Harald Welzer e o panóptico dixital

Se hai uns anos aínda podiamos afirmar que unha cousa era a realidade e outra ben distinta a realidade virtual –real en aparencia–, agora sospeitamos que as cousas mudaron e que hai un crecente segmento da realidade tout court que se desenvolve enteiramente na internet. É probábel, por exemplo, que ao lector dos medios de comunicación, os dixitais non lle parecen menos reais que os analóxicos. Con outras palabras, a pregunta sería: a realidade no seu conxunto é imaxinábel sen todo o que sucede na nube? (Neste sentido, o dicionario da RAG debería actualizar as súas definicións do adxectivo virtual.)

E este mundo intanxíbel non terá o seu lado escuro? O sociólogo e psicólogo social alemán Harald Welzer publicou en 2016 Die smarte Diktatur. Ein Angriff auf unsere Freiheit, de cuxa tradución, por desgraza, non dispomos, e onde o autor intenta contestar esta pregunta partindo da constatación de que o capitalismo actual xa non é o que coñecemos: agora tende (aínda) máis ao roubo, á desintegración, á destrución. Os máis fortes son aqueles que posúen e acumulan máis capital e máis datos, nun contexto en que o Estado e a democracia están en retroceso mentres avanzan a desigualdade e a inxustiza. Ser forte ou débil volve ser cuestión do destino, da boa ou da mala sorte que agora xa non dependen da vontade de Deus, senón do mercado, que é un poder superior que, el tamén, reclama para si a nosa fe.

Neste contorno neofeudal, en que o capitalismo e a democracia xa non parecen compatíbeis, a internet opera, non só como un medio de intercambio de información, senón tamén como unha instancia de valoración. A nosa actividade na internet achega datos utilizábeis para configurar un perfil valorativo das nosas persoas que pode ser utilizado con fins publicitarios e tamén para disciplinarnos. Hai uns anos nin se nos ocorrería proporcionar tantos detalles sobre nós, pero fomos entrando nesta dinámica aos poucos, sen podermos reaccionar ante uns cambios que teñen lugar dun xeito continuado e acelerado. Hoxe, de feito, as advertencias sobre os perigos inherentes á nosa práctica de revelarmos os aspectos máis íntimos das nosas vidas apenas conseguen espertarnos da nosa indolencia.

Porén, a maioría dos usuarios da internet utilizan Google, e as persoas con perfís activos nas redes sociais acadan os 2.000 millóns en Facebook e os 1.300 millóns en WhatsApp. E todas achegan información, incansábel e confiadamente. As compras, as buscas, os posts, os chíos, as fotos compartidas, os clics, os likes, as novas reenviadas: todos estes datos revelan os nosos pensamentos, as nosas preferencias, as nosas relacións sociais. Estamos a esquecer que a preservación da nosa esfera privada é consubstancial á orde democrática, que é a única que nos garante espazos de liberdade e seguridade nun marco institucional robusto e estábel. O totalitarismo gaña espazos, e somos nós quen os abrimos. Transparentes e cada vez máis illados, imos encerrándonos nun panóptico dixital: somos perfecta e permanentemente visíbeis, pero descoñecemos quen nos observa. En breve será evidente, e non só para Welzer: a realidade virtual é terrorificamente real.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.