Metodoloxía para gañar un País

Rematado o ciclo electoral ábrese ante nós unha nova etapa. Durante estes anos fomos moitas as que nos sentimos interpeladas para afrontar este momento. Ilusión, responsabilidade histórica, compromiso social... Moitas son as razóns polas que centos de persoas en Galicia decidimos aportar o noso gran de area dunha ou doutra maneira, participando activamente desta carreira frenética para asaltar as institucións. Sobrevoando en todo momento esa sensación de que o momento é agora, xuntámonos xentes con distintas experiencias e sensibilidades co obxectivo de poñer as institucións ó servizo da xente.

Durante os últimos anos xuntámonos nas vilas e cidades para artellar mareas municipalistas, construímos distintos espazos orgánicos, lanzamos En Marea para as Xerais, e despois a candidatura para asaltar a Xunta, e aínda que todas coincidiremos en que queriamos máis, tanto co funcionamento dos espazos orgánicos como nas citas electorais, en pouco máis de dous anos nin tan mal.

Durante todo este tempo o propio ciclo electoral foinos marcando a axenda, as présas e a falta de rodaxe no que chamamos nova política (non sei se ben ou mal, ese é outro debate), impediunos, na maioría dos casos, poñer en práctica de maneira eficaz as metodoloxías que entendemos por esa nova forma de facer política.

Moitos manifestos, modelos organizativos, códigos éticos e documentos políticos fixemos sobre os principios de participación, democracia e transparencia, e moitos destes traballos fixéronnos sentirnos orgullosas. Con moitas dificultades  iamos atopando camiños que nos empurraban a seguir avanzando, pero nos momentos finais, cando tocaba conformar os órganos ou as candidaturas, a pantasma da vella política, esa sorte de fontanería de partes, ou de partes de partes de partes, aparecía afastándonos das metodoloxías que pretendiamos poñer en práctica, quedando sempre con esa sensación de que estamos nunha parada no camiño obrigados polas circunstancias, e para a próxima o faremos mellor.

Case sempre nos faltou feminización, entendida non só como participación feminina nos espazos máis relevantes, que é evidente que tamén, senón como esa nova forma de facer política, cooperar, ser xenerosas, xerar espazos amables para facilitar a participación, respetar os órganos lexítimos como espazo de toma de decisións e non operar en pequenos conclaves, practicar a escoita activa, respectar o disenso e a pluralidade, aproveitar a intelixencia colectiva. E sobrounos testosterona, lóxicas de cotas e competición.

O ciclo electoral co proceso en fase embrionaria foinos marcando metas a meses vista, restándonos capacidade para a mirada longa e o debate sosegado.

Cada momento importante enfrontámolo como se fose o último, como se esa fose a nosa meta, lóxica comprensible nun tempo electoral de conformación dos espazos e candidaturas, pero a realidade é que isto acaba de comezar e todo está por facer.

A unidade dende a diversidade, a construción de pobo, de comunidade, a vertebración da maioría nova de cambio en Galicia, baixo o meu punto de vista, pasa por poñer en práctica metodoloxías abertas, participativas e democráticas en cada paso importante, no que a maioría se sinta interpelada e poida participar en pé de igualdade, e dende logo que se pode. A principios do ano pasado varias mareas municipais impulsaron un proceso que demostrou que é posible en Galicia practicar esa política empoderadora da cidadanía e vertebradora da pluralidade. As que participamos de Mareas en Común, fomos testemuñas de que se pode poñer en marcha un proceso para feminizar o espazo de unidade. Mareas en Común puxo en práctica verdadeiramente iso que denominamos nova política. Plenarios periódicos para o debate e a posta en común, grupos de traballo participativos para ir xerando documentos marco, métodos de facilitación do traballo colectivo e da vertebración da pluralidade e cooperación, moita cooperación. Un proceso que nos demostrou que é posible facer as cousas de maneira diferente, pero claro, os vellos centros de decisión deben dar un paso atrás e sumarse en pé de igualdade, pois este tempo novo precisa de métodos novos. Iso ensinóunolo moi ben o 15M, e xa moito antes tamén o Nunca Máis: acádase o apoio maioritario da sociedade cando se permite o seu empoderamento, cando non se lle trata como menor de idade e todas participamos en pé de igualdade.

O proceso de conformación do espazo de unidade popular, onde quedan tantos debates por dar, é complexo e non se trata de autoflaxelarnos nin buscar responsables, pois a responsabilidade recae sobre o colectivo, se non de reflexionar e aprender do andado, do que si fomos quen de acadar, para insistir e reforzar, e do que non, para traballar xuntas na procura de solucións. Abrirnos á participación, decidir colectivamente, afondar nas metodoloxías horizontais e de empoderamento cidadá. Construír Pobo vai máis alá de unir ás que pensan igual na maioría das cuestións fundamentais, vertebrar unha maioría nova empoderando á cidadanía é moito máis radical.

Agora tamén toca debate político, deixar de mirar o embigo e comezar a discutir o País que queremos, de maneira colectiva, para que no próximo ciclo electoral poidamos ofrecer certezas á cidadanía, poder mostrar un proxecto solvente, que xa madurou e que está en disposición de aplicar as medidas que precisamos. Existe unha maioría social que compartimos análise pero de momento non compartimos novo proxecto de país e aínda non ofrecemos as certezas precisas para acadar un apoio maioritario, e ese é o reto que temos agora por diante, recuperando o espírito e as metodoloxías de Mareas en Común, que é a continuidade no campo institucional do espírito do 15M, do Nunca Máis, das Marchas da Dignidade, das mareas en defensa dos Servizos Públicos, da PAH... eses movementos cos que xa acadamos na rúa consensos maioritarios, unidade cidadá e a esperanza de que si se pode.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.