Desmigallando un chisquiño En Marea

“En Marea naceu para mudalo todo” eis unha das primeiras consignas que se poden ler na súa web. Non semella un obxectivo sinxelo, mais xa desde o seu nacemento, tentou mudar aspectos impotantes: En Marea non nace como un partido clásico ou unha coalición de partidos, senón como un proxecto político de adscrición individual, onde teñen cabida persoas que militan nalgún partido ou organización, persoas que acabaron desencantadas no seu momento ou quen ate o de agora non pertencera ou non se vira representada por ningún dos partidos existentes.

Deste xeito, pretende ser un espazo aberto, de cooperación, onde as persoas sexan partícipes do proxecto, facéndoo seu, decidindo sobre tódalas cuestións relevantes da axenda política, caracterizándose pola pluralidade, a transversalidade e a aposta por unha organización de esquerda nacional útil para o país.

A participación e a implicación e compromiso das persoas é esencial, tanto neste como en calquera proxecto que pretenda ter unha incidencia real no seu contorno. A xente precisa que as súas opinións sexan valoradas, que as súas necesidades sexan cubertas e as súas propostas tidas en conta, precisan vieiros de participación que lles permitan sentir que o proxecto é seu. Estes procesos de participación non están libres de atrancos, debates ou contradicións, mais superalos tamén é parte do proceso, dando forza ao proxecto e ás persoas que o fan, construíndo novas alternativas e xeitos de facer.

Débese ter presente que cada concello ten as súas características, as súas demandas e necesidades, as súas potencialidades e aspectos a mellorar, e quen mellor as coñece son as persoas que viven nel, polo que é esencial que as súas demandas, propostas e peticións sexan escoitadas e trasladadas ás institucións para buscarlle solucións.

Para artellar esa participación cidadá, tendo en conta a diversidade da que falaba, En Marea debe apostar por constituír asembleas territoriais, co obxectivo de dotar dunha ferramenta eficiente ás persoas para trasladar as demandas e necesidades do seu concello ou comarca, propostas, inquedanzas, etc. ás institucións, dotando a estas asembleas de recursos de apoio (formativos, informativos, etc.) e descentralizando a toma de decisións para que estas sexan debatidas, traballadas, etc.

En Marea debe seguir mudando, medrando e consolidándose para non traizoar a confianza que a cidadanía galega puxo nela. Debe ser unha forza política con soberanía de seu, que non se supedite a forzas alleas nin a grupos de presión. Ese debe ser o camiño a seguir para acadar o obxectivo de mudalo todo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.