Eufemismos de cor

Pasar a mellor vida, un eufemismo que substitúe a morrer co fin de ocultar o significado desta última. Ese significado considérase negativo debido á perda dunha persoa que, en vez de morrer, acabando así a súa vida, comeza outra mellor no que se supón o máis alá.

Home de cor, un eufemismo que substitúe a home negro co fin de suavizar a súa connotación negativa. O significado negativo que implica unha cor, coma se ter a pel dun xeito ou doutro determinara a valía dunha persoa que sente, pensa e razoa por si mesma e que é tan capacitada e valiosa coma calquera outra, sen estar condicionada por unha cor da que debería estar orgulloso.

O racismo é algo que en pleno século XXI, dinnos, está case erradicado. E así debería ser, pero non o é. Non pode estar erradicado cando perdura unha mentalidade que rebaixa a xente doutra raza, coma se non fosen todas elas  iguais, cando miles de persoas se ven obrigadas a fuxir da súa nación, da terra en que viviron todos os seus antepasados, debido aos conflitos causados por eses mesmos que agora non lles dan refuxio alegando que son violentos, pero, quen é o violento, o que foxe ou o que fai fuxir?

Non pode existir a igualdade cando en países coma Estados Unidos membros do corpo de policía, que se supón defende os intereses de todas e todos os seus cidadáns, discriminan as minorías raciais e étnicas e incluso matan persoas por culpa deses prexuízos, quedando impunes grazas á acción (ou inacción) dunha xustiza cega e manca, que non é quen de nivelar a súa balanza cando só ten un brazo para o facer. Quen é o violento, o que morre ou o que asasina? O que permite que se mate ou o que denuncia a violencia?

Como poden dicir que xa non existe cando o presidente do país con máis peso político do mundo fai declaracións claramente xenófobas sen que ninguén por parte da comunidade internacional mova un só dedo nin diga unha soa palabra? Escúdanse en que xa non hai feitos que destaquen, pero non se di que segue existindo esa mentalidade baseada na barbarie.

Non se di que o cidadán mira mal o seu veciño do lado polo feito de que non é igual ca el, porque é negro ou leva hijab, ou simplemente ten un acento que non é ao que está habituado, só por ser diferente. Só porque a este cidadán se lle inculcaron uns valores anticuados e estancados na xenofobia, cando o que se debería estar a facer é promover a xenofilia e defender aquelas minorías que estean sendo discriminadas.

O que se debería facer é eliminar a hipocrisía dalgúns, que admiran a aquel actor afroamericano ou musulmán famoso pero, pola contra, infravaloran as persoas que pertencen a esa mesma cultura pero non son famosas nin aclamadas polo gran público. Dalgúns que si queren aceptar os inmigrantes, pero só os que traen diñeiro. Deberíase acabar con todas as mentiras que son lanzadas contra estas minorías, co triste pensamento dunha parte da sociedade de que aqueles que veñen co único obxectivo de asegurar a súa supervivencia veñen roubar postos de traballo; ca falsa idea de que se os soldos son tan baixos é debido a que estas persoas os aceptan, no canto de pararse a pensar que quizais sería mellor protestar xuntos para que o soldo suba, non só para o seu colectivo, senón para os dous. Porque á fin e ao cabo, os dous son o mesmo, seres humanos, que pertencen a un mesmo mundo, sen diferenciación entre o primeiro e o terceiro.

Seres humanos que deben estar por riba de calquera tipo de fronteira, sexa unha liña sobre un papel, unha barreira étnico-cultural ou un muro levantado con ladrillos feitos do odio de quen ten medo a que a xente se decate de que non hai diferenza entre ningunha persoa, e que, se a hai, é porque se están a facer mal as cousas.

O racismo non é algo ao que poidamos permanecer indiferentes: non apoiar a minoría é pórse inmediatamente do lado do forte. Todas e todos nós debemos erguer a voz para que as cousas cambien, para rachar coas fronteiras, derribar os muros e comezar a pensar que todas e todos somos un, e que a evolución da sociedade radica na diferenza entre iguais.

Se facemos iso, chegará un día en que os eufemismos de cor finalmente pasen a mellor vida. Se non o facemos, o famoso “I have a dream” de Martin Luther King pode transformarse en pesadelo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.