0 Gardados para despois

Xosé María Torres

O escuro mundo das ONG

É un tópico asentado nalgúns sectores da sociedade o de mirar con desconfianza á actividade das ONG; curiosamente ese receo provén tanto do lado ultraconservador como da extrema esquerda política e incluso sindical; no ámbito galego, non é estraño percibir esa mirada maliciosa desde unha parte do mundo nacionalista. Nada novo baixo o sol.

Por iso, non deixan de sorprender artigos, como o de Las falsas ONGs españolas en África -difundido nun medio dixital de alento conservador- que denunciaba  o pasado mes de outubro condutas indesexables por parte do líder nunha suposta ONG en Senegal, de estafas económicas que se fan a voluntarios desinformados e outras experiencias negativas, casos que, afortunadamente, non reflicten a xeneralidade do sector.

Con todo, hai propostas que deberían terse en conta, como a que suxire un rexistro onde consultar os datos económicos dunha ONG, pois unicamente hai controles públicos daquelas ONG que reciben subvencións públicas; é certo que esta benéfica proposta debería  facerse tamén  sobre as asociacións de veciños, as asociación culturais ou sobre calquera clube de fútbol…pero choca coa liberdade de funcionamento que hai en España, que impide controles públicos -salvo o xudicial- sobre unha entidade privada. Un dilema clásico.

Pero hai unha acusación que non se poderá facer ás ONG de cooperación internacional: a de falta de transparencia, pois desde hai máis de 10 anos, a Coordinadora española de ONGD (isto é, as ONG dedicadas ao Desenvolvemento e á acción humanitaria) publica un informe exhaustivo sobre 76 ONG e 17 coordinadoras autonómicas, entre elas a galega; trátase de datos obxectivos, tanto económicos, como do persoal ou a base social das ONG, sempre cunha perspectiva de xénero, ollada que non oculta autocríticas; tamén dos proxectos que executa e onde se desenvolven, dos tipos de actividade que realizan e do número de persoas ás que benefician os proxectos. E logo difunde os datos individuais de cada entidade, de acceso libre.

Outros poderán analizar polo miúdo estes datos, e afondar en cada un deles, pero a porta está xa aberta; e está aberta tras un esforzo grande, que non debe ser minusvalorado, que esixe meses de traballo, cómputo e análise, pero que ano tras ano a Coordinadora española de ONGD vai cumprindo. Oxalá outros sectores, xa non do ámbito solidario, senón do sector non lucrativo tiveran esta mesma transparencia e rendición de contas!

 

Datos salientables

O informe deste ano, aparecido hai escasas semanas, presenta os datos de 2015:

  1. Por ingresos, destacan Oxfam Intermón, Acción contra a Fame e Mans Unidas, que declaran 89, 86 e 45 M€ respectivamente
  2. As achegas económicas privadas superan aos fondos públicos: 299,7 M fronte a 198,8 M€, dato que desminte unha das acusacións máis habituais. As achegas privadas aumentaron un 30% de 2013 a 2015, mentres as públicas decreceron ao nivel máis baixo dos últimos 10 anos.
  3. As ONGD invisten 500 M€ que se executan en 105 países e benefician a 35 millóns de persoas.
  4. Un total de 8.400 persoas traballan no sector (70% mulleres), ás que deben unirse 20.000 voluntarias.
  5. 2,4 millóns de persoas contribúen de algunha maneira coas ONGd.

Outros datos, xa cualitativos, amosan os ámbitos de traballo das ONGD , indicando como contribúen ao tecido social en España, con redes moi ben organizadas e presenza activa en moitas mobilizacións sociais e de conciencias, e como fan as intervencións noutros países, onde sorprenderá que a maior parte se fai con persoal local, fuxindo da imaxe tópica do cooperante en potente 4x4 no medio da selva.

É preciso indicar que quedan fora deste informe grandes ONG como Médicos Sen Fronteiras, voluntariamente excluída do traballo conxunto, e outras como Amnistía Internacional ou Greenpace, por pertencer a sectores diferentes da cooperación, en concreto os dereitos humanos e o medio ambiente, respectivamente. Dito sexa para aclarar o alcance do informe.

Queda moito por facer. Segundo o último eurobarómetro coñecido, o 93% da poboación española apoia a cooperación internacional, pero só 2,4 M de persoas colaboran con estas entidades, en torno a un 5% que sobe ao 15% se sumamos as restantes ONG de todos os ámbitos que conforman o sector non lucrativo. Moi baixo fronte ás cifras do 50% habituais en Franza, Inglaterra, Alemaña ou Italia.

Non estaría de máis algunha axuda indirecta por parte dos gobernos para poder crecer nese apoio popular; nese sentido, a actual lei do mecenado española aliñouse coas medidas existentes noutros países europeos, aumentando as raquíticas deducións no IRPF que existían; na actualidade, grazas a esta nova lei, por debaixo dos 150 € de doazón anual, a dedución pode chegar ao 75%.

Queda moito por facer, si, pero este informe é unha das bases para sustentar e gañar confianza no sociedade: a transparencia.

Acerca de Xosé María Torres