Feminismo e clase. Unha reflexión logo dun novo 8M

A historia das mulleres é a historia das clases e a súa loita. Non o é, polo tanto, un fenómeno circunscrito ás dinámicas sistémicas do noso tempo nin, por ende, existe a posibilidade de a concibir allea na eterna pugna entre desposuídos/as e privilexiados/as.

A revolución bolxevique, a II República, a ondada revolucionaria do sesenta e oito... momentos nos que a correlación de forzas resultou favorable ás (clases) traballadoras no seu conxunto, coinciden paralelos aos dos maiores avances en materia feminista.  O ascenso dos fascismos, a reacción neoliberal e as consecuencias do “fin da historia”, pola contra, camiñan da man coetáneos da súa propia regresión

A brecha que nos nosos días converteu á muller na máis barata das forzas de traballo e/ou a relegou ao papel de coidadora precaria perante a desaparición dos dereitos sociais e laborais máis básicos, estanos a mostrar ás claras que a dicotomía resultante dun sistema que xa non é quen de responder ás necesidades da maioría e a loita contra o patriarcado e a cuestión de xénero, están profundamente interrelacionadas, en tanto que a explotación específica das mulleres é clave para o mesmo, froito do papel que estas manteñen coma produtoras e reprodutoras da máis esencial das mercadorías, isto é: a propia forza de traballo.

Coma consecuencia, a emancipación das mulleres non poderá realizarse nunca no seo da primacía do mercado coma axente regulador, en tanto que a devandita opresión patriarcal é consubstancial ao mesmo.

O qué facer non é sinxelo, mais resulta evidente que se o sistema e o patriarcado van da man na procura da súa supervivencia, o mesmo deberían facer as loitas que se lles opoñen, pois a necesidade de espazos de reivindicación específicos ou o feito de que a opresión de xénero teña un carácter transversal, non está rifada con recoñecer que a loita contra o patriarcado implica necesariamente a loita contra o conxunto do sistema aínda que non se reduza a ela.

Do mesmo xeito, abordar consecuentemente a plena integración da loita feminista é unha cuestión imprescindible para o rearme da clase traballadora. Porque se morta nacería a reivindicación feminista que non fuxira da igualación formal de oportunidades no marco da escravitude salarial, a fin da súa superación cara a un modelo de produción no que as capacidades creativas da humanidade estean ao servizo das súas necesidades e non das da maximización do beneficio; a loita de carácter social que non recoñeza ou reste de valor á loita feminista estará tamén abocada ao fracaso do que debería constituír o seu obxectivo último, isto é; a liberación de clase e a fin da explotación do “home polo home”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.