0 Gardados para despois

Laureano Araujo

A hipótese Trump

Había un amplo consenso en que a próxima presidenta dos EUA ía ser Hillary Rodman Clinton, de quen podía esperarse que desenvolvese as políticas sociais de Barack Obama, e que mesmo fixese concesións ao centroesquerda para satisfacer os partidarios de Bernie Sanders. Pero tamén é unha representante de manual do establishment –posibelmente non frustraría nin sequera as aspiracións dos falcóns en materia de política exterior–, o cal, xunto coa súa frialdade, dificultou a mobilización ao seu favor do voto indeciso. A hipótese Trump foi descartada demasiado á lixeira. Donald Trump é un perigoso reaccionario cun discurso estúpido pero cun formidábel olfacto político, e está por ver que o sistema de checks and balances poida frealo: a Cámara de Representantes e o Senado están controlados polos republicanos, e o Tribunal Supremo acabará tendo previsibelmente unha maioría conservadora.

Como é sabido, os votantes elixen os 538 compromisarios que integran o United States Electoral College, onde os candidatos aspiran a obter os 270 votos electorais que lles permiten mudarse á Casa Branca. Cada Estado ten asignado un número de compromisarios en función da súa poboación. Os votos electorais, segundo o método winner-take-all, van todos para o candidato que obteña máis sufraxios. (As excepcións son os Estados de Nebraska e Maine, que, de todos os xeitos, teñen pouco peso electoral.) Así, por exemplo, nun Estado que tivese 1.000 votantes e 10 compromisarios, se un dos candidatos obtivese 501 votos e o outro 499, os votos dos 10 compromisarios irían todos para o primeiro candidato. Isto (e mais a sospeita de graves irregularidades en Florida) é o que explica que no ano 2000, George W. Bush gañase as eleccións malia obter menos votos populares que o seu rival, o demócrata Al Gore. E isto é o que sucedeu onte.

As variábeis eran demasiadas e en realidade ninguén sabía que ía pasar. Había polo menos 11 swing states, cuxo apoio a unha ou outra candidatura era virtualmente impredicíbel por mor do método winner-takes-all. As enquisas apuntaban maioritariamente cara a unha vitoria de Clinton, pero había dous elementos que nos deberon facer desconfiar seriamente e contar cun fatal escoramento dos prognósticos: o feito de que estabamos ante unha situación sen precedentes, que privaba a “cociña” demoscópica da experiencia, o seu ingrediente fundamental; e unha explosiva combinación de wishful thinking e de ocultación do voto.

Desde os anos oitenta do século XX, as elites conservadoras fixeron o imposíbel por destruír as bases da democracia liberal nos EUA, mentres o centroesquerda foi abandonando a causa das clases medias-baixas e traballadoras. A verificación da hipótese Trump, tras constatarmos que obtivo a maioría absoluta dos votos electorais, non debería sorprendernos tanto. Trump soubo moi ben como conectar cos perdedores da globalización neoliberal, aqueles que foron traizoados por quen se supuña que eran os seus representantes, para galvanizar unha alianza populista ultradereitista moi potente e extremadamente agresiva. Mentres tanto, o sistema ficaba paralizado e en estado de shock. Era perfectamente imaxinábel que Clinton acabase gañando as eleccións, pero a hipótese Trump nunca foi unha parvada.

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Ten varios traballos publicados, pronunciou conferencias e organizou cursos universitarios sobre diversos temas políticos e culturais. Traduciu a Thomas Mann (A morte en Venecia) e a Heinrich Böll (Opinións dun pallaso), e é autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.