0 Gardados para despois

José Luis Valcarce Rodríguez

Cambio climático e colapso

Até hai ben pouco os que falamos de colapso civilizatorio por causa do cambio climático, do declive enerxético e o esgotamento dos recursos eramos unha banda de tolos apocalípticos. Agora, até os medios mainstream falan de aumento de temperatura media de polo menos dous graos, vagas de calor extremo, do comezo da sexta extinción, etc. E se ben non se emprega o termo colapso (vai resultar que o cancro cúrase por non mencionalo) a prensa do sistema comeza a falar timidamente de consecuencias económicas e sociais.

Segundo a Organización Mundial da Meteoroloxía, o pasado ano 2016 foi o máis caloroso do que se ten constancia ao ter unha temperatura 1,1 graos superior a media da era preindustrial. A elo hai que engadir a continúa elevación da temperatura oceánica e a súa degradación.

Este ano 2017 pode ser incluso máis caloroso e a seca e os fenómenos climáticos extremos déixanse ver con virulencia, particularmente na Península Ibérica. A situación e preocupante porque en moitos lugares están quedando secos ríos, embalses e acuíferos. Os embalses españois están 15 puntos por debaixo da media dos últimos 10 anos, e os galegos, a un 59,84%, 10 puntos por debaixo da media.

Comezan a chegar informacións que indican que a seca e as elevadas temperaturas están levando á morte de especies forestais atacadas en moitos casos por parasitos que en circunstancias normais non resultarían mortais ou non terían chegado a estas latitudes.

Do mesmo xeito a situación das colleitas en España é catastrófica, con perdas de máis da metade do cereal e serias dificultades para o mantemento do gando ante a perda de pastos e incremento dos prezos.

Nembargantes, pese a gravidade da situación, non parece que gobernos e organizacións políticas queiran facer nada e moito menos discutir a concepción económica e social que nos ten levado a un punto crítico. Así, o goberno central e os seus satélites seguen vendendo o bálsamo de fierabrás do turismo, e a realidade ecolóxica non entra nos seus cálculos.

A cousa ten chegado a un nivel tal de enaxenación que a finais de maio os fenómenos paranormais que habitan San Caetano concluíron que “diante da falta de choivas” hai que recomendar aos labregos e gandeiros que subscriban “seguros agrarios para poder afrontar estas situacións”.

Esta afirmación, que nun país civilizado tería provocado o cese dos responsables de semellante imbecilidade, non mereceu apenas atención dos medios nin da oposición. Paralelamente as organizacións agrarias veñen pedindo axudas económicas, pero non transcendeu reflexión algunha sobre o problema de fondo. Todo isto e amosa o grao de desorientación respecto ao mundo que nos rodea e que afecta aos poderes públicos e aos administrados, que pensan que todo pódese solucionar con cartos sen modificar o sistema económico.

Non fai falla ser moi listo para darse conta que se non chove os seguros ou as axudas non solucionan nada. Un non pode beber cartos nin comelos, nin regar con eles ou alimentar animais. Os cartos só serven se hai recursos que poidan ser distribuídos mediante o seu uso, mais, se non hai recursos, os cartos non pasan de ser apuntes contables, promesas de pago ou cachiños de papel. Dende esta perspectiva non deixan de ser placebos tan efectivos como por á conselleira de Medio Ambienta a organizar danzas da choiva.

Estamos situados nun momento histórico que pode supor un punto de non retorno. Hai que optar por frear e que o sistema capitalista, sustentado en dogmas alleos a realidade medioambiental, colapse, ou manter o rumbo e colapsar nós con el.

Acerca de José Luis Valcarce Rodríguez

Avogado especialista en Dereito Tributario. Teño colaborado en medios como Galicia Hoxe, Xornal de Galicia ou Galicia Confidencial. Fun militante das XSG e do PSdeG, membro do Comité Nacional do PSdeG, do comité Provincial de A Coruña e do comité Local de Santiago de Compostela e voceiro da corrente Esquerda Socialista en Galicia. Son membro de Europa Laica e da asociación Véspera de Nada.