0 Gardados para despois

Laureano Araujo

Cinco séculos ignorando a Martiño Lutero

Schwäbisch Hall é unha fermosa vila de algo menos de 40.000 habitantes situada no sur de Alemaña, no Land de Baden-Württemberg. Máis da metade da súa poboación pertence á igrexa evanxélica, a organización protestante máis importante do país. Na vila, a igrexa central desta confesión atópase no alto dunha escalinata impoñente que domina a praza do mercado. Ao visitante galego que se achegue a esta igrexa de san Miguel vanlle chamar a atención os carteis alusivos aos 500 anos da reforma luterana. E é que en Galiza, onde non hai nin a metade de protestantes que en Schwäbisch Hall, este acontecemento pasa case por completo desapercibido. Porén, un 28% dos alemáns e un 13% dos europeos son protestantes.

Vai ser o 31 de outubro cando se celebre o quinto centenario da lenda segundo a cal o monxe agostiño Martiño Lutero fixou as súas célebres 95 teses na entrada da igrexa do castelo de Wittenberg. En realidade, Lutero non dixo nada que non dixesen bastante antes ca el reformadores como o inglés John Wycliffe ou o bohemio Jan Hus. A súa idea nuclear era a xeneralización do sacerdocio entre os bautizados: cada un resolve as súas cuestións de fe coa única axuda d’A Biblia e sen intermediarios (sola scriptura). Rachábase así co monopolio do clero e individualizábase e democratizábase a relixión. De feito, se o propio Lutero traduciu A Biblia –non foi o primeiro en facelo en Alemaña, pero si quen o fixo mellor e con máis éxito–, foi precisamente para que todos puidesen lela; o cal, xunto coa súa preocupación pola formación da xente común, deu lugar a unha verdadeira revolución cultural.

Houbo cousas coas cales, en cambio, Lutero non rachou. Por exemplo, coa tradición cristiá do antixudaísmo e do antisemitismo, que desenvolveu ao longo dos anos até conferirlle a terríbel intensidade do odio en estado puro. En xeral, Lutero foi moi contrario a alterar o statu quo terreal, como demostra o seu consello de reprimir duramente os labregos rebeldes, que non entenderan a súa doutrina sobre a liberdade dos cristiáns e non diferenciaban entre a liberdade interior e a pública. Tamén as mulleres e as bruxas estiveron na temíbel diana do reformador. Finalmente, Lutero acabou amosando unha indisimulábel tendencia cara á violencia fanática contra todo aquel que non recoñecía a verdade das súas ideas, empezando polo papa.

Lutero é, polo tanto, un personaxe complexo. A igrexa evanxélica alemá procura evitar que a imaxe do teólogo sufra baixo o peso dos seus trazos máis escuros, mentres a cidadanía se entretén coas conmemoracións e se divirte coa proliferación dos multicolores obxectos do merchandising luterano. Cando un galego pasea por Schwäbisch Hall ou admira, na igrexa da orde de san Xoán, que alberga unha parte da colección Würth, dous retratos de Lutero feitos por Lucas Cranach o Vello, decátase sorprendido de que no seu país non hai achegamento crítico ningún á figura extraordinaria de Lutero, cuxo impacto no devir de Occidente, porén, é obvio. E este desleixo é algo que debemos lamentar todos, e non só os nosos concidadáns protestantes.

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Ten varios traballos publicados, pronunciou conferencias e organizou cursos universitarios sobre diversos temas políticos e culturais. Traduciu a Thomas Mann (A morte en Venecia) e a Heinrich Böll (Opinións dun pallaso), e é autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.