A eutanasia: que podemos esperar do PSOE?

No seu programa electoral para os comicios de 2004, o PSOE levou unha proposta de creación dunha comisión parlamentaria que debatese sobre o dereito á eutanasia e a unha morte digna. Despois, o presidente Rodríguez Zapatero distanciouse daquel compromiso, que de feito negou. Logo, a eutanasia desapareceu do programa electoral do PSOE de 2008. En xuño de 2011, xa contra o final do segundo mandato de Rodríquez Zapatero, publicouse o proxecto de Lei reguladora dos dereitos da persona ante o proceso final da vida, que na súa exposición de motivos descartaba a eutanasia dun xeito expreso e reiterado. O proxecto de lei decaeu pouco despois, cando foron disoltas as cámaras e convocadas as eleccións de novembro. Tampouco no programa do PSOE para as eleccións de 2011 se mencionou a eutanasia.

Nos seguintes programas, os de 2015 e 2016, o PSOE comprometeuse a promulgar unha lei de morte digna e de coidados paliativos e, se houbese un consenso ao respecto, a abrir o debate sobre a eutanasia. É obvio que considera que tal consenso non existe, porque hai pouco presentou unha proposición de lei reguladora dos dereitos da persoa ante o proceso final da vida que non comprende a eutanasia, e ademais impediu, mediante a súa abstención, a toma en consideración dunha proposición de Lei orgánica sobre a eutanasia presentada polo grupo parlamentario confederal de Unidos Podemos – En Comú Podem – En Marea.

Porén, todas as enquisas revelan que o rexeitamento da eutanasia é moi minoritario entre a cidadanía. En vista deste consenso social haberá que preguntarse cal é a razón de que o PSOE non se decida a avogar pola despenalización e a regulación axeitada da morte digna asistida. É posíbel que o PSOE non superase aínda o trauma da brutal mobilización do bloque católico contra Rodríguez Zapatero durante as súas dúas lexislaturas?

Nos poucos países que despenalizaron a eutanasia, as persoas que conseguen a autorización para elixiren o momento da súa morte séntense liberadas da angustia de pensaren na dor insoportábel e incontrolábel, na dependencia total e na perda da plenitude humana e da dignidade que as espera antes de morreren dunha doenza incurábel e para a cal non existen coidados paliativos. Tranquilízaas saber que a súa autonomía vai ser respectada tamén no final da súa vida e que, cando así o decidan, contarán cuns servizos médicos de axuda a unha morte digna asistida.

En España, pola contra, a eutanasia continúa castigada no artigo 143.4 do Código penal. Toda a cidadanía, con independencia de crenzas e ideoloxías, está así suxeita a unha lexislación que unicamente o bloque católico desexa conservar, cando o certo é que unha despenalización da eutanasia non lle impediría a ningún católico optar por morrer de acordo co postulado da súa igrexa de que o único propietario da vida é o seu deus. Son cousas que pasan nun Estado disque aconfesional como o noso cando o seu partido sistémico disque socialdemócrata amosa unha inconsistencia ideolóxica e programática tan penosa en materia de laicidade e unha desconexión tan preocupante verbo do electorado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.