0 Gardados para despois

Manoel Barbeitos

O teito do gasto como dogma neoliberal

No documento –Informe económico e financeiro- que apoia aos Orzamentos da Xunta de Galiza para a ano 2017 sinálase, repetidas veces, que para a elaboración dos mesmos aquela tivo moi en conta o teito de gasto fixado na aplicación da Lei 2/2011 de Disciplina Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira, autorizado pola Consello da Xunta (17.11.2016) e aprobado polo Parlamento (26.11.2016).

O teito do gasto é unha regra fiscal –regra do gasto-, derivada da LOEPSF (Ley Orgánica de Estabilidad Presupuestaria y Sostenibilidad Financiera), que busca lexitimar a aplicación das políticas de consolidación fiscal ou de austeridade nas AAPP -Administracións Públicas-. Teoricamente a regra do teito do gasto tenta de disciplinar orzamentariamente as AAPP limitando o gasto público a capacidade de financiamento das mesmas con ingresos estables e sostidos no tempo. Na práctica isto supón que, segundo esta regra fiscal, o gasto público non pode medrar anualmente por riba da taxa de crecemento prevista para o PIB. Resulta, xa que logo, que o teito de gasto pasa así a estar condicionado aos ingresos previstos: en termos macroeconómicos a demanda –gasto- ten que se axustar ao oferta –produción-. Un dogma neoliberal que non resiste nin o contraste con as evidencias históricas nin a confrontación coa ciencia fiscal mais avanzada e moderna.

Este regra fiscal apóiase, xa que logo, no DOGMA do equilibrio fiscal –ingresos/gastos públicos- quen, como demostra a experiencia, nunca se cumpre. Nunca se cumpre pero nembargantes serve para xustificar continuos recortes do gasto público, maiormente dos servizos públicos de benestar. Recortes que tanto derivan  nunha crecente entrada do capital privado en áreas importantes e claves da administración pública coma nun exponencial crecemento da débeda pública. O caso de Galiza é un caso de libro.

Hoxe en día está fora de dúbidas que a aplicación en Galiza, como en España, destas políticas de consolidación fiscal, que se apoian maiormente en recortes dos gastos públicos e rebaixas salariais, fixeron que a grande crise financeira (2008) converterase nunha longa recesión económica. Recesión na que aínda estamos metidos a pesares dalgúns recentes e positivos resultados macroeconómicos que son debidos exclusivamente a factores externos –prezos dos carburantes, auxe do turismo, expansión monetaria cuantitativa-.

Non se pode falar de recuperación económica efectiva, como fai o goberno galego (PP), con taxas de crecemento medio anual da riqueza (PIB) negativas (-0,6%) e unha importante caída da renda per capita (>4 puntos). Cun moi relevante incremento do desemprego (95.000 parados mais), unha forte caída dos empregos (unha perda de 150.000 empregos) e un crecemento exponencial da precariedade laboral (o 31% dos/as traballadores/as galegos/as teñen uns ingresos por baixo do SMI e un 18,5% dos/as mesmos/as entran na categoría de traballadores/as pobres).

Unha realidade social e laboral que levou a que se disparara a emigración entre a xente moza (unha media de 8.000 mozos/as galegos/as emigran anualmente) e a que en Galiza a desigualdade social acade cifras de récord (segundo as fontes mais solventes preto do 37% das familias galegas están en risco de exclusión pois teñen enormes dificultades para cubrir as súas necesidades básicas –alimentación, vestido, vivenda..-. Familias moitas das cales teñen cativos que corren o risco de verse convertidos en nenos desnutridos). Por si todo iso non fose suficiente engádaselle un crecente deterioro dos servizos públicos de benestar (sanidade, ensino, emprego, familia, vellez, …).

