en 27 empresas, relacionadas con membros da súa familia, e segundo o rexistro mercantil controla un patrimonio de 24 millóns de euros. Despois de acollerse á amnistía fiscal do goberno de Rajoy, as empresas de Rato realizaron numerosas operacións en moeda estranxeira por máis de 16 millóns de euros, que poderían corresponder a actividades económicas no estranxeiro.

Rato cobraba con creces os favores que facía como ministro. Estivo pouco tempo no paro cando deixa Bankia porque o seu amigo César Alierta (designado por Rato, cando era ministro, para presidir Tabacalera), presidente de Telefónica (empresa pública privatizada por Rato), fichaba a Rato como conselleiro asesor das súas filiais en Europa e Latinoamérica co modesto salario anual de 200.000 euros. Como non tiña suficiente con este regaliño de Telefónica e coa apaga extra do FMI, Emilio Botín fichaba a Rato en setembro de 2013 como membro do consello asesor internacional do Banco Santander con outros 200.000 euros anuais

Argentaria, banco presidido en 1999 por Francisco González e que foi privatizado por Rato, perdoaba 312.000 euros a Construcciones Riesgo, controlada pola familia Rato, en concepto de “intereses de demora e comisións de impagados” (Rato era, daquela, ministro de Economía e Facenda e Vicepresidente do Goberno). Catro meses despois Argentaria fusionábase co Banco Bilbao Vizcaya con Francisco González como copresidente.

Bankia é unha das maiores indecencias dos últimos anos. O goberno do PP salvaba Bankia da bancarrota en maio de 2012 cunha axuda de 19.000 millóns de euros, cando xa recibira outros 4.485 millóns de euros do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB). O PP, o mesmo que fixera anteriormente o PSOE, socializaba así as posíbeis perdas da banca, que pagamos entre todas e todos, mentres os beneficios quedan sempre en mans privadas. Rajoy tomaba esta decisión de rescatar aos banqueiros da creba despois de manifestar na campaña das eleccións xerais de 2011: “No pienso dar un solo euro de dinero público a la banca”.

Bankia nacía da fusión de Caja Madrid, Bancaja e cinco pequenas caixas máis. A desfeita de Bankia é, fundamentalmente, unha responsabilidade do PP. Miguel Blesa, presidente de Caja Madrid, era colaborador de Faes, fundación do PP, e amigo persoal de Aznar, que o promociona en 1996 até o Consello de Administración de Caja Madrid, sendo elixido presidente en 1997 co apoio do PP, IU e CCOO, e continúa nese cargo até 2009, que é substituído por Rodrigo Rato. Por outra parte, Rato militaba no PP o mesmo que outros directivos que protagonizaron esa fusión: Atilano Soto, que presidía Caja de Segovia; Agustín González, presidente de Caja Ávila; José Luis Olivas, presidente de Bancaja. E os responsábeis políticos teñen nome e apelidos porque eran dirixentes do PP na Comunidade de Madrid e de Valencia, que durante vinte anos presumiron de boa xestión: Esperanza Aguirre, Eduardo Zaplana, Francisco Camps, Rodrigo Rato, José Luis Olivas …

Todos estes banqueiros aproveitaron ben o tempo. Olivas gañou 1,62 millóns de euros en 2011 como Vicepresidente de Bankia. Aurelio Izquierdo, man dereita de Olivas e un dos principais xestores de Bancaja nos últimos anos, conseguía preto de 14 millóns de euros: 7,633 millóns de euros como pensión e 6,285 millóns de euros de compromisos de prexubilación. Matias Amat, de Caja Madrid, recibiu en 2011 unha indemnización de 6,16 millóns de euros por prexubilación. Cinco directivos de Caja Madrid ingresaron 45,2 millóns de euros entre 2007 e 2010: Miguel Blesa, 12,4 millóns de euros; Ildefonso Sánchez Barco, 9,7; Matias Amat, 9,7; Enrique de la Torre, 7,2; Ricardo Morado, 6,2 millóns de euros.

Blesa gañou 20 millóns de euros nos seus últimos anos en Caja Madrid (2002-2010) e os seus ingresos de 1,7 millóns de euros en 2007 pasaban a 3,6 millóns en 2009 en plena crise. Vivía a todo luxo, tiña un presuposto mensual de 84.000 euros para gastos de representación e protocolo, que pagaba Caja Madrid. Viaxaba nun BMW blindado de 500.000 euros, presumía de cacerías e de mercar caviar a 170.000 pesetas o quilogramo. Todo isto mentres estafaba a 200.000 persoas coas Preferentes, ingresando Caja Madrid 3.000 millóns de euros. Cando deixa Caja Madrid, Blesa merca en efectivo un chalé de 2,15 millóns de euros.

Blesa era imputado pola concesión de créditos irregulares ao Grupo Marsans e a compravenda do City National Bank de Florida. Por esta última causa, o xuíz Elpidio José Silva decretaba o seu ingreso en prisión o 5 de xuño de 2013, acusado de presuntos delitos societarios, administración desleal, falsidade en documento e apropiación indebida. Quince días despois saía de prisión por orde da Audiencia Provincial. Este xuíz foi suspendido durante 4 meses e 7 días polo Consello Xeral do Poder Xudicial.

Un informe da Fiscalía Anticorrupción desvelaba que 86 conselleiros executivos e membros do Consello de Administración de Caja Madrid cargaron 15,5 millóns de euros  a esta entidade coas tarxetas black, como gastos persoais entre 1999 e 2012, sen control de Facenda (a xustiza considera prescritos 3,5 millóns de euros que gastaron até 2003). Directivos desa entidade, representantes de partidos, sindicatos e patronal dilapidaron 3 millóns de euros en restaurantes, 1,5 millóns en viaxes, 1 millón en grandes superficies comerciais, 800.000 en hoteis, 700.000 en roupa, xoias, lotería, calzado e complementos, 2 millóns de euros retirados en efectivo nos caixeiros etc. Miguel Blesa gastou 436.688 euros con esa tarxeta e Rodrigo Rato 99.054 euros (o ex–ministro cargou nun día 3.547 euros en bebidas alcohólicas e case 1.000 euros en zapatería). Blesa explicaba no xuízo o pasado 30 de setembro que as tarxetas black foron creadas para “dignificar” o salario dos conselleiros e compensar a súa dedicación (parece ser que gañar anualmente 3,6 millóns de euros non era suficientemente digno).

Mentres os máximos dirixentes desta entidade bancaria dilapidaban os cartos con esas tarxetas opacas e tiñan ingresos millonarios irregulares, Caja Madrid e Bankia eran rescatadas con 23.500 millóns de euros. Ningún destes directivos está no cárcere, de momento. Como contraste, o xuíz Elpidio José Silva, que intentou meter a Blesa no cárcere, está apartado da carreira xudicial. Todo isto en cumprimento da lei –é o que din– mais a xente comeza a preguntarse por que os banqueiros corruptos non acaban nunca no cárcere.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.