Sobre o negacionismo (eloxio do Concello de Sada)

Claudio Vercelli (o autor de Il negazionismo. Storia di una menzogna) estaría de acordo connosco: a literatura negacionista non é científica, non pode aspirar, dada a súa inconsistencia e falta absoluta de rigor metodolóxico, a formar parte do debate historiográfico; limítase a dirixirse a un público predisposto que opera como instancia lexitimadora. Se o simple revisionismo pretende relativizar a gravidade de fenómenos como o nacionalsocialismo ou o franquismo presentando estes réximes como reaccións ao expansionismo comunista, o negacionismo vai moito máis alá: descontextualiza os acontecementos e mestúraos con feitos inventados e mil veces repetidos. Ambos fenómenos, o revisionismo e o negacionismo, queren reescribir a historia, pero é o negacionismo o que intenta borrar e falsificar os feitos históricos reducíndoos á categoría de mitos. Un mito, no caso do negacionismo franquista, sería a democracia republicana como vítima dunha rebelión militar.

O éxito parcial do negacionismo español explícase porque as institucións non desenvolveron nunca unha política de memoria histórica que partise da nítida cualificación da rebelión militar de xullo de 1936 e da posterior violencia xenocida do bando franquista de atentado contra a democracia

O interesante, no caso do negacionismo español, é que o seu illamento, coherente co seu carácter autorreferencial, se ve en parte roto por tres fenómenos. En primeiro lugar, a peculiar maneira en que aquí se aborda institucionalmente a memoria histórica, que conduce a aberracións como a legalización da Fundación Nacional Francisco Franco, encargada de espallar, con fins claramente haxiográficos e apoloxéticos, a memoria e a obra do déspota. A fundación, empeñada en “mostrar al gran público la grandeza de la figura de Francisco Franco” (sic!), faise tamén cargo da organización das visitas ao pazo de Meirás, declarado en 2008 ben de interese cultural pola Xunta. O pazo foille doado en 1938 ao ditador mediante unha operación disfrazada de subscrición popular e argallada polos dirixentes do bando rebelde que controlaban a provincia da Coruña. O negacionismo relativo á shoah, que cuestiona o exterminio sistemático dos xudeus implementado polos nazis, non goza, desde logo, de tan singular trato de favor en países como Alemaña, onde as políticas públicas de memoria histórica se xestionan cuns parámetros indiscutibelmente democráticos e non permiten, como si sucede aquí, que ninguén lle dea continuidade ao discurso negacionista dos perpetradores fascistas.

A decisión adoptada polo Concello de Sada coa significativa abstención do PP é impecabelmente democrática

Polo tanto, o éxito parcial do negacionismo español explícase porque as institucións non desenvolveron nunca unha política de memoria histórica que partise da nítida cualificación da rebelión militar de xullo de 1936 e da posterior violencia xenocida do bando franquista de atentado contra a democracia. Pero hai dous motivos máis. En segundo lugar, temos moitos problemas para identificarmos correctamente o negacionismo franquista porque unha parte da nosa propia historiografía, imbuída dun espírito de reconciliación moi à la page, procura unha equidistancia entre extremismos que se plasma na extravagante idea da culpa colectiva. Finalmente, en terceiro lugar, houbo millóns de cidadáns que asistiron á violencia franquista como bystanders e agradeceron despois un relato que os afastou do lado escuro da historia. Pero que ningún discurso negacionista nos confunda: a recente decisión, adoptada polo Concello de Sada (coa significativa abstención do PP), de declarar personae non gratae os descendentes do ditador que herdaron a propiedade do pazo de Meirás e de reclamar a integración do inmóbel no patrimonio público é impecabelmente democrática.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.