O franquismo ten poder e oculta os crimes

Ultimamente, están saíndo á luz, un gran número de criaturas arrebatadas a nais republicanas presas nos cárceres, ou usurpadas cumprida a pena de morte. Tamén foron vítimas de rapto, a prole de mulleres pobres. Na posguerra pasábase fame, as nais eslombábanse traballando para levar algo de comer a casa. Mesmo así a pobreza abondaba e era como un delito. En especial para as mulleres que daquela non tiñan dereitos, e as pobres, menos. Non era difícil requisarlle as fillas co pretexto de teren mellor vida. Casos habería nos que o matrimonio que adoptaba e pagaba, ignoraba a enganosa procedencia. Pero  foron adoptadas ilegalmente cando estaban baixo a tutela de monxas nos conventos, ou de caritativas asociacións cristiás. Como a Maternidade Peña Grande, en Guadarrama, que funcionou desde 1940 até 1975.  Calcúlanse unhas trinta mil bebés os que ignoraron a súa procedencia.

A democracia foi serodia para as españolas, que estiveron baixo o xugo  da crueldade e a humillación, non só durante a ditadura, senón despois. Grazas a testemuñas de moitas que agora declaran, e libros como Desterradas Hijas de Eva, de Consuelo García del Cid, imos coñecendo os Centros fascistas de Auxilio Social, ou Patronato de Protección a la Mujer. Unha farsa! Eran Colexios relixiosos, Orfanatos, Reformatorios, Maternidades, ou Preventorios. Lugares que eran verdadeiros cárceres, onde non só carecían de liberdade, senón que eran golpeadas e insultadas.

O medo propio, unido ao das familias e o da sociedade, conseguiu a ocultación deste horror, como tantos daquela etapa. O silencio, que xa teño denunciado noutros escritos, corrobora que o franquismo aínda ten moito poder neste país. A transición, tan ponderada, foi un paripé que deixou no poder os participantes na ditadura, e afianzou a Monarquía. (Acabamos de comprobar estes días de que maneira!) Os partidos chamados de “esquerda” non denunciaron nin denuncian os crimes desa época. Non se abren os arquivos do goberno, os militares ou os de Falanxe e da Sección Feminina, dirixida por Pilar Primo de Rivera, que quixeron casar con Hitler. Esta falanxista desprezaba totalmente as mulleres.

Os Reformatorios, como o nome indica, partían da base de que cumpría “reformar”, “corrixir” a mozas que non tiñan o comportamento debido. Debido pola imposición relixiosa, que implantaba o modelo nacional da muller instruída para casar, parir e coidar. Mulleres abnegadas e sufridoras. Nin cantar, nin bailar, nin gozar era propios de mulleres boas.

As monxas, como as Agustinas que rexentaron o Reformatorio de Baeza, desde 1940 a 1976, no que un día desapareceron temendo que se tomasen represalias, as Adoratrices e tantas outras ordes relixiosas implantaban un réxime de terror nos conventos onde encerraban as mociñas e as corrixían con golpes, insultos, malleiras, mala alimentación e toda unha serie de torturas que, máis que inculcarlle os principios de comportamento do réxime, parecían facilitarlle ás “monjitas” os obxectos do seu sadismo. Algúns duraron até 1984.    

Nos Preventorios, como o do Doctor Murillo en Guadarrama, separaban as nenas das familias, coa pretensión de mellor atención ou de illalas de tuberculosos que houbese na casa, na familia ou no pobo. Nestes Centros, ademais dunha bazofia de comida, padecían abusos físicos, psíquicos e sexuais, explotación laboral ou utilización en prácticas médicas dubidosas.

En todo o mundo son coñecidas os exercicios de terror nazi e os Campos de Concentración. Son moitas as películas que narran aquel horror. Sabemos o nº e os datos das vítimas, circunstancias que todo o mundo está obrigado a coñecer en Alemaña, e o alumnado debe visitar, acompañado de profesorado, os lugares onde se explica todo o proceso. Os nosos lugares de enterramento, de concentración e tortura, os nosos cárceres, mortos, persoas paseadas, o sucedido na posguerra, todo permanece oculto e cando se airea, queren facelo pasar como algo puntual e non se lle dá valor, non se relaciona con outros asuntos equivalentes, non se chega á totalidade dun réxime ditatorial que impuxo a súa lei con violencia e obrigou ao silencio sobre a realidade por medo colectivo.

Xa pronto serán 80 anos de Tardofranquismo, a situación fraudulenta que vivimos neste país, á que aínda hai quen chama “democracia”. Que non se enganen os que agora botan por ela, e seducen con discursos de cambio político. Mentres non limpemos as cloacas, a corrupción, a mentira e as ratas non permitirán unha vida digna. Hai que poñer a historia a clareo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.