0 Gardados para despois

Pablo J. González Novoa

A Coruña, 5.700 novas vivendas para que?

As 5.700 vivendas proxectadas na fachada marítima de San Diego e os 377.000 metros cadrados que o Porto pretende desafectar están hoxe a ser o runrún da cidade da Coruña. Un proxecto que o Porto trata de vender pola necesidade de financiamento tras as desastrosas obras do Porto Exterior da Coruña, onde se gastaron 1.000 millóns de euros, 600 máis dos 400 previstos a base de sobrecustes e descontrol administrativo.

Unha venda de terreo público para recadar entre 85 e 250 millóns de euros pero con dificultoso encaixe na demanda social

Unha venda de terreo público para recadar entre 85 e 250 millóns de euros pero con dificultoso encaixe na demanda social. Un proxecto apoiado pola Confederación de Empresarios co construtor Antonio Fontenla á cabeza, o cal xa prexudicou á cidade sendo a figura detrás das irregularidades de Someso que derivaron en 28,5 millóns en perdas patrimoniais para o Concello en forma de indemnizacións, que hoxe fala da nova venda de terreo público en termos de “procura do ben común e a xeración de emprego e riqueza", procurando “o crecemento económico e a cohesión social”.

 

Xeración de emprego, riqueza, crecemento económico e cohesión social: Lei Galega de Dereito da Vivenda

O certo é que a creación de emprego debe ser a prioridade absoluta na cidade pero a acción especulativa no Porto sobre espazos estratéxicos non augura outra riqueza que a dos construtores e as posibles mordidas.

Proxectos como o de San Diego son os que fixeron que na actualidade o patrimonio arquitectónico coruñés estea repleto de edificios abandonados e sen uso

A cidade precisa dun tecido industrial e unha economía social e diversificada que 5.700 vivendas de nova construción non van a traer. A Autoridade Portuaria no canto de exercer labores propias dunha promotora urbanística privada debera de centrarse en aumentar a actividade, o tráfico marítimo e proxectos como o da conversión do Peirao do Centenario ao tráfico de contedores, que suporía a creación de 3500 novos postos de traballo.

Proxectos como o de San Diego onde terreos públicos se contemplan como “potenciais mercadorías edificables a través das que obter plusvalías para o sector privado” son os que fixeron que na actualidade o patrimonio arquitectónico coruñés estea repleto de edificios abandonados e sen uso. Optar pola nova construción de luxo no canto da rehabilitación provocou que na cidade da Coruña haxa máis de 19.000 vivendas baleiras segundo o IGE, o que supón un 14,2% do total.

Por este motivo non ten sentido proxectar o parque de vivendas máis grande da historia. O conxunto das administracións doutra banda si deberan de poñer o seu empeño na rehabilitación e a liberación de aquelas que se atopan en mans dos bancos e son materia de mercadeo con fondos buitre. A cohesión social non se acada vendendo terreos públicos coa escusa da mala xestión e sobrecustes, acádase con políticas que respondan ao interese social.

As administracións locais, infradotadas de recursos, son as que, en primeira instancia, reciben o impacto social da situación económica pero en materia de vivenda están lastradas pola falla de medidas da administración autonómica

As administracións locais, infradotadas de recursos, son as que, en primeira instancia, reciben o impacto social da situación económica pero en materia de vivenda están lastradas pola falla de medidas da administración autonómica. Hoxe precisamos ante todo unha lei autonómica que permita ás corporacións locais actuar. O modelo desta lei autonómica a atopamos en Cataluña, onde as corporacións locais iniciaron procedementos sancionadores para os bancos que manteñen pisos baleiros, dado que na devandita Comunidade Autónoma hai marxe legal para iso. Especialmente nos seguintes puntos:

  • O artigo 41 da Lei 18/2007 de Dereito da Vivenda de Cataluña (LDHC) establece como utilización anómala dunha vivenda a súa desocupación permanente e inxustificada. Así mesmo, no seu terceiro punto, dispón que nestes supostos a administración competente deberá abrir un expediente administrativo para realizar os actos de instrución necesarios para determinar, coñecer e comprobar os feitos sobre os que haberá de ditar unha resolución.
  • O artigo 42 do mesmo texto lexislativo enumera diversas medidas que as administracións han de adoptar para evitar a desocupación permanente de inmobles. Tales como: a aprobación de programas de inspección; a facilitación de garantías aos propietarios de inmobles baleiros sobre o cobro das rendas e a reparación de danos; o impulso de políticas de fomento da rehabilitación de vivendas en mal estado; a posibilidade de ceder os inmobles á Administración Pública para que os xestionen en réxime de aluguer; e a adopción de medidas de carácter fiscal, tanto de fomento como penalizadoras.
  • Así mesmo, o artigo 123.1 tipifica como infracción moi grave manter a vivenda desocupada unha vez que a administración adoptase as medidas de fomento contempladas no precepto 42 e segundo os artigos 118.1 e 131 do mesmo texto normativo, esta ocupación pode ser sancionada con multas de até 900.000 euros.

Hai que destacar que, de acordo ao que establece o artigo 119, as cantidades obtidas haberanse de destinar ao financiamento de políticas públicas destinadas a garantir o dereito á vivenda.

O SAREB vendeu unha media 25 vivendas ao día entre xaneiro e xuño de 2016. Moitas destas vendas semellan facerse a fondos voitres e con danos para persoas que incluso adiantaron cartos para a súa compra

Esta lei é necesaria para reparar os máis de 50.000 millóns de euros en activos con que arrancou a SAREB (Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria) e que deberían ter constituído un formidable elemento para garantir o acceso a unha vivenda digna, dereito que recolle a tantas veces invocada como incumprida Constitución. O SAREB vendeu unha media 25 vivendas ao día entre xaneiro e xuño de 2016. Moitas destas vendas semellan facerse a fondos voitres e con danos para persoas que incluso adiantaron cartos para a súa compra. Vendas a prezos de saldo a grandes grupos de investidores especulativos e negativa tallante a pór a disposición das administración públicas o parque de vivendas transferido para o seu uso en réxime de aluguer social.

Precisamos acción por parte do Goberno de Feijóo, rehabilitación para aquelas das 19.000 vivendas baleiras da cidade que o precisen, compactar e revitalizar os barrios e non 5.700 novas vivendas privadas en terreo público

A gran banca creceu case un 10% o pasado ano, con 9.066 euros de beneficios entre os sete grandes no Estado e non caben escusas. Cunha lei na liña da LDHC os concellos gozarían de ferramentas para fomentar o dereito á vivenda e tratar de impedir que haxa pisos desocupados. Precisamos acción por parte do Goberno de Feijóo, rehabilitación para aquelas das 19.000 vivendas baleiras da cidade que o precisen, compactar e revitalizar os barrios e non 5.700 novas vivendas privadas en terreo público.

Acerca de Pablo J. González Novoa

Consello Político Local Esquerda Unida A Coruña