0 Gardados para despois

Xabier Ron e José Javier Cuenca

A LOMCE e a anomalía dos concertos educativos, cara ao 9M

No ano 2013 nacía o primeiro borrador da que sería a máis polémica de todas as reformas educativas do Estado español: a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). Esta lei foi deseñada e aprobada en solitario polo Partido Popular, co ministro Juan Ignacio Wert á cabeza, a pesar das constantes protestas do estudantado, das ANPAS e do profesorado.

Non era para menos, xa que o que en principio pretendía ser unha serie de inocentes modificacións da anterior lei educativa acabou sendo a porta de entrada para que as políticas neoliberais colonizaran os espazos públicos do sistema educativo; convertendo así o dereito fundamental á educación nun negocio perverso e lucrativo, como explicaremos máis adiante.

Ademais, moitos dos cambios propostos supoñen unha evidente diverxencia respecto ao que consideramos o que debe ser un sistema educativo universal, inclusivo e laico. Sirva como exemplo o artigo 1.61; nel dáse rango de lei á subvención con diñeiro público a  centros que segregan por sexo.

Como resultado das constantes presións da Igrexa católica, a materia de relixión (que en realidade debería chamarse "doutrina católica") acabou quitándolle o posto ás materias que impartían valores éticos e sociais. Se a esta medida lle engadimos a reaparición das reválidas ou a imposición do castelán sobre o resto de linguas oficiais, o panorama non é moi diferente ao que crearía unha lei educativa durante a ditadura franquista.

O goberno do Partido Popular pretendía dotar á LOMCE dunha dobre carga ideolóxica: non só a que provén da herdanza do franquismo, senón a que deriva da adoración ás leis do mercado que sublima o neoliberalismo

Semella claro que o goberno do Partido Popular pretendía dotar á LOMCE dunha dobre carga ideolóxica: non só a que provén da herdanza do franquismo, senón a que deriva da adoración ás leis do mercado que sublima o neoliberalismo. Así, podemos entender que a LOMCE inclúa no seu texto a cesión de solo público para a patronal privada. O que se pretende é avanzar no carácter competitivo dos centros concertados, deixando de lado a subsidiariedade coa que naceron, supostamente, os concertos educativos.

Vexamos que acontece no caso das escolas infantís e de primaria no conxunto do territorio galego. Tomando como fonte os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) elaboramos un par de gráficas nas que amosamos a serie temporal que compara o número de persoas usuarias do sistema público e do privado. Somos conscientes de que se queremos afondar nos detalles é precisa unha análise máis rigorosa; no entanto, para o razoamento que queremos expoñer son perfectamente válidas e significativas.

Se nos fixamos, o número de persoas usuarias da educación privada en Galicia mantense case constante ao longo do tempo, agás unha caída xeneralizada a partir do ano 2013 (posiblemente debido a efectos poboacionais que quedan fóra deste artigo), mentres que o número de persoas usuarias da educación pública foi medrando ata 2013 e sendo máis do dobre respecto á privada.

Algo semellante acontece coa educación primaria, onde observamos que o número de persoas usuarias da privada é constante e a pública é usada por case o dobre de alumnos e alumnas. É necesaria entón a cesión de infraestruturas e espazos públicos para a ensinanza privada? A resposta obvia semella que non. Atopámonos aquí cunha anomalía: a escola concertada non é subsidiaria da educación pública, senón que é exerce unha competencia directa patrocinada desde as administracións educativas públicas. 

En efecto, este noso país está cruzado de anomalías que desvirtúan, ao entender dos autores, a calidade dos nosos servizos públicos, a igualdade que deben garantir as administracións públicas a todas as persoas, en definitiva a saúde e fortaleza da nosa (delicada) democracia (cada vez máis entregada ás oligarquías dominantes).

O que antes se garantía de forma gratuíta a través dun proceso redistributivo dos impostos e desde os orzamentos, agora se converte en valor de cambio para un mercado desexoso de ir colonizando espazos públicos

Como advertía David Harvey, o capital precisa converter os valores de uso en valores de cambio, isto é, o que antes se garantía de forma gratuíta a través dun proceso redistributivo dos impostos e desde os orzamentos, agora se converte en valor de cambio para un mercado desexoso de ir colonizando espazos públicos que, ata non hai moito, aínda se mantiñan, dalgunha maneira, a salvo da cobiza do capital. É a espiral da acumulación do capital, que non é outra cousa, como ben sinala Harvey, unha historia de desposesión.

