Unha boa cidadá europea pode vestir un ‘hijab’?

As relixións teñen tics antidemocráticos. Reclamar limitacións das liberdades individuais en nome dun deus é unha práctica que coñecemos demasiado ben como para non desconfiarmos dela. Por outra banda, moitos cidadáns conviven doadamente coa realidade das mulleres musulmás atrapadas nos costumes misóxinos das comunidades relixiosas reaccionarias a que pertencen, porque esta realidade encaixa á perfección nos estereotipos da nosa imaxe eurocéntrica do islam. Máis difíciles de entender son, pola razón contraria, as concidadás musulmás que voluntariamente se negan a ocultar a súa fe e teiman en levar posto un veo.

Unha sentenza da Gran Sala do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do 14 de marzo estabelece que unha empresa privada pode prever nunha norma interna unha política de neutralidade que prohiba o uso de signos políticos, filosóficos ou relixiosos por parte dos empregados que teñan trato cos clientes. Neste caso, a prohibición de exhibir símbolos relixiosos non sería discriminatoria, é dicir, non sería contraria á Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea, que protexe o dereito á liberdade de conciencia e de relixión, incluída a liberdade das persoas de manifestaren publicamente a súa fe.

O veo integral non deixa lugar a dúbidas: constitúe un atentado manifesto contra os dereitos humanos da muller e é causa de inseguridade no conxunto da cidadanía. Pola contra, o xador ou o hijab deixan a cara da muller ao descuberto e permiten unha acomodación compatíbel coa salvagarda dos valores democráticos, coa protección dos dereitos das musulmás á súa integridade moral e coa garantía da seguridade de todos. Cualificar de "islamófoba" a sentenza do TXUE é algo que só se entende no marco dun debate xa moi acalorado. O certo é que a sentenza ten o mérito de trazar unha liña alí onde ningunha liña pode ser trazada ao gusto de todos. Pero é unha sentenza intelixente?

Os populistas e os extremistas de dereitas aplaudiron a sentenza decontado, convencidos de que aumenta a presión sobre as musulmás para que renuncien aos seus costumes. Outros, máis moderados, pensan que a sentenza avala a súa pretensión de non verse expostos a símbolos que non comparten. Poucos repararon o suficiente en que o TXUE se refire a todos os símbolos relixiosos. Que pasará o día en que, en aplicación dunha norma interna como a prevista polo tribunal, unha empresa privada decida despedir un empregado que, no seu trato cos clientes, se nega a ocultar a cruz que lle colga do pescozo?

A moitas mulleres europeas, profesionais competentes e musulmás devotas, acaba de creárselles un grave problema. Son persoas que non supoñen perigo ningún para a nosa seguridade. É unha decisión sabia, nunha Europa cada vez máis diversa e inmersa nunha profunda crise de identidade, estigmatizar e marxinar estas mulleres? Evitarmos o autoritarismo relixioso non pode significar que os crentes sexan discriminados. E en Europa debemos ser particularmente respectuosos con aqueles que, lonxe de calquera radicalismo político, procuran ser incluídos. Si, unha boa cidadá europea debería poder vestir un hijab, se iso é o que quere e non atenta contra os principios da laicidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.