0 Gardados para despois

Laureano Araujo

Macron presidente e a esquerda desaparecida

A socialdemocracia arromba as súas mellores cabezas. A súa renuncia a un programa neokeynesiano favoreceu durante décadas o neoliberalismo. Agora, cando a degradación da democracia, a desigualdade, a desprotección social e a inseguridade auguran unha incerta fin de ciclo, podería ser o momento do populismo e do extremismo de dereitas. Non queremos crelo, pero tampouco quixemos crer na derrota de Hillary Clinton nas eleccións presidenciais norteamericanas de novembro de 2016.

O 23 de abril, a Fronte Nacional vai gañar a primeira volta das eleccións presidenciais francesas. O impacto na opinión pública será brutal. Algúns episodios recentes –o Brexit ou a victoria de Donald Trump, por exemplo– certifican a laminación da democracia, o auxe do extremismo e o cuestionamento radical do europeísmo. Así que a posibilidade de que Francia acabe gobernada por Marine Le Pen desatará unha vaga de preocupación e escándalo, tamén entre os que defenden unha ortodoxia económica e mais unha enxeñaría social que, se algo auguraron sempre, é precisamente este pesadelo.

O segundo lugar vaino ocupar Emmanuel Macron, quen, tras a desfeita de Les Républicains por mor dos problemas xudiciais do seu candidato ultraconservador, François Fillon, logrará atraer cara á súa atractiva persoa o apoio da cidadanía que rexeita a Le Pen. Na segunda volta das eleccións, o 7 de maio, a mobilización deste voto refractario á Fronte Nacional levará a Macron ao Elisio. A opinión pública respirará aliviada e a vida continuará. Fin da historia e business as usual.

Pero como é posíbel que Francia, un dos berces da democracia, corra o perigo de caer nas mans dun partido como a Fronte Nacional? A clave da resposta podería estar na axenda política implementada polo presidente François Hollande, que incluíu un programa de austeridade fiel á ortodoxia europea. As tensións internas na súa formación, o Partido Socialista, provocaron desercións tan dramáticas como a do brillante titular da carteira económica, Arnaud Montebourg, no verán de 2014.

Montebourg, precisamente, describe a globalización neoliberal como un sistema extremista e inhumano que atrapa os traballadores nunha enorme poxa á baixa cuxo resultado son as deslocalizacións, o desemprego, a diminución dos salarios e a progresiva liquidación dos sistemas de protección social. Que as clases populares e medias se sintan estafadas non ten nada de estraño, como tampouco o ten que, en ausencia dunha socialdemocracia digna de tal nome, estas clases se volvan receptivas ás mensaxes populistas, que explotan a estendida percepción da política como inútil e das elites como faltas de empatía.

Que debemos esperar de Emmanuel Macron? Curiosamente, este millonario cunha excelente formación filosófica (traballou nada menos que con Paul Ricœur) foi o sucesor de Montebourg no executivo, posto do cal el tamén dimitiu dous anos máis tarde. Agora lidera o movemento En Marche!, cuxo exiguo programa, coidadosamente redactado para captar o voto do centroesquerda e do centrodereita, reflicte o perfil de Macron, un sofisticado énarque social-liberal que pasou como socio xerente pola banca de negocios Rothschild & Cie Gestion e chegará á presidencia da República como un mal menor. Mentres, seguimos á espera dunha esquerda unida europea que deixe de decapitarse.

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Ten varios traballos publicados, pronunciou conferencias e organizou cursos universitarios sobre diversos temas políticos e culturais. Traduciu a Thomas Mann (A morte en Venecia) e a Heinrich Böll (Opinións dun pallaso), e é autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.