0 Gardados para despois

Carlos C. Varela

Castelao e os processos constituíntes

No decorrer de uma conversaçom epistolar de prisom a prisom com Arnaldo Otegi (em parte publicada como entrevista na revista Luzes), apresentou-se a experiência de Castelao na realpolitik republicana, “confessade” no Sempre en Galiza, como um valioso guia para as esquerdas independentistas da Galiza, País Basco e Catalunha nestes tempos de posibilidades constituintes e de rutura. Um debate silenciado preside a principal encruzilhada das forças ruturistas no presente ciclo político: o “candado do 78” tem que abrir-se necessariamente em Madrid ou, pola contra, onde mais fácil parece romper é nas “naçons periféricas”, nomeadamente em Catalunha? A (nova ou velha) esquerda española disfarça de abstençom a sua clara aposta na primeira poçom estratégica, resultando mui difícil construir come la umha genuína fraternidade internacionalista.

Por todo isto compre revisitar o Sempre en Galiza de Castelao, mas nom porque Castelao fosse independentista, que nom o era, senom precisamente porque este livro é a máxima expressom do sentimento de desengano que sofreu o federalista mais convencido da II República española. As suas páginas menos teóricas, as escritas mais ao calor da açom política, dam conta da desesperança de bater umha e outra vez com o muro do insuportável nacionalismo da esquerda española, que acaba convencendo ao líder galeguista –mui ao seu pesar- de que a única via realista para democratizar o Estado espanhol e manter umha relaçom de solidaridade internacionalista com a sua esquerda é o independentismo. Assim o explicou com essa ironia que sempre encerra umha grande tristeza: “Calvo Sotelo –o noso leal e teimoso adversario- esplicou nun acto de Barcelona (xaneiro do 1936) o alcance daquela frase súa: Querría mejor una España roja que una España rota […]. Os galeguistas comentamos oportunamente aquelas frases do noso nemigo e dixemos que discurría moi ben […] Poderíamos traducir a espresión de Calvo Sotelo nesta frase: Sólo en una España rota subsitiría una España roja. I entón recoñeceremos que ningún estadista da segunda República pronunciou unha frase que ningún estadista da segunda República pronunciou unha frase máis acerta”. Eis a tese central do Sempre.

No “Libro Primeiro” Castelao já explicita que o seu propósito nom é tanto combater o espanholismo, que já se dá por suposto, quanto “propor á consideración dos galegos leaes un programa único de reivindicacións e unha liña táctica de defensa contra o centralismo que se agacha nas “esquerdas” republicanas”, asegurando que é prioritário convencer os republicanos espanhóis de que, “nunha República unitaria, o lema de Liberté, Fraternité, Egalité a penas sirve máis que para ser colocado na porta dun cimeterio”. Com umha atualidade assombrosa, Castelao recusava as que consideraba as duas caras do nacionalismo espanhol, “porque a intransixencia cerril dos monárquicos e a tolerancia regateira dos republicanos non pode confundirse coa solidariedade fraternal que arelamos os federalistas. A “custión catalana” –igual que a vasca e a galega- non é un delito que deba reprimirse, nin é unha enfermedade que poida curarse”.

De maneira quase obsessiva repite Castelao no “Libro Segundo” que o grande erro táctico do Partido Galeguista durante a II República foi o que confiar na conquista dos direitos nacionais e sociais pola via da “generosidade do Estado espanhol: “Eu dígovos que os galegos sóio impoñeremos respeito cando se nos considere capaces de tronzar os vencellos que nos xunguen a Hespaña e cando nós mesmos deprendamos a vivir en absoluta independencia dos hespañoes. Eu dígovos que os republicanos vitoriosos intentarían, dispois da guerra, negarnos o Estatuto autonómico, e teríamos que loitar duro para conquerilo. E teño moitas razóns para esta sospeita, fundadas, todas elas, no coñecimento dos homes da República e na súa teima unitaria e centralista. E conste que tal convicción non me causa ningún pracer, porque somentes ante un separador me podo eu sentir separatista”. O profundo malestar do de Rianxo perante o irreconhecido nacionalismo dos seus companheiros espanhóis, viu-se algo conjurado om a confirmaçom das suas teses por um observador externo (“Non é que un estranxeiro vexa mellor as realidades de Hespaña; é que un estranxeiro non ten os prexuízos patrióticos, simplesmestes casteláns, que teñen os gobernantes hespañois”), o político británico Scrutator, que pasava por ser o portavoz de Chamberlain e que em um martigo publicado em 6 de novembro de 1938 publicado no Sunday Times dava a razom a Castelao: a única garantia para a paz e a democratizaçom do Estado espanhol passa polo reconhecimento do direito de autodeterminaçom da Galiza, País Basco e Catalunha; de tê-lo feito, a república resistiría melhor o golpe fascista.

