Trump, corpus alienum

Cando un obxecto penetra no corpo dun xeito accidental, intencionado ou iatroxénico, o propio corpo, tras detectar que o obxecto que se introduciu nel non é normal, reacciona coa correspondente resposta de rexeitamento nos tecidos afectados, que habitualmente é dolorosa e inflamatoria. Cando esta resposta se revela insuficiente é preciso que interveñan os médicos para extraeren o obxecto con maior ou menor urxencia, dado que pode causar moitos problemas, mesmo a morte.

En xeral, os organismos tenden a buscar a súa supervivencia, para o cal adoitan contar, fronte ás anomalías potencialmente perigosas, con mecanismos de alerta e mais con recursos de loita. E cando falamos de organismos non estamos limitándonos aos seres vivos. Un sistema político, por exemplo, dótase de recursos institucionais cuxa función é a preservación da súa integridade, e procura marxinar e, se é preciso, expulsar todo axente desestabilizador cuxa posición se achegue ameazadoramente ao centro do seu campo. Iso sucede, en realidade –alén do discurso constitucional lexitimador–, polo interese que teñen os axentes centrais na preservación das súas posicións de poder.

Non é en absoluto posíbel descartar que o sofisticado sistema político estadounidense non estea xa a identificar o presidente Trump como un corpo estraño. Sobrarían motivos: os presuntos contactos do equipo electoral de Trump con representantes rusos; a suposta revelación de segredos á diplomacia rusa por parte do propio presidente; a sospeita de que Trump aceptou cartos provenientes de gobernos estranxeiros; a enciclopédica ignorancia do presidente en temas fundamentais; ou a súa grave desorientación en materias como a política exterior, a de alianzas, a comercial ou a climática, nun contexto internacional en que a supremacía dos EUA está a ser cuestionada tanto por Rusia como pola China. Non é casual, polo tanto, que, menos de seis meses despois da toma de posesión de Trump, xa se fale tan abertamente da incapacitación prevista na sección 4 da emenda XXV ou mesmo da destitución ou da inhabilitación a través do impeachment previsto na sección 4 do artigo II da Constitución.

Para o sistema, o problema principal non é o discurso reaccionario e infantil de Trump, non é a vergoña allea que provoca, nin sequera son o seu sexismo e as súas mentiras. O problema tampouco é, obviamente, a política con que pretende profundizar na desigualdade a través, por unha banda, de recortes na sanidade e nas políticas sociais e, por outra banda, da substancial rebaixa dos impostos aos ricos (entre os que se atopa o propio Trump). Se puidesen seguir a controlar o sistema, as elites políticas, corporativas e militares, para as cales a democracia liberal é unha pedra no zapato, tamén convivirían perfectamente cos modos egotistas, inestábeis e erráticos de Trump. Non, o problema tampouco é o desprestixio da presidencia ou a pésima imaxe dos EUA. O problema é outro: é a posibilidade moi real de que Trump acabe debilitando os fundamentos do edificio institucional construído para favorecer os intereses do establishment. Así que, se Trump é percibido como un corpus alienum, vai ser extraído. Sería unha operación complicada e traumática. Pero o sistema sabe que non habería alternativa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.