Respectarmos as garantías democráticas

Nunha democracia a loita contra o crime, a loita contra o terrorismo, está suxeita a regras, ha respectar as garantías democráticas.  As democracias non poden usar do maltrato físico nin psicolóxico aos detidos e presos. Os detidos e presos seguen a ter dereitos e compre sexan tratados co respecto debido á súa dignidade de persoas. ISIS gaña cando renunciamos á liberdade por unha hipotética seguranza.

A cidadá colombiana residente en Ourense Nibia Cano botou 45 días no cárcere, incomunicada, por unha feble acusación da Fiscalía colombiana que lle deu veracidade ás acusacións dun coñecido sobre a súa suposta pertenza  á organización terrorista ELN. Era unha persoa absolutamente integrada en Ourense dende hai máis de dez anos. Que necesidade había de que fose  presa preventivamente? E a desproporcionalidade da incomunicación? Unha volta máis ese Tribunal de excepción, emenda á totalidade ao dereito de todos ao xuíz predeterminado pola Lei, chamado “Audiencia Nacional” non respectou a restritiva doutrina constitucional da prisión preventiva.

Hai semanas foron dous cidadáns alxerinos, detidos en Arteixo e Vimianzo cun grande despregamento de medios e publicidade, acusados de seren yihadistas. Todo ficou en auga de bacallau. Serviu, iso si, para criminalizar o conxunto dos musulmáns. Como tamén semella feble a acusación  a nove activistas de Causa Galiza, partido que chegou ser suspendido no 2016 nas súas actividades, malia que a “Audiencia Nacional” volveu autorizalas.

En todos estes supostos a loita contra o terrorismo deu abeiro a  actuacións desproporcionadas, acusacións inxustas e maltrato psicolóxico ás persoas. En todos estes supostos, a orixe das acusacións e ordes foron os Xulgados Centrais de Instrución da Audiencia Nacional. Non por acaso continuadora, fixo o día 4 40 anos, do Tribunal de Orde Pública franquista.

En democracia non todo é lícito na loita contra o terrorismo. Os prendementos han ser proporcionados e baseados nunha acusación minimamente solvente. Queremos un Estado de dereito no que se cumpran as regras de xogo, non un Estado policial.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.