0 Gardados para despois

Laureano Araujo

Soñan os androides cos sistemas de pensión?

Nas últimas décadas, a perda dunha parte moi importante dos postos de traballo non se debeu ás deslocalizacións, senón ás novas tecnoloxías. Agora, as economías avanzadas, como a suíza ou a xaponesa, están a amosarnos por onde continúa o camiño: pola senda da robotización. Hai cálculos que indican que, nun futuro próximo, até a metade dos postos de traballo actualmente existentes poderían ser desempeñados por robots.

No medio desta cuarta revolución industrial intensifícase –e non é casual– o discurso sobre a suposta insustentabilidade do sistema público de pensións, que recorre basicamente á pirámide poboacional: hai cada vez máis persoas que se xubilan e menos que traballan. Este vellísimo razoamento baseado sobre o determinismo demográfico nunca se verificou, pero segue a esgrimirse cunha teimosía que só se explica pola súa consecuencia: a necesidade de pasarnos pouco a pouco a un sistema de capitalización individual, é dicir, a un fiasco como o dos plans de pensión que os chilenos herdaron da ditadura de Pinochet e contra o cal houbo, o mes pasado, manifestacións masivas.

Os autores partidarios deste sistema adoitan ignorar sistematicamente un dato que saben que desarma o seu discurso: o da produtividade. Somos moito máis produtivos do que foron os nosos avós, e estamos moi lonxe da produtividade que terán os nosos netos, porque o impacto da robotización vai ser brutal. Porén, se houbo algo que historicamente negou os escuros augurios acerca do sistema de repartición foi precisamente a rendibilización social da produtividade. Con outras palabras: a clave da viabilidade do sistema público de pensións radica en aproveitarmos socialmente o aumento da produtividade, é dicir, en evitarmos que a produtividade engrose sobre todo os beneficios do capital.

E isto lévanos á conclusión principal: a opción por un sistema de repartición como o noso é financeiramente posíbel e só depende da nosa vontade política de que o Estado reapareza con forza como redistribuidor das rendas. Non se pode frear o avance tecnolóxico –automatización, robotización, intelixencia artificial–, pero si que se poden deseñar e implementar medidas políticas tendentes a evitar que o drástico aumento da produtividade que vai traer consigo se traduza na degradación do mercado laboral e no crecemento da desigualdade. É crucial revertermos as políticas de transferencia das rendas salariais ás rendas empresariais propias desta etapa neoliberal da globalización.

Acadarmos unha distribución xusta dos ingresos e garantirmos o funcionamento correcto do mercado son condicións imprescindíbeis para asegurarmos a cohesión social e unha democracia de calidade. Desde esta perspectiva, as propostas de que os robots paguen impostos e de que toda a cidadanía dispoña dun ingreso básico incondicional adquiren todo o seu sentido. É imaxinábel que algún día os androides soñen con ovellas eléctricas, pero polo de agora está claro –e os defensores do statu quo sábeno moi ben– que non necesitan sindicatos, nin baixas por enfermidade, nin vacacións, nin xubilacións. Os robots non van soñar coas nosas pensións. Para nós, en cambio, a paulatina laminación do sistema público de repartición pode ser un verdadeiro pesadelo.

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Ten varios traballos publicados, pronunciou conferencias e organizou cursos universitarios sobre diversos temas políticos e culturais. Traduciu a Thomas Mann (A morte en Venecia) e a Heinrich Böll (Opinións dun pallaso), e é autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.