0 Gardados para despois

Laureano Araujo

O socialismo. Hai alguén aí?

Por que, no actual contexto de hexemonía neoliberal –cos seus efectos demoledores para a democracia e para o planeta–, a esquerda non é quen de atopar un mínimo denominador común programático que consiga reconducir a organización política dos países occidentais polo menos cara a unha xestión civilizada do capitalismo? A propia historia do socialismo ofrece unha pista para atoparmos unha resposta a esta pregunta tan difícil: o rico universo da esquerda nace tras unha sorte de big bang de ideas e propostas moi diversas. En La imaginación socialista. El ciclo histórico de una tradición intelectual (2016), Fernando Díez Rodríguez relata esta complexa historia da esquerda e chega a unha conclusión moi pesimista.

No século XIX, o socialismo non se interesa polo Estado. Aspira a unha radical transformación social e económica que implica tamén a mentalidade, a moral e a cultura, e cuxo suxeito é a asociación obreira que opera cun modelo autoxestionario. Despois, no século XX, a esquerda politízase. Unha parte avoga pola superación do capitalismo pola vía democrática, mentres o marxismo-leninismo defende a instauración revolucionaria dunha ditadura do proletariado dirixida desde un Estado centralista, unitario e totalitario. En todo caso, todas as formas do socialismo entenden o capitalismo como un sistema inxusto e inhumano, de maneira que o anticapitalismo é o seu núcleo e o seu principal sinal de identidade, tanto no século XIX (Fourier, Proudhon, Marx, Engels) como no XX (Bernstein, Luxemburg, Lenin).

Tras a Segunda Guerra Mundial, o comunismo controla a Unión Soviética, o leste de Europa e a China, mentres a socialdemocracia segue a apostar por unha vía gradual cara ao socialismo, mediante reformas sociais (Estado do benestar) e económicas (nacionalizacións e planificación). A partir da segunda metade do século XX, o comunismo esclerotízase e a socialdemocracia abandona o marxismo e redefine o socialismo como un xeito de xestionar o capitalismo, que acaba por aceptar. Finalmente, o comunismo soviético sofre unha implosión, mentres a China se converte nunha potente economía capitalista baixo o liderado do Partido Comunista. Ao mesmo tempo, a socialdemocracia perde a súa capacidade de elaboración ideolóxica e programática. De feito, o seu reformismo social conflúe coas opcións burguesas social-liberal e democratacristiá.

O comunismo desaparece e a socialdemocracia está á defensiva e xa só ofrece algunha idea fronte aos recortes, á precarización, á pobreza. Para Díez Rodríguez, polo tanto, o ciclo histórico do socialismo rematou. Parecería así que o neoliberalismo xa non ten rival ideolóxico. Pero non será esta unha conclusión demasiado pesimista? Quizais sexa certo que a vizosa imaxinación socialista acabou estrelándose contra a resistencia do capitalismo e contra a inexistencia dunha masa crítica cidadá disposta a cambiar o sistema. Quizais sexa certo que a renuncia ao anticapitalismo privou a esquerda dun (ou mesmo do) elemento nuclear do seu ideario. Pero que dicirmos da experiencia das tres décadas posteriores á Segunda Guerra Mundial, que supuxeron nada menos que o desenvolvemento do Estado do benestar? Ese momento brillante foi ou non foi debido esencialmente aos herdeiros da tradición socialista? E se así foi: estamos dispostos, no medio da desfeita neoliberal, a renunciar a este legado?

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Ten varios traballos publicados, pronunciou conferencias e organizou cursos universitarios sobre diversos temas políticos e culturais. Traduciu a Thomas Mann (A morte en Venecia) e a Heinrich Böll (Opinións dun pallaso), e é autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.