Unha consulta para mudar as cousas

O un de outubro é a data elixida polos lexítimos representantes do pobo catalán para consultar á cidadanía sobre un aspecto transcendental para o seu futuro. Dita convocatoria non é un desafío, é unha oportunidade para afondar na liberdade e na democracia. Porén o estado español non quere que se realice esta consulta, haxa ou non argumentos ou sensatez na proposta. Os poderes do estado están atrincherado nunha decisión política na que xa nin se toman en consideración as diversas interpretacións que estiman perfectamente acorde coa legalidade a  celebración da devandita consulta. Cunha lectura aberta dos artigos 92, 149.1.32 e 150.2 da Constitución a realización podería ser posíbel tal e como se contempla nos rigorosos e numerosos traballos publicados polo Institut d´Estudis Autonòmics, polo Consello Asesor para a Transición Nacional, así como por prestixiosos xuristas e politólogos coma Jaume López, Jorge Cagiao ou Mercè Barceló entre outros. Dan igual os argumentos xurídicos, políticos ou morais; no mellor estilo de autoritarismo político nin se quere negociar, nin se quere falar do tema.

Esta negación patolóxica da realidade plurinacional por parte do identitarismo español, esta negación ao recoñecemento do diverso, está na base dun conflito cuxa responsabilidade corresponde en exclusiva ao Estado que renega a priori da posibilidade dunha solución negociada. Non queren que o pobo catalán vote porque saben que, independentemente do resultado, esa votación reafirma e confirma unha identidade ao marxe da española, unha autocomprensión e expresión coma suxeito político diferenciado. Saben, tamén, que hai outras nacións no estado que poderían exercer este dereito. Isto, que nas sociedades decentes e civilizadas non supón ningún trauma, na España rancia esperta os máis baixos instintos da intolerancia e do fanatismo de toda unha caste de patrioteristas acomplexados que se axeonllan perante os ditados do capital multinacional mais se sinten poderosos impoñéndonos misas e touradas, lingua, himno e bandeira, control e código penal.

Cóntase que durante a redacción da Constitución de 1876, e mentres se debatía sobre a definición da condición de español, o presidente do Goberno daquela, o lider conservador Antonio Cánovas del Castillo, canso da discusión propuxo unha fórmula na que se contemplase que “é español quen non pode ser outra cousa”. Esta anécdota que debería figurar nos folletos publicitarios da Marca España pode, malia o seu negro sentido do humor, axudarnos a comprender como as elites gobernantes españolas sempre deveceron por un concepto de pertenza substitutivo da carencia dunha auténtica cidadanía. Porque Cánovas del Castillo e toda a plutocracia que gobernaba ao seu antollo evidentemente gozaban de múltiples oportunidades para poder ser outras cousas e facer moitas máis. Era o pobo desposuído, maltratado e explotado ao que había que lle ofertar o orgullo de ser español para que, nos vindeiros anos, morrera matando en Cuba, en Filipinas e no Rif baixo consignas relixioso-patrióticas, simulando vellas e míticas xestas imperiais. E ao final, tras corenta anos de adoutrinamento no totalitarismo da ditadura franquista e corenta de réxime constitucional resulta ser que os que non queren ser españois non poden ser outra cousa. Mais cabe que a estas alturas da historia os cálculos do identitarismo español erren e xa non poidan ter certeza de que a apelación ao orgullo e á misión nacional lle vaia valer para lograr adhesións entusiastas, mesmo dentro de España, na adopción de medidas agresivas e antidemocrática contra un pobo que pretende decidir civicamente.

De todos os xeitos non podemos facer predicións. Os acontecementos no mundo actual desenvólvense cunha celeridade que dificulta enormemente traspasar as fronteiras do inmediato e só permite albiscar tendencias. Penso na formulación de Badiou do acontecemento coma evento de natureza imprevisíbel, capaz de desencadear outros fenómenos así mesmo imprevisibeis e, tamén, capaz de romper as liñas de continuidade, de crear disrupcións en calqueira momento do proceso e inserirnos noutras dinámicas impensadas. Precisamente por isto cómpre prepararse para escenarios diversos e complexos.

Hai uns días Guardiola, diante de decenas de miles de persoas, apelaba a intervención da comunidade internacional na defensa dos dereitos ameazados. En certo modo xa estaba adiantando unha petición de axuda, un chamamento solidario, fronte unha probábel resposta violenta do Estado español. Sería doado lembrar que a solidariedade non é unha manifestación de simpatía ou axuda cara a alguén que padece un problema que nos é alleo. Pola contra, solidariedade consiste en actuar comprendendo que a situación de necesidade do outro tamén é a nosa; que calqueira decisión ou resultado vai repercutir en todos e, xa que logo, nos implica. Mais con certeza que as cousas van mudar a partires de outubro sexa cal for a situación resultante. Agora ben, o avance no proceso de democratización da situación actual vai esixir o compromiso das forzas políticas que acreditan nos dereitos humanos así coma o apoio das mesmas ás vindeiras mobilizacións que a cidadanía catalana realize para enfrontar as posibeis represalias que, desde as instancias do poder, tenten impedir o dereito democrático dos pobos a decidir libremente o seu futuro. Levar este outono a unha primavera de esperanza será un grande chanzo na construción dun mundo mellor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.