A lección de Chévere en Madrid

Os visitantes do Museo do Prado, en Madrid, teñen ao seu dispor un impreso que explica a disposición das salas nesta magnífica pinacoteca. Iso si: os galegofalantes non van ter a sorte dos italianos, por exemplo, que atoparán a folla na súa lingua. Entrando despois na moi recomendábel mostra Metapintura. Un viaje a la idea del arte, aberta até o 19 de febreiro, o único rótulo alusivo ao seu país que atoparán os visitantes galegos utiliza o topónimo (non oficial) La Coruña. E todo isto sucede nun organismo público financiado en parte cos impostos que paga a cidadanía, da cal non forman parte os afortunados turistas italianos.

Mentres tanto, os medios mainstream recibiron con escándalo a desaparición do castelán do sitio web da presidencia dos EUA. O executivo español limitouse a emitir unha nota do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, o 23 de xaneiro, observando que tal retirada “no es una buena noticia”. O 9 de febreiro, a Real Academia Española amosou a súa “preocupación”. Semella, porén, que a institución dirixida por Darío Villanueva non reparou en que non se actualizan en galego os sitios web, por exemplo, do Senado (que a Constitución define como “cámara de representación territorial”!) ou da presidencia do Goberno de España. Porén, ambos están sostidos cos impostos pagados tamén polos galegofalantes.

É significativo, a maiores, o caso da compañía aérea Norwegian, que decidiu rotular un dos seus avións co lema Rosalía de Castro – Spanish author acompañado dunha imaxe da autora. Ningún dos medios que salaiaron polo español en Washington amosou o máis mínimo interese por apoiar a petición, lanzada desde Galiza, de afinar no lema a nacionalidade da homenaxeada, substituíndo “Spanish” por “Galician”. Algún medio dixital mesmo se referiu a esta iniciativa como mera “campaña nacionalista” e non como un acto de rigor e de xustiza verbo dunha escritora canónica do sistema literario galego.

Curiosamente, nas Naves del Español do Matadero Madrid, un interesantísimo centro de creación contemporánea xestionado por unha empresa pública do concello, puido verse, entre o 19 de xaneiro e o 5 de febreiro, Eroski Paraíso, de Chévere. A obra foi representada en versión orixinal con subtítulos en español e foi acollida polo público con entusiasmo, non só pola soberbia actuación de Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, senón tamén, intúese, por poder gozar dunha deliciosa e intelixente comedia sen as habituais adulteracións lingüísticas, por completo impropias dun país culto e disque federalizado.

Hai pouco, Ramiro Vidal constataba que “é o povo galego quem abandona a língua. Nom é umha aspiraçom socialmente partilhada o recuperar, dignificar e normalizar a língua”. Quizais por iso nos resulte tan extemporáneo presentarmos unha queixa no Prado, tan forzado amosarmos unha elegante indiferenza ante os ataques de Trump ao español, tan difícil explicarmos en Oslo que Galiza existe. E quizais por iso debamos agradecer a gallardía de Chévere, que en Madrid, sobre un escenario, soubo como superar dous atrancos: o do complexo institucional-mediático de favorecemento e imposición do castelán, e o da nosa cativeza colectiva.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.