O cristo dos tempos modernos

Dende que no 2001 os presidentes do Goberno de España e da Xunta de Galiza na altura, José María Aznar e Manuel Fraga respectivamente colocasen a primeira pedra do AVE galego, as promesas de finalización da monumental obra non fixeron máis que sucederse e incumprirse a alta velocidade.

Porén, o "cristo dos tempos modernos" fixo parada en Galiza fai xa moito tempo, e dende entón son moitos os galegos e galegas que sofren as consecuencias. Este é o caso dos veciños e veciñas da parroquia de Isorna, no concello coruñés de Rianxo.

Por alí pasa o eixo atlántico de alta velocidade que enlaza A Coruña con Vigo e que deberá enlazar con Madrid dende Santiago de Compostela cando o total das obras finalicen. Esta liña, de “tren rápido” non de AVE, foi inaugurada ás presas o 30 de marzo do ano 2015, oito anos máis tarde do que estaba previsto cando comezaron as obras. Ademais disto, foi inaugurada sen estar finalizada e sen que funcionara o sistema de seguridade ERTMS que desgraciadamente tan famoso se fixo logo do accidente de Angrois por non estar activado.

O comezo das obras supuxo para moitos veciños e veciñas a expropiación definitiva ou temporal das súas fincas para a realización das obras do viaduto construído sobre o río Ulla que enlaza os concellos de Catoira e Rianxo.

Nese momento a empresa concesionaria das obras comprometeuse a devolverlles os terreos no seu estado orixinal cando finalizaran os traballos. Nada máis lonxe da realidade. En agosto do ano 2015, xa inaugurada a liña de “tren rápido”, os veciños comezaron a recibir por correo a comunicación do remate das obras e replanteo das fincas. Cando se achegaron até a zona atopáronse coa desagradable sorpresa de que os terreos non estaban ben delimitados, carecen de accesos e atópanse en moi mal estado, xa que as augas non están canalizadas, o que fai á súa vez que os marcos que puxeron no seu día para delimitar as fincas corran ladeira abaixo cara o río cando a barro e a terra que acaban no fondo do cauce do Ulla, a pesar de que esta tamén era unha das indicacións recollidas na resolución de 17 de marzo de 2003, da Secretaría Xeral de Medio Ambiente, pola que se formula declaración de impacto ambiental sobre o “Estudo informativo do proxecto de acceso ferroviario a Galiza. Eixo Ourense-Santiago”.

Debido á erosión do chan logo de non cumprir co prometido, e á inexistencia de canalizacións, a pouca terra que quedaba nas parcelas afectadas pola ocupación temporal desaparece coas choivas e acaba no río. Canda a terra viaxan os marcos que puxeron para delimitar as fincas, uns cilindros de formigón de escasa profundidade dos que quedan poucos na súa posición orixinal. Ademais disto, cómpre sinalar a denuncia de moitos veciños que apuntan que non se fixo coa terra retirada algo semellante ao que se indicaba na resolución antes citada, senón que pola contra, moito do material retirado era directamente volcado no mar.

O cristo dos tempos modernos fixo parada en Isorna, trouxo progreso, levouse as terras, os marcos, os camiños, levou a memoria de moitos veciños que atónitos teñen que convivir cunha vías soportadas por uns piares monstruosos polas que pasa un tren que no que nunca viaxarán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.