Ainda ficam por resgatar, para este tempo de continuidade ou rutura, algumhas chaves argumentais com as que Castelao se defendia do nacionalismo espanhol e explicava a recuperaçom dos direitos nacionais da Galiza como umha contribuiçom à libertaçom das classes populares espanholas

Som anos de duro combate no exílio, nom só contra Franco mas também contra um governo republicano que continua a negar o estatuto galego aprobado em referendo e a soberania dos seus dirigentes para organizar a resistência. Som os momentos em que Castelao passa a sentir-se mais independentista: “Comezo a escribir esta terceira parte dispois de comprobar por enésima vez a intransixencia española frente a calquera problema renovador do Estado. A inhumanidade da Hespaña nacionalista, empeñada en afogar o estremecimento dos particolarismos hespañoes, non é precisamente o reverso da Repújblica que perdemos na guerra civil. E o que máis nos doe é que os compañeiros de desterró siguen soñando coa República do 31, causa indirecta da nosa door”. Dessa maneira Castelao recusa abertamente a linha estratégica que lhe impunham os republicanos espanhóis, conforme a qual a recuperaçom de soberania da Galiza passaria necesariamente por Madrid e a sua generosidade. “Non acepto que se nos sinale a obriga de loitar pola República española “porque ela vai ser a que nos conceda o Estatuto autonómico”, como din os republicanos de secano […]. Pero é que a mor parte dos republicanos hespañoes teñen unha vocación castellanista, por non decir totalitaria, que decote se enfrenta co noso hispanismo. E para eles escribo este libro, pois cos usurpadores da legalidade nin tan siquera pretendo polemizar”. Na última seçom, o “Libro Cuarto”, já apenas pode chegar ao corolário lógico de tanta frustraçom: “Non temos ningunha fe nos hespañoes, pero témola en nós mesmos e nas ideas que profesamos”.

Ainda ficam por resgatar, para este tempo de continuidade ou rutura, algumhas chaves argumentais com as que Castelao se defendia do nacionalismo espanhol e explicava a recuperaçom dos direitos nacionais da Galiza como umha contribuiçom à libertaçom das classes populares espanholas. Antes como agora, o nacionalismo espanhol de Estado acusava aos autodeterministas de quererem fazer o que, na realidade, estavam a fazer eles: envolver as suas desigualdades sociais na bandeira do patriotismo e erguer fronteiras. Com agilidade de judoka, Castelao colocava as cousas no seu sítio e denunciava o que ele chamava o verdadeiro separatismo, o “separatismo de caste”: “Falan de que nós queríamos poñer fronteiras. Eles si que están poñendo fronteiras: son fronteiras verticales. Porque eu pregunto […]: ¿Qué son os homes ricos, os poderosos, sinón unha nación independente dende o seu nacimento? ¿Qué son os traballadores, os probes, os humildes, sinón unha nación oprimida, arredrada de outra, donde todos son distintos desde que nascen? Pois eles que nos falan de que queremos crear máis fronteiras horizontales, temos que decirles: os separatistas sodes vós que facedes a separación máis criminal; mais tamén decimos que nós acabaremos con esas fronteiras verticales”. Ainda, para Castelao o unionismo espanhol é o artefacto com o que a burguesia espanhola, repartindo a miséria, consigue que nom se localize tam bem a responsabilidade dos que a produzem, tendo sempre à mao o bode expiatório das “regions separatistas” e o seu egoísmo insolidário. Para Castelao, “ceibe Catalunya, ceibe Euzkadi, ceibe Galicia, xa os pobos de Andalucía, Extremadura e Castela, pobos irmáns do noso, saberán conquerir a súa liberdade mellor que xunguidos todos”, ao desprovir à burguesia espanhola do comodim do “separatismo”. Tese semelhante à de Tariq Ali, quando defende desde Londres a independência de Escócia como um avanço para as classes trabalhadoras inglesas; ou à de Raul Zelik a respeito da Galiza, Pais Basco, Catalunha e Espanha, mas que continua a ser impensável para uns companheiros espanhóis apenas dispostos a “tolerar-nos”, e que pola sua cegueira nacionalista estám a deixar passar a única opçom real de democratizar o seu país, que é apoiar solidariamente os processos de rutura que se estám a dar onde o regime do 78 é mais feble.

Acerca de Carlos C. Varela

Carlos Calvo Varela (Ordes, 1988) foi detido pola Policía Nacional o 15 de setembro do 2012 en Vigo e desde aquela está en prisión. Actualmente atópase no cárcere de Villabona (Asturias), despois de ter pasado neste tempo por sete cadeas diferentes e pasar varios procesos xudiciais. Finalmente, foi condenado a sete anos de cadea por "colaboración terrorista"; e foi absolto noutro proceso no que lle pedían outros 16 anos de prisión. Ten sido sometido a numeras vulneracións dos seus dereitos. Entre outros, sofreu case unha vintena de cacheos ilegais en centros penitenciarios en diferentes anos, accións polas cales os tribunais condenaron ao Estado a ter que indemnizalo cun total de 5.000 euros en conceptos de danos causados á súa persoa.

Colaborador de varios medios de comunicación, estudante de Filosofía e de Antropoloxía e investigador, ten publicado, e sigue a facelo, numerosos artigos en portais web, periódicos, revistas e libros, ademais de realizar un importante labor como dinamizador social e cultural en diferentes agrupacións de Compostela e da comarca de Ordes.

A Rede de Apoio a Carlos Calvo abriu ao pouco da súa detención o blog e o facebook De volta para Loureda, medios a través dos cales se vai dando conta das novidades relacionadas con Carlos e do seu día a día na prisión e que tamén pretende ser un punto de encontro que apañe canta solidariedade sexa posible para el e para todos os presos que se atopen en situacións semellantes.