0 Gardados para despois

Laureano Araujo

O sexo dos católicos

Son moitos –tamén moitos crentes– os que teñen grandes dificultades para entender os problemas da igrexa católica coa moral sexual. Por iso hai quen quere pensar que a exhortación Amoris laetitia, que o papa Francisco publicou o 19 de marzo de 2016, supón un aggiornamento nesta materia. Non é así en absoluto. O texto está redactado cunha linguaxe amábel, pero apenas hai nada nel que sintonice cos esforzos dos Estados democráticos por abordaren a diversidade sexual dun xeito acorde cos dereitos humanos. De feito, a Amoris laetitia apela a todos os elementos da tradición: heteronormatividade, rexeitamento dos contraceptivos, indisolubilidade do matrimonio e familia de matriz patriarcal.

Unha lectura atenta da exhortación revela, para empezar, que as persoas homosexuais non poden aspirar a que as unións acordadas entre elas se equiparen ao matrimonio. En segundo lugar, o sexo só é lexítimo dentro do matrimonio, e o consello impartido aos adolescentes de que o practiquen dun xeito seguro, é dicir, de que xoguen cos seus desexos dunha maneira irresponsábel, implica unha valoración negativa da procreación que leva a que o aborto se entenda amparado polo dereito sobre o propio corpo. En terceiro lugar, a familia é, por unha banda, unha unión natural fundada no matrimonio indisolúbel entre un home protector e provedor e unha muller tenra, compasiva e entregada, e, por outra banda, unha instancia de reprodución social da fe católica, especialmente a través da nai.

É inútil buscar nas palabras do pontífice Bergoglio calquera traza de complicidade coas políticas máis avanzadas de igualdade entre muller e home, coas reivindicacións da comunidade LGBTI, coa despenalización do aborto, coas diferentes formas de unión afectiva e sexual e cos novos modelos de familia. A única mostra de flexibilidade aparece en relación coas persoas divorciadas que casan pola vía civil sen obteren a nulidade do primeiro matrimonio católico. Tecnicamente son adúlteras e viven en situación de pecado permanente, pero para Francisco, que non dubida de que o divorcio é un mal, seguen a formar parte da súa igrexa e, en certos casos menos graves, mesmo deben poder recibir a comuñón.

Para o integrismo é unha herexía que os divorciados que volveron casar poidan seguir plenamente integrados na vida da igrexa católica. Catro purpurados ultraconservadores –o estadounidense Raymond Burke, os alemáns Walter Brandmüller e Joachim Meisner e mais o italiano Carlo Caffara– pretenden someter agora a Bergoglio a un acto formal de corrección dun erro grave perante o colexio cardinalicio. Pero a oposición reaccionaria ao papa non se debe tanto a isto nin ao núcleo, indiscutibelmente ortodoxo, da súa moral sexual, senón aos tímidos cambios doutrinais de inspiración conciliar que se intúen tras o seu ton e os seus xestos empáticos, así como á súa vontade de reformar as estruturas curiais.

Todo isto sería irrelevante se non retratase a corporación católica, tan influente no noso país –lembremos o bloque do cal forman parte o Opus Dei, o Camiño Neocatecumenal, Comuñón e Liberación ou HazteOir.org– e empeñada en manter un anacrónico litixio sobre o sexo, xa non dos anxos, senón de todos nós.

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Ten varios traballos publicados, pronunciou conferencias e organizou cursos universitarios sobre diversos temas políticos e culturais. Traduciu a Thomas Mann (A morte en Venecia) e a Heinrich Böll (Opinións dun pallaso), e é autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.