0 Gardados para despois

Laureano Araujo

Federalismo: razón e paixón

O principal responsábel do espectacular auxe do secesionismo catalán é o PP. Foi o seu extremismo o que o levou en 2006 a atacar o Estatut organizando unha odiosa campaña anticatalá de recollida de sinaturas e interpondo un recurso de inconstitucionalidade. Porén, na súa tramitación, a norma institucional básica catalá ativérase escrupulosamente ao previsto no bloque de constitucionalidade, e durante os seus catro anos de vixencia non alterou en absoluto o funcionamento do Estado. Despois, a infausta sentenza do TC de 2010 acabou deixando a cidadanía catalá estupefacta –rexida agora por unha norma mutilada, que xa non é a que pactaron os parlamentos catalán e español e foi votada en referendo– e preguntándose, con razón, se a Constitución aínda serve para manter Cataluña dentro de España.

Aínda que a nación catalá non é titular do dereito de libre determinación, o Estado democrático debe (re)coñecer o alcance dunha demanda de independencia de ampla base social, continuada e consistente. De feito, hai países, como o Quebec (con referendos en 1980 e 1995) ou Escocia (2014), que poden decidir acerca da súa independencia. Son casos excepcionais, pero só por mor dos respectivos marcos legais. O que fixo o Parlament o 9 de novembro de 2015, cando resolveu iniciar o proceso, non sometido ás decisións das institucións españolas, de creación dunha república independente, foi precisamente inventar un marco alternativo ficticio. Coherentemente, e atentando contra os dereitos da oposición, a cámara aprobou a semana pasada a Lei do referendo de autodeterminación e mais a Lei de transitoriedade xurídica e fundacional da República. O Govern, que convocou decontado a consulta para o 1 de outubro, non deixou nunca de promover a secesión, ignorando groseiramente o seu deber de imparcialidade e violando flagrantemente, el tamén, o principio de legalidade.

Son a obtusa nomenklatura centralista e mais o separatismo mesiánico e trapalleiro, que comparten a cativeza reaccionaria das súas culturas políticas, as que nos ditan a axenda. Pero non estamos condenados a aceptar este xogo insensato, que pode ter consecuencias traumáticas. Alguén pensa en serio que o 2 de outubro, ao día seguinte do referendo reprimido, os cidadáns (1.900.000!) que nas últimas eleccións autonómicas votaron polas candidaturas independentistas van desintegrarse como pompas de xabón? Alguén pensa en serio que a Assemblea Nacional Catalana non leva meses planificando máis mobilizacións? Alguén pensa en serio que as elites separatistas van resignarse a seren sacrificadas como cordeiros no altar dunha legalidade que pretenden dinamitar? Alguén pensa en serio que se pode excluír toda posibilidade de enfrontamento civil?

España é unha nación de nacións en que países –con identidades igualmente complexas– como Cataluña carecen de núcleos substantivos de soberanía e non dan impedido o escoramento do sistema autonómico cara ao Estado. A solución á actual crise constitucional virá de quen, lonxe de todo fundamentalismo, con intelixencia, lealdade e paixón, busque unha saída pragmática, xusta e solidaria, que pasa por modificar, se for preciso, o artigo 92.1 da carta magna, elaborar unha lei de claridade moi detallada, convocar o referendo que pide a cidadanía catalá e ofrecer un proxecto sólido e ilusionante de Estado federal plurinacional.

Acerca de Laureano Araujo

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda é licenciado en dereito e doutor en ciencia política pola USC. Profesor de carreira de ensino secundario e funcionario en excedencia da Administración da Xunta de Galicia, foi subdirector académico da Escola Galega de Administración Pública e secretario de redacción da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Ten varios traballos publicados, pronunciou conferencias e organizou cursos universitarios sobre diversos temas políticos e culturais. Traduciu a Thomas Mann (A morte en Venecia) e a Heinrich Böll (Opinións dun pallaso), e é autor do poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.