Mulleres borradas

Francia e Bélxica prohiben en todos os espazos públicos as pezas que cobren a cara; os Países Baixos están a piques de facer o mesmo. En Alemaña, un tribunal administrativo impediulle a unha alumna ir ao instituto vestida cun veo integral, e o tribunal constitucional apoiou a decisión doutro centro de suspender unha alumna que non quixo asistir a unha clase de natación nin sequera en burkini. Unha muller que quería presentarse ataviada cun veo integral nun acto do concello nunha vila preto de Venecia recibiu unha forte multa. Igualmente oculta participou a responsábel das cuestións da muller dunha organización islamista suíza nun programa dunha televisión pública alemá, causando unha gran polémica. No aeroporto de Palma, unha empregada foi repetidamente sancionada pola súa empresa por cubrirse cun hijab. Mentres, en Nova York aumenta o número de mulleres agredidas por vestiren esta peza.

Por algún motivo, non somos quen de imaxinar que este tipo de cousas poidan pasar entre nós. Pero poden pasar e van pasar. E non é nada fácil abordalas nun contexto como o noso, onde a islamofobia se converteu na causa principal dos delitos de odio e onde precisamos garantir os dereitos das musulmás, a salvagarda dos valores democráticos e mais a seguridade de todos. Hai concidadás que queren ser identificadas como musulmás e non son nin fundamentalistas, nin ignorantes, nin submisas. Teñen as súas razóns: demostrar a súa resistencia cultural ou apropiarse dunha tradición relixiosa da cal estiveron excluídas. E hai outras musulmás que acaban velando os seus corpos porque ceden ante a presión irresistíbel dunha nova e potente tradición reaccionaria e profundamente misóxina.

Unha prohibición xenérica do veo islámico tería dúas consecuencias indesexábeis: estigmatizaría e illaría unhas mulleres que non son unha ameaza para a comunidade e satisfaría unicamente as pulsións identitarias dos populismos de dereitas en auxe. Entre os tipos de veo que existen –basicamente o burca, o nicab, o xador e o hijab–, son os integrais –o dous primeiros– os que nos colocan ante un desafío particularmente preocupante, porque autorizalos sería tanto como consentir un símbolo que nega de plano os dereitos humanos. Ademais, estas roupas poden causar na cidadanía unha sensación de inseguridade derivada da dificultade de interactuar con persoas que ocultan o rostro.

As mulleres que visten un xador ou un hijab deixan a cara ao descuberto. Non deberiamos atopar neste caso algún tipo de acomodación que respecte o dereito que temos todos á nosa integridade moral, tamén nos espazos públicos? O noso universo de valores é irrenunciábel, pero non inmutábel; e tampouco pode ser un pretexto para atentar contra o sistema de liberdades, do cal forma parte a liberdade de conciencia. Burca non, hijab si? Sería, se cadra, unha solución sensata e pragmática, froito dunha observación feita con empatía e sen prexuízos. Certamente prefeririamos unha proposta categórica e menos atacábel, porque parece moi difícil non ver no veo un elemento de discriminación que arruína as conquistas do feminismo. Pero esa resposta sería realista e prudente nesta Europa nosa, o 10% de cuxa poboación será musulmá dentro de só tres décadas?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.