0 Gardados para despois

Laureano Araujo

Auschwitz foi un invento español?

Na segunda metade do século XIX, España intentou, con tanta desesperación como miopía, manter o statu quo na súa colonia cubana. Tal obxectivo resultou ser crecentemente problemático, sobre todo a partir do momento en que se intensificou a guerra de guerrillas librada polos separatistas. Foi contra o final do conflito cando o xeneral Valeriano Weyler y Nicolau decretou a chamada reconcentración, que obrigou a miles de persoas a abandonar os seus fogares e a desprazarse a unha ampla rede de poboados fortificados. Aquela medida estratéxica foi un recurso militar dirixido a manter a cidadanía fisicamente separada dos guerrilleiros e a impedir así que estes –áxiles e difíciles de apreixar– puidesen acceder doadamente a recursos básicos como víveres, medicamentos, roupa, armamento e información. Non menos de 400.000 habitantes da illa caribeña foron internados en máis de 80 puntos de reconcentración.

As baixas civís debidas a aquela medida catastrófica, basicamente vítimas de epidemias e da fame, ascenderon, segundo algúns cálculos prudentes, a unhas 170.000, nada menos que o 10% da poboación de Cuba. Malia o consenso entre publicistas e militares da época verbo da reconcentración, é dificilmente discutíbel que o abandono dos internados foi propiamente unha empresa criminal e que houbo abusos e excesos que non se explican aludindo sen máis á lóxica militar. Estes traslados forzosos levados a cabo polos españois na súa colonia non foron, por certo, un fenómeno illado. Os británicos utilizaran métodos parecidos un século antes na India, os propios españois crearan pouco despois poboados fortificados en México, e tras a independencia de Cuba houbo internamentos masivos de civís en case todos os conflitos asimétricos do planeta.

Non é de estrañar, polo tanto, que moitos historiadores caesen na tentación de crear unha liña imaxinaria que une os poboados fortificados españois cos Lager alemáns, convencidos de que a orixe dos campos de concentración está na Cuba colonial e de que a reconcentración na illa é perfectamente comparábel cos campos de exterminio nacionalsocialistas. Porén, tal tese é sumamente débil, porque os obxectivos, as estratexias e as estruturas no contexto imperial da fin do século XIX impiden entender sen máis o internamento de civís disposto polos españois como un precedente do xenocidio industrial nazi.

O investigador suízo Andreas Stucki dedícalle a este tema fascinante o seu magnífico estudo Las guerras de Cuba. Violencia y campos de concentración (1868-1898), que acaba de publicar en Madrid La Esfera de los Libros. Estamos ante una obra que se intúe imprescindíbel para os especialistas, xa que propón un novo, moi documentado, moi rigoroso, moi honesto e moi convincente achegamento á reconcentración, un instrumento militar tremendo pero non doado de relacionar co posterior universo concentracionario nacionalsocialista. De feito, está por ver que haxa, en xeral, algún fenómeno histórico facilmente comparábel cos campos nazis. A reconcentración foi certamente unha medida brutal de consecuencias terríbeis que debe ser abordada cientificamente, pero se acabásemos afirmando que na etioloxía de Auschwitz está un invento español, estariamos a converter ambos fenómenos en perigosas trivialidades.

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Ten varios traballos publicados, pronunciou conferencias e organizou cursos universitarios sobre diversos temas políticos e culturais. Traduciu a Thomas Mann (A morte en Venecia) e a Heinrich Böll (Opinións dun pallaso), e é autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.