Os asesores economistas e outros apóstolos do mercado esnaquizando as perspectivas de igualdade a través da aplicación cega de teses -falaces- neoliberais, que nunca melloraron nada, senón que tiveron o efecto contrario ao incrementaren a fenda da desigualdade entre as persoas deste planeta. Elocuente, nesta óptica, o desastre que provocaron as famosas curvas de Kuznets e de Laffer, sobre as cales recomendamos a lectura do traballo recente de Marco Revelli, La lucha de clases existe...¡y la han ganado los ricos! (Alianza Editorial, 2015).

A anomalía á que nos referimos, e que contribúe a desbaldir a capacidade do ben común para enriquecer intereses privados, é a dos concertos educativos. Anomalía que responde á negativa herdanza da ditadura franquista. Unha anomalía que manifesta os intereses de clase da institución católica e relixiosa en xeral. Unha anomalía que xa non responde ao fin coa que supostamente naceu: a subsidiariedade con respecto á educación pública.

A anomalía á que nos referimos, e que contribúe a desbaldir a capacidade do ben común para enriquecer intereses privados, é a dos concertos educativos

Os Acordos do Vaticano de 1979, fraguados en tempos preconstitucionais, renovaban con vigor o Concordato franquista de 1953. Tarefa inútil mesmo mencionar que, a pesar de existir unha alusión a que a Igrexa debe tender á súa propia sustentabilidade (artigo 2.5), o certo é que o pan da curia untouse con profusión con diñeiro público e exencións e privilexios de todo tipo. Un deses privilexios, para o que se usa a falacia da liberdade relixiosa, é a de concertar centros privados para que, aínda mantendo o seu ideario dogmático e sectario, podan sosterse: diñeiro público para manter intereses privados. Ademais, cómpre sinalar que manteñen unha dobre vía de financiamento ao reclamar, si ou si, ás familias certas contías económicas para provisionar distintos aspectos e servizos.

Nada obriga ao mantemento dos concertos educativos hoxe, e moito menos a incrementar unidades concertadas e orzamentos ano tras ano, cando a educación pública sofreu, de forma paralela, un castigo constante en recursos persoais e materiais, ademais de ter que aturar a aplicación dunha mala lei educativa como a LOMCE, que levan a convocar con toda xustiza unha Folga Xeral o día 9 de marzo.

A grandes trazos, o número de alumnado matriculado na concertada mantense estable, e, non obstante, a dereita en Galicia incrementou as unidades concertadas, pasando de 3.837 unidades no 2015 a 3.892 no 2017, pasando polas 3.853 do 2016. Para non sermos acusados de extremistas, empregamos os datos oficiais do Plan Galego de Estatística a propósito do ensino non universitario.

Vemos como se incrementa, exercicio tras exercicio, o orzamento dedicado aos concertos nas súas diferentes etapas educativas. En efecto, pasamos dos máis de 236 millóns de euros do 2015 aos máis de 260 millóns do orzamento do 2017

De forma simultánea vemos como se incrementa, exercicio tras exercicio, o orzamento dedicado aos concertos nas súas diferentes etapas educativas. En efecto, pasamos dos máis de 236 millóns de euros do 2015 aos máis de 260 millóns do orzamento do 2017, sendo máis de 243 millóns o do exercicio 2016. A variación é de 23 millóns en dous exercicios, sendo a diferenza máis acusada entre o 2017 e o 2016, cun incremento en case 18 millóns de euros. Nada o xustifica. Un incremento que se destina a educación infantil, a primaria-ESO e a FP principalmente. Perigosas as etapas de educación infantil e FP, onde se crean ciclos que non oferta a pública en números suficientes.

Os datos xerais, a nivel de estado, tamén fan reflexionar: pasamos dunha provisión polo sistema público dun 92% no curso 1990-1991 a un 67% no curso 2010-2011. Indicio claro de que a subsidiariedade se converteu en competitividade. Por iso, é urxente que o executivo proceda a realizar unha auditoría dos centros privados concertados para verificar que non compite cun centro público da mesma localidade ou contorna. En caso de que sexa un centro competidor debe procederse a anular o concerto educativo.

Pasamos dunha provisión polo sistema público dun 92% no curso 1990-1991 a un 67% no curso 2010-2011. Indicio claro de que a subsidiariedade se converteu en competitividade

Son moitas as razóns que podemos invocar para demostrar a necesidade da folga xeral convocada para o 9 de marzo. Os autores incidimos en dúas delas, a existencia da LOMCE, que debe ser derrogada con urxencia, para que se elabore un texto que conte co aval da comunidade educativa, e a dos concertos educativos, cuxa existencia lastra as posibilidades da educación pública. 

O 9 de marzo defendamos a pública!

Acerca de Xabier Ron e José Javier Cuenca

Xabier Ron: Docente, Responsable de Elaboración Programática de Esquerda Unida. Ex deputado de AGE. Investigador.

José Javier Cuenca: Físico, investigador na USC. Coordinador da Área de Educación de Esquerda Unida Compostela.