Atentado á autoridade

O caso de  Diego Lores veciño de Coia, un barrio de Vigo, acusado por atentado á autoridade, aínda que logo absolto porque o policía que facía tal acusación retirou a denuncia, argumenta claramente a necesaria e urxente abolición da lei mordaza, e entre o que hai que cambiar é precisamente  este concepto de “atentado a autoridade” porque banalizouse de tal xeito o termo que converteuse xa nun mantra policial para a acusación de calquera detención que se lles ocorra exista ou non acción agresiva en actos masivos ou individuais de cidadáns que protestan por algo.    

Un atentado é unha palabra terrible, é algo moi serio, reflicte unha acción ou accións de grande violencia coa intención de facer o máior  dano posible, incluso esixe planificación e organización para a facelo, por algo é normalmente utilizado nos casos de terrorismo, de accións de  crime organizado, ou cuestións semellantes, ou moi especiais, polo que nunca debería utilizarse para outras que nada teñen que ver con iso se non máis ben coa conflitividade lóxica que toda dinámica social xera.  Pero ocorre que esta conflitividade social, nun estado como este de inmorrente franquismo, parece considérarse, xa por si mesma, como un atentado á autoridade e fagas o que fagas se eres detido a acusación será sempre de atentado á autoridade, e claro esto non é unha broma porque depende do que crea o xuiz que toque, a sentencia pode traducirse neses 3 anos de cadea, bastantes máis que os dos banqueiros de Nova Caixa Galicia que iso si que ten máis que ver cun atentado, planificado, organizado e dañino contra a cidadanía e o país. 

E digo isto con algún coñecemento de causa, cando unha día, da era democrática por certo, cantando o himno galego despois dunha concentración, pacífica por suposto, na praza do Toural compostelá  sentín polas costas que unha ferrea mán agarrábame do xersei, intentei zafarme máis por instinto que por outra cousa, ridícula idea ante aquel cachas uniformado que neste caso nin esvarou  e rematei con varios compañeiros máis ante un xuiz acusados de atentado a autoridade. De algo había que acusarnos, ata por cantar o himno, e aquí, entón, voltaba aparecer a fatídica acusación. Neste caso tivemos a sorte que nos tocou un xuíz que xa debía de estar de volta desta matraca policial e soltounos a todos.

Por iso o de “atentado” non pode utilizarse tan á lixeira como as leis parecen facelo, e debe desaparecer aproveitando a esperada abolición da actual lei mordaza, substituído por unha denominación máis axeitada ás características desta conflitividade social onde, en tal caso, os actos agresivos que poidan suceder nada teñen que ver con atentados, debendo darlle  a estes o seu xusto valor que nunca poden caer nunha desmesura igualable á barbarie dos atentados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.