0 Gardados para despois

Laureano Araujo

Por certo: o dereito ao aborto está en perigo

Durante o segundo mandato de José Luis Rodríguez Zapatero, a Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo (BOE do 4), modificou por completo a regulación do aborto. A nova lei de prazos foi, como era de esperar, moi intensamente combatida polo bloque católico, xa antes de aprobarse. Houbo, por exemplo, varias manifestacións multitudinarias organizadas pola igrexa, nas cales, de paso, tamén se defendeu a familia tradicional e se condenaron o matrimonio entre persoas do mesmo sexo e mais o divorcio. Nun documento de 2011, a Conferencia Episcopal Española afirmou que “determinadas opciones legislativas […] no tutelan adecuadamente el derecho fundamental a la vida de cada ser humano, desde su concepción hasta su muerte natural, o […] incluso llegan a tratar como un derecho lo que en realidad constituye un atentado contra el derecho a la vida”, o cal facía “necesario promover nuevas leyes que reconozcan y tutelen mejor el derecho de todos a la vida”.

Como integrantes do bloque católico, 71 membros do grupo parlamentario popular do Congreso dos Deputados interpuxeron, o 1 de xuño de 2010, un recurso de inconstitucionalidade contra varios artigos da lei de prazos. O Tribunal Constitucional admitiu a trámite o recurso o 30 de xuño, aínda que, o 14 de xullo, rexeitou suspender cautelarmente a norma impugnada. O ano seguinte, Mariano Rajoy, o daquela candidato a presidente do Goberno de España polo PP, deixou escrito nun libro seu: “Mi convicción es que el aborto es siempre un fracaso; no se trata de un derecho, y por ello serán necesarias reformas legislativas en este terreno. Pero hay que anticiparse con el apoyo a las familias, con especial atención a las jóvenes que se quedan embarazadas”. Os conservadores gañaron as eleccións cunha esmagadora maioría absoluta, pero acabaron desistindo do seu propósito de derrogar a lei de prazos, agás no tocante ás persoas afectadas pola Lei orgánica 11/2015, do 21 de setembro, para reforzar a protección das menores e mulleres con capacidade modificada xudicialmente na interrupción voluntaria do embarazo (BOE do 22), que agora, para abortaren, precisan do consentimento expreso dos seus representantes legais.

Porén, o recurso do PP non foi retirado, e no campo da dereita non consta que houbese presión ningunha nese sentido. De feito, nos “150 compromisos para mejorar España” acordados entre o PP e Ciudadanos o 28 de agosto de 2016, a interrupción do embarazo nin sequera se menciona. Máis rechamante aínda resulta que tampouco desde a esquerda se estea a instar o PP a dar marcha atrás. Non nos estrañemos se unha mañá, mentres almorzamos, escoitamos na radio a nova de que o TC declarou inconstitucional, aínda que só sexa parcialmente, a lei de prazos. Ese día darémonos de conta de que creamos un enorme problema social simplemente por non lle lembrar ao PP que xa non pode gobernar en solitario e que non queremos validar a irresponsabilidade sen parangón do bloque católico.

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Ten varios traballos publicados, pronunciou conferencias e organizou cursos universitarios sobre diversos temas políticos e culturais. Traduciu a Thomas Mann (A morte en Venecia) e a Heinrich Böll (Opinións dun pallaso), e é autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.