Golpe á Comisión e osíxeno para a Iniciativa Cidadá Europea

No contexto do recorrente debate sobre o déficit democrático da UE, a Iniciativa Cidadá Europea (ICE), pola que un millón de cidadáns europeos poden promover nova lexislación, foi considerada coma unha das principais innovacións do actual Tratado de Lisboa.

Xestada na fase final das negociacións do malfadado Tratado Constitucional para Europa, a coincidencia de políticos e académicos era practicamente unánime á hora de narrar as virtudes potenciais da ICE para mellorar a relación entre as institucións e os cidadáns europeos. Chegouse a recoñecer neste mecanismo europeo de participación cidadá unha "terceira lexitimación democrática" da UE xunto coa de Parlamento e Consello, converténdose nun dos eixos destacados polo Presidente Zapatero durante a derradeira presidencia española da UE.

Como evidencia a experiencia española, moitos cidadáns non foron alleos ás bondades do novo instrumento. Segundo o Eurobarómetro posterior ó referendo do Tratado Constitucional de 2005 en España, o 45% dos electores coñecían o mecanismo e o 65% consideraban que o Tratado fortalecería a democracia a nivel transnacional. Este amplo coñecemento cidadán é considerado coma un dos factores favorables á aceptación do novo texto no noso país e o noso entón máis amplo achegamento e recoñecemento da UE.

Segundo as previsións, co recoñecemento dos dereitos de participación política coma os concedidos pola ICE debería de reforzarse o sentimento de cidadanía e de pertenza ó proxecto comunitario. Porén, cunha profunda crise económica de por medio, os niveis de aceptación do proxecto europeo sitúanse nas taxas máis baixas da súa historia. A ICE, lonxe das pretensións orixinais, aparece coma un mecanismo entumecido pola visión cicateira da política que proxecta a Comisión Europea e que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) pon agora en cuestión.

No que vai de ano, o alto tribunal europeo anulou 2 das 20 decisións da Comisión de denegación de rexistro dunha ECI, poñendo en cuestión a actitude restritiva do executivo comunitario en relación a un instrumento de participación cidadá chamado a contribuír á superación da persistente crise da representación política.

O último caso, resolto o 10 de maio (T-754/14), avala a toma en consideración da ICE "Stop TTIP", contraria á negociación do CETA con Canadá e da Asociación Transatlántica de Comercio e Investimento que Donald Trump se encargou de enterrar. Segundo os organizadores, máis de 3 millóns de sinaturas a apoian, tres veces máis das necesarias. A sentencia anterior, de 3 de febreiro (T-646/13), refírese á proposta "un millón de sinaturas en favor da diversidade" en defensa da protección das minorías nacionais e lingüísticas e o reforzo da diversidade cultural e lingüística da UE. A iniciativa ten agora o prazo de sinaturas aberto ata abril de 2018.

Os números da falida experiencia da ICE falan por si mesmos. Das 66 ICE postas en marcha en pouco máis de 5 anos de funcionamento do mecanismo, 20 foron rexeitados por cuestións de forma (caso das 2 readmitidas), 18 non acadaron o umbral de sinaturas necesarias e 14 foron retiradas antes de prazo. Só 3 iniciativas foron tomadas en consideración, unha das cales sería aceptada, todas elas do 2012, ano de posta en marcha do novo instrumento. Outras 11 ICE permanecen abertas, á vista do panorama, con perspectivas pouco favorables.

Hai agora 2 anos, a Comisión fixo o primeiro balance trienal de implantación da ICE amosando unha visión autocompracente contraditoria coa evidencia duns datos que reflicten o fugaz auxe e declive do instrumento (20 propostas activadas en 2013 fronte ás 5 de 2016) e o escaso resultado dunha única ICE aceptada, sobre o dereito á auga, pendente despois de cinco anos dos desenvolvemento lexislativos que contempla.

A segunda revisión do instrumento, que se producirá en 2018, supón unha nova oportunidade para abordar as carencias que encontra a regulación dun mecanismo pensado para facer á cidadanía europea copartícipe do proxecto comunitario, unha finalidade que está lonxe de acadar na actualidade e á que a Eurocámara debería de dar resposta antes das eleccións europeas de 2019.

Debemos de considerar que os mecanismos de tipo indirecto coma a ICE -a diferencias dos directos coma o referendo- depositan na representación política a decisión final sobre unha proposta cidadá xurdida "desde abaixo". Polo tanto, nada debe de facer temer a lexisladores e/ou gobernantes sobre o contido dunhas propostas que, en última instancia, lles corresponde decidir a eles mesmo.

Cabe valorar ademais o papel da ICE coma ferramenta de construción de cidadanía europea, en particular, á vista de que máis do 70% dos membros do comités organizadores das iniciativas teñen entre 21 e 30 anos. É mais, na activación deste mecanismo de participación, á par de Alemaña, Italia e España, e só superados por Francia, sitúanse os cidadáns do Reino Unido onde se estima que o 70% dos xoves votaron a favor da permanencia do seu país na UE.

Ademais do umbral dun millón de firmas ou das restricións competencias que invoca a Comisión para denegar o rexistro dun elevado número de propostas -entre as que se contan iniciativas sobre cuestións sociais e ambientais de amplo interese, coma a renda mínima obrigatoria ou a enerxía nuclear-, a ICE conta coa particularidade de que é o executivo comunitario, é dicir, a Comisión Europea, á que lle corresponde decidir sobre a pertinencia política ou non das propostas. Unha función que nos mecanismos nacionais equivalentes corresponden sempre ós parlamentos.

Na ausencia dunha proposta lexislativa da Comisión, no mellor dos casos, as propostas cidadás pasan tanxencialmente polo Parlamento Europeo a modo de audiencias informais cos propoñentes que, con sorte, contan coa asistencia dalgúns poucos deputados europeos.

Facendo un paralelismo co caso español, os efectos que se producen co papel da Comisión no desenvolvemento da ICE son equivalentes ós do voto de toma en consideración en Pleno nas Iniciativas Lexislativas Populares no Congreso, de maneira previa á súa correspondente discusión e emenda en tanto que iniciativas lexislativas propiamente ditas. En España, esta disposición conduce o rexeitamento sen debate de máis de un terzo das propostas (39 de 99 ILP), con outro tanto que non acada o umbral de sinaturas (40), uns porcentaxes moi semellantes ós da ICE.

A regulación efectiva deste tipo de resortes de participación pasa por dotar á cidadanía da posibilidade de defender as súas iniciativas e contrastar as súas propostas cos representantes democraticamente elixidos nas urnas. Así acontece nos modelos do noso entorno cun funcionamento máis efectivo das iniciativas populares. Trátase apenas dun exercicio democrático tan saudable coma necesario, máis no actual escenario socio-político de patente desencanto, que os partidos políticos tradicionais deben de practicar contribuíndo á osixenación do sistema democrático e á contención do alarmante afastamento de cidadáns e institucións.

En resumo, a consideración parlamentaria das propostas dos cidadáns en debate cos seus promotores, conforme a unha perspectiva material de tipo inclusivo, na liña marcada polo TXUE, son algúns dos principios básicos que debería de contemplar a futura revisión da normativa da ICE coma instrumento efectivo de participación. Principios que, por outra parte, deberían de aplicarse á tamén falida Iniciativa Lexislativa Popular do noso ordenamento estatal.

O exercicio do debate parlamentario cos promotores de iniciativas lexislativas en ningún caso danará a calidade da democracia. Ó contrario, a mellora da consideración da representación política por parte da cidadanía parece, ademais de desexable, máis que probable.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.