Asemade os obxectivos de déficit e de débeda públicos que xustifican o teito do gasto e as políticas de consolidación fiscal non foron, nin de lonxe, conseguidos en Galiza. Durante estes dous mandatos do PP (2009-2016) a débeda pública duplicouse ao pasar de 4.900 millóns de euros (2008) aos 11.300 ( previsión para 2016), a pesar de ter pagados (en xuros e amortizacións) case 9.000 millóns de euros –todo elo sen contar a débeda oculta derivada dos contratos de colaboración  público-privado: Gallas, Hospital de Vigo, vías rápidas …- que pode superar os 3.500 millóns de euros.

Uns resultados que, nembargantes, non deberan sorprender a ninguén xa que os mesmos adaís destas políticas, ante as evidencias, empezan a refugar das mesmas. Así e moi recentemente o FMI (Fondo Monetario Internacional), o mais vello e radical defensor das políticas de consolidación fiscal, recoñecía que estas políticas non eran quen de conseguir os obxectivos fiscais fixados coas mesmas. O FMI subliñaba tamén que, en moitos dos estados da Unión Europea –entre eles España e, xa que logo, Galiza- hai unha clara relación entre austeridade é recesión económica.

Non facía falta que o FMI fixera estas declaracións, aínda que non se deben desprezar nin moito menos, para saber que as políticas de consolidación fiscal –nas que entra a regra do gasto- non favorecen, de ningures, o crecemento económico e a creación de emprego. Ao tempo que non son quen de evitar que medren os déficits e as débedas públicas.

Está de sobras demostrada a falsidade da tese neoliberal de que a débeda e o gasto público drenan o gasto privado: supostamente un incremento daqueles faría subir os tipos de xuro o que reduciría o investimento e o aforro facendo que se free o crecemento. A realidade pon en evidencia que sucede algo moi distinto, que o gasto público turra do gasto privado e, en sentido contrario, que a debilidade do gasto público afecta negativamente ao gasto privado: ao non gastar os gobernos diminúe a demanda de bens e servizos cuxa oferta domina o sector privado. Fenómeno este moi acentuado, por razóns obvias, nas comunidades periféricas. Se durante a recesión económica o gasto publico en Galiza sufriu un duro axuste, o tempo que se disparaba a débeda publica, o gasto privado tamén caeu nun 30% en valores reais. Na fase expansiva anterior en que o gasto público tivo un forte impulso en Galiza, con unha débeda pública controlada, o gasto privado incrementouse nun 90% en termos reais. Unha vez mais as evidencias empíricas desmontan as teses neoliberais.

Por si non fora suficiente co seu efecto recesivo as políticas de consolidación fiscal, ao contrario do que pregoan os seus defensores, incrementan a débeda pública que se converte nunha bola de neve. Unha bola de neve derivada de que os gobernos, como por caso o galego, pagan cada ano mais en servizos da débeda pública (xuros e amortizacións) sen conseguir facer que aquela diminúa senón que segue medrando intensamente. Na práctica isto supón que se recorta gasto público en servizos e bens fundamentais aos cidadáns para destinalo ao pago da débeda. Unha política que, xa que logo, beneficia aos bancos por seren estes os propietarios maioritarios dos títulos. Así o pago dos servizos da débeda en Galiza supoñen cada vez un gasto maior –nestas dúas lexislaturas pasou de representar o 3,2% do gasto público total ao 16%, por riba do investimento público- converténdose, como sucede coa débeda española, nunha burbulla que, inevitablemente, rematará por estalar.

Unha débeda esta que non contribúe ao crecemento económico de Galiza, senón todo o contrario. Isto é así por que a maior parte da mesma (98%) non vai a financiar investimentos e servizos básicos para os cidadáns galegos senón a pagar os servizos da débeda. En definitiva a maior parte dos ingresos por débeda retorna os bancos no exercicio.

Esta realidade debera ser suficiente para que unha Xunta de Galiza, sinceramente interesada no crecemento económico e na creación de emprego, apostara por políticas fiscais expansivas e non por políticas procíclicas de consolidación fiscal que teñen ao teito de gasto como unha das súas regras fiscais.

Acerca de Manoel Barbeitos

